20-D: Aínda que chova

Un intre da votación deste 20-D, nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Este domingo é día de eleccións e chuvia. Tras un outono que apenas semellou tal, a madrugada do sábad foi de temporal, con ventos fortes e chuvias abondosas no país e tamén noutros puntos da península ibérica. A predición de 4gotas.com para esta xornada electoral indica que durante toda a mañá deste 20-D o electorado galego terá que ir exercer o seu dereito ao sufraxio baixo unha chuvia intermitente, moderada por veces. Pero nin iso será escusa para non ir votar.

O portal meteorolóxico indica que, contra o mediodía, o vento comezará a cesar e aínda existirá risgo dalgún ballón. Pero estes serán cada vez máis espallados no tempo e, contra últimas horas da tarde -antes do peche dos colexios, ás oito- xa se poderá ir votar sen apenas risco de nos mollar. 

Este pequeno contratempo debera ser o único dunha xornada no que un total de 2.705.846 persoas teñen dereito ao voto en Galicia para elixir quen senta nos 23 escanos do Congreso e os 16 do Senado que son elixidos nas circunscricións galegas. Son, segundo os datos definitivos do censo, 17.047 persoas máis que nas anteriores eleccións xerais de 2011 e neles inclúense as algo máis de 80.000 persoas que votan por primeira vez nuns comicios coma estes en Galicia por cumprir 18 anos dende a última convocatoria.

Na liña do augurado polos inquéritos, prevese que esta sexa unha xornada de alta participación no conxunto do Estado, con gran afluencia de cidadanía nas 3.996 mesas de todo o territorio galego. A elas chegarán, durante a xornada, os sufraxios emitidos por correo. Nesta ocasión, foron arredor de 54.000 persoas as que elixiron esta vía en Galicia, segundo os datos provisionais de Correos, que aínda poden variar e que non teñen por que corresponderse coa participación definitiva.

Plan para a noite electoral

Praza Pública inicia a súa cobertura especial das eleccións ás 19:50, hora de comezo da segunda edición de Radio Praza

Estas son as condicións nas que se desenvolverá unha xornada tras a que chegará unha noite electoral que se prevé apaixonante. Praza Pública informará do desenvolvemento das eleccións durante todo o día e ás 19:50 comezará a súa cobertura especial por dupla vía: a través das páxinas de Praza.gal, como adoito, e tamén coa segunda emisión de Radio Praza, que poderá ser escoitada dende a páxina principal do xornal. 

As televisións públicas ofrecerán unha enquisa a pé de urna ás oito e, dúas horas e media despois, o Goberno central agarda ter datos reais case definitivos

Este programa radiofónico será o espazo no que, en primeiro termo, analizaremos a partir das 8 da tarde os datos da enquisa a pé de urna encargada pola CRTVG e o resto de televisións públicas. O inquérito, segundo informaron as propias canles, está elaborado pola empresa TNS Demoscopia e nel investiron case medio millón de euros para, a través dunha mostraxe de 177.000 entrevistas -dez veces máis que na preelectoral do CIS-, ofrecer unha proxección cunha marxe de erro "mínima", aseguran.

Así e todo, os datos de sondaxes estarán pouco tempo sobre a mesa. Segundo o Goberno central, arredor das dez e media da noite o escrutinio estará moi avanzado e os datos que poida ofrecer serán practicamente definitivos. A través de Praza.gal poderase seguir o reconto dos votos e a asignación de escanos e, asemade, a evolución do procedemento no resto do Estado contará cunha ampla cobertura en eldiario.es.

20-D, aínda que chova CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.