"O 13 de xuño, un millón de galegos terán un alcalde que maioritariamente non elixiron nas urnas". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou este mércores por enésima vez contra os gobernos de coalición nos concellos se estas non implican que ocupe a alcaldía o cabeza da lista máis votada. Como despois de cada elección dende que ocupa o liderado do PP galego Feijóo puxo en cuestión o carácter "democrático" deste tipo de pactos . "Creo na democracia e nos gobernos que saen das urnas", di o presidente para xustificar unha afirmación que é certa na súa literalidade, pero non na súa intención, toda vez que, en rigor, 2,7 millóns de persoas, isto é, toda a poboación, terá un alcalde ou alcaldesa a quen non elixiu nas urnas. Non directamente.
Como é sabido, nas eleccións municipais do pasado 24 de maio o electorado non elixiu alcaldes e alcaldesas, senón edís para conformar as novas corporacións municipais. O vindeiro sábado, vixésimo día despois das eleccións, os e as edís teñen que acudir ao lugar onde se convoque o pleno municipal -se houbo recurso contra o resultado esa sesión celebrarase o 3 de xullo-. Alí a persoa titular da secretaría municipal encabezará o pleno xunto aos concelleiros de maior e menor idade da nova corporación. Esta Mesa de Idade comprobará se están presentes máis da metade ds membros do pleno e se as persoas presentes teñen as credenciais que as acreditan como electas o 24M.
O alcalde ou alcaldesa ten que estar avalado pola maioría absoluta do pleno; en caso contrario, será designada a persoa que encabezase a lista máis votada
Unha vez cumpridos estes requisitos cómpre elixir a persoa encargada de presidir a corporación. É nese momento, e non antes, cando se elixe o alcalde ou alcaldesa. En todos os concellos agás nos de menos 250 habitantes, onde teñen a posibilidade de aspirar á alcaldía todos os membros do pleno, só poden optar á alcaldía quen encabezasen "as súas correspondentes listas" electorais. A elección decídese nunha votación non de toda a cidadanía, senón dos edís. Se o resultado desa votación é unha maioría absoluta queda proclamado o alcalde ou alcaldesa. Se non se dá esa maioría absoluta "será proclamado alcalde o concelleiro que encabece a lista que obtivese maior número de votos populares", di a lei.
Así as cousas, sendo certo que as eleccións municipais son as máis próximas á cidadanía e nas que, probablemente, o peso das persoas que encabezan as listas é máis relevante, non o é menos que, coa lei na man, ninguén no país nin no Estado terá un alcalde ou alcaldesa a quen "elixise nas urnas". Alén dos argumentarios políticos de cadaquén o certo é que o que terá cada concellos, como sempre dende 1979, será un alcalde ou alcaldesa froito da elección dos membros do pleno, designados pola cidadanía para, precisamente, facer esa elección.