A rebeldía contra o copago farmacéutico instaurado polo Goberno central, que comezou en Riotorto e se espallou por máis de vinte concellos galegos, chega tamén a municipios gobernados polo partido que sustenta o Executivo de Madrid e de Galicia. Aos municipios que anunciaron que asumirían este repago baixo distintas fórmulas -a maioría do BNG, do PSdeG ou doutras formacións progresistas como Anova ou CxG- uníronse dous administracións locais gobernadas polo PP. Foi o rexedor popular de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o primeiro que anunciou que pagará con fondos municipais os medicamentos de todos aqueles veciños que o soliciten. Logo Boborás e agora é Cerdido, onde o PP lidera a corporación con maioría absoluta, quen vén de aprobar unha moción na que rexeita a medida estatal.
Foi o grupo municipal do PSdeG quen trasladou ao pleno do Concello unha moción sobre o copago farmacéutico, que saíu adiante malia as reticencias iniciais do PP e da alcaldesa, Ana Rodríguez. "Eu era partidaria de agardar a ver que resolvía a Xunta porque o máis lóxico é que o Goberno galego vaia por diante e non aplique este copago ás rendas máis baixas e ás persoas con máis dificultades; eu creo que así o fará, pero de non facelo, nós faremos o que poidamos", explica a rexedora deste concello da comarca do Ortegal, que aclara que non está "nin contra o partido nin contra o Goberno".
"O lóxico é que a Xunta asuma este copago ás rendas máis baixas e creo que o fará, pero se non é así, farémolo nós", di a alcaldesa de Cerdido
O PP mantiña que o Concello de Cerdido non podía facer fronte ao pago destes medicamentos cunha partida orzamentaria específica, polo que, e tras a inclusión de varias emendas do BNG, aprobouse que esta partida si sería habilitada nas contas locais de 2014 e a través dun apartado de emerxencia social. Xa que logo, na moción especificouse que a dotación tería un límite presupostario e instouse a Xunta e o Goberno central a que se derrogue este copago. Foi así como a formación conservadora aceptou seguir adiante cun documento que foi finalmente aprobado por unanimidade polos tres grupos da corporación.
O Concello habilitará unha partida específica nos orzamentos de 2014 para asumir o pago dos fármacos das rendas máis baixas
"O único que podo garantir é que nos orzamentos do ano que vén se incluirá esta partida, destinada a urxencias e aos veciños coas rendas máis baixas e dificultades económicas", engade Ana Rodríguez, que confía, no entanto, en que a Xunta asuma este copago no caso dos casos máis extremos. "Imaxino que esa xente non terá que pagar e ata que vexa claramente publicado como se vai artellar isto, seguirei confiando", di unha alcaldesa que insiste en deixar claro que o seu non é un acto de rebeldía contra o Executivo nin contra o PP.
"Non me sitúo para nada contra o PP, sitúome baixo a miña conciencia e non en contra nin a favor do meu partido", aclara, tras insistir en que a Xunta ou o Estado "evitará que se aplique o coapgo para os veciños con poucos recursos e pensións baixas". "Só digo que se ao final non é así, nós asumirémolo", conta. "A situación económica é a que é, estamos mal e hai que apertar o cinto, pero espero que a xente máis desfavorecida non teña que afrontar este copago farmacéutico", remata Ana Rodríguez, que aclara que á medida non se poderán acoller aqueles cidadáns sen problemas económicas e con rendas máis altas.
"Non me sitúo para nada contra o PP, sitúome baixo a miña conciencia e non en contra nin a favor do meu partido", aclara a rexedora
O rexeitamento ao novo copago farmacéutico e aos continuos repagos aplicados á atención sanitaria pública artéllase tamén agora a través da Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade, na que se unen máis de 150 colectivos "representativos da sociedade do país" que se xuntaron aos máis de vinte concellos rebelados contra a medida.
Polo momento, os municipios que xa se rebelaron contra o copago son Riotorto, Mondoñedo, San Sadurniño, Allariz, Zas, Vimianzo, Ribadeo, A Pobra do Brollón e Monforte (gobernados polo Bloque); Teo e Manzaneda (Anova); Maceda e Vilar de Santos (Compromiso por Galicia); Cervantes, A Pastoriza, O Valadouro Pedrafita, Monterroso, A Fonsagrada, Betanzos e Lugo (PSdG); e tamén Boborás, Cerdido e Vilanova de Arousa (PP). Ademais, o alcalde de Carballeda de Avia, o farmacéutico e socialista Luís Milia, anunciou que el pagará do seu peto os medicamentos aos veciños necesitados.