4 de cada 10 leis de Feijóo foron para modificar outras de gobernos anteriores

Feijóo, no Parlamento con Rueda © Ana Varela

"A lexislatura máis intensa e produtiva da historia de Galicia". O pasado setembro o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, resumía deste xeito o mandato ao que Feijóo lle viña de poñer data de caducidade coa convocatoria das eleccións do 21 de outubro. O parlamentario conservador, un dos que acumula maior coñecemento do funcionamento da Cámara, presentaba ante a prensa un balance no que o PP se gababa do intenso traballo desenvolvido e, para reforzalo, botaba man dunha comparación recorrente: tomar como referencia o Goberno bipartito. Así, Puy subliñaba "a aprobación nesta lexislatura de 50 leis, as mesmas que durante o Goberno bipartito, pero coa diferenza da importancia e complexidade da gran maioría destas normas, ademais de que sete de cada dez tiveron contido económico". O balance do popular non era, á luz dos datos, completamente preciso.

A lexislatura de maior produción lexislativa foi a do bipartito, con 54 leis

Segundo consta no arquivo do propio Parlamento na lexislatura que remata, a oitava da autonomía, o Parlamento aprobou non 50, senón 51 leis, aínda que isto non converte o primeiro mandato de Feijóo no máis frutífero da historia das institucións galegas, cando menos no que a produción lexislativa se refire. Atendendo aos mesmos datos oficiais ese liderado simbólico correspóndelle, cando menos polo momento, ao Goberno sustentado por PSdeG e BNG entre 2005 e 2009. Nos algo menos de catro anos que ostentaron a maioría no Pazo do Hórreo sacaron adiante un total de 54 normas. Esta cifra supera levemente a de Feijóo e máis amplamente a dos gobernos de Fraga, que durante tres mandatos enviaron ao lexislativo e aprobaron 44, 44 e 32 leis, respectivamente. En cifras semellantes se moveu a lexislatura que transcorreu entre 1985 e 1989 -comezou cun goberno do PP e rematou co tripartito de PSdeG, Coalición Galega e o PNG-, con 42 leis, e a primeira da autonomía, que aprobou 40.

 

A abundancia de modificacións de Feijóo

O 37% das leis aprobadas na oitava lexislatura modificaron normas de anteriores gobernos

Con independencia de non superar a simbólica marca do bipartito por tan só tres leis, a produción lexislativa da lexislatura que remata é, obviamente, abondosa en termos cuantitativos. Así e todo, unha ollada máis detida á normativa aprobada permite observar a abundancia de lexislación que tivo como obxectivo modificar normativas anteriores. Nomeadamente, das 51 leis aprobadas ata 19 introducen mudanzas totais ou parciais en leis vixentes ata ese momento. Deste xeito, é posible concluír que o 37% das leis do primeiro mandato de Feijóo revisan normas doutros Gobernos, maioritariamente de Fraga e do bipartito. Mentres que as reformas do gabinete de Feijóo acapararon dúas de cada tres leis no bipartito a proporción foi menor, menos de dúas de cada dez, concretamente, dun 18,5%, con 10 cambios legais.

Coas reformas concentradas maioritariamente na primeira parte da lexislatura o resto de leis aprobadas entre 2009 e 2012 abordan temáticas diversas, aínda que cunha especial atención á propia Administración. Así, por exemplo, o Goberno galego impulsou a lei de administración pública (Lofaxga), coa que reestruturou o conxunto do entramado administrativo galego, a lei de disciplina orzamentaria -precursora da lei de estabilidade aprobada polo goberno Rajoy- ou a lei de patrimonio de Galicia, entre outras. Pola contra, as leis de carácter máis sectorial non chegaron ata o remate da lexislatura cando o PP propiciou a aprobación de normas como a de bibliotecas, a de xuventude ou a de montes. Quedaron pendentes outras que foran prometidas, como a de publicidade institucional ou a de garantías de espera no Sergas.

Fonte: Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.