A aplicación do pacto de PSOE e Ciudadanos sobre imputacións non atinxiría a Besteiro nin a Caballero

Sánchez e Besteiro, nunha comparecencia en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

"Non prexulguemos un acordo que aínda non está pechado". A pasada semana o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, retrucaba deste xeito os titulares que daban por feito que o acordo entre o PSOE e Ciudadanos para apoiar a investidura de Pedro Sánchez traería consigo a esixencia de dimisión de todos os dirixentes sobre os que pesase a condición de investigados -antiga imputación-, como a que mantén sobre el a xuíza Pilar de Lara no caso das torres do Garañón. Unha vez coñecida a letra do acordo cabe concluír que, en caso de que Sánchez chegase á presidencia e, polo tanto, as medidas acordadas comezasen a aplicarse, a restrición non afectaría ao líder dos socialistas galegos como secretario xeral ou como eventual aspirante á presidencia da Xunta, nin tampouco ao alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero.

O documento asinado por Sánchez e Albert Rivera inclúe, no se treito final, un "pacto complementario en materia de compromiso contra a corrupción" que detalla cales serían as condicións para que un cargo público ou dirixente partidario abandonase o seu posto, fronteira que ata agora o PSOE fixaba na apertura do xuízo oral. Ambos partidos "comprométense" agora a "non incorporar ás listas electorais nin proceder ao nomeamento de altos cargos" de "persoas coa condición de investigadas", pero con dúas condicións máis: que a imputación chegue "a partir da data" da sinatura do acordo, isto é, dende o 24 de febreiro de 2016, e que ademais a investigación chegue "por iniciativa do Ministerio Fiscal" e referente a "delitos relacionados coa corrupción que impliquen enriquecemento para o afectado".

O pacto implica o cesamento de altos cargos e a non inclusión en listas de persoas imputadas por iniciativa da Fiscalía a partir da sinatura do acordo

A segunda medida acordada indica que, "nos mesmos termos", os dous partidos asinan o compromiso de destituír "os altos cargos" e "pedirlles a acta aos cargos electos" que, igualmente dende a sinatura do acordo, "pasen á situación de investigados". Do mesmo xeito, esta tería que ser "mantida" pola Fiscalía e estar ligada a "delitos relacionados coa corrupción".

No caso de Besteiro a súa imputación, contra a que continúa a litigar á espera de declarar ante a xuíza De Lara, non entra nos supostos fixados. O expresidente da Deputación de Lugo, investigado por unha autorización urbanística na súa etapa como edil no Concello lucense, adquiriu a condición de imputado a raíz da denuncia dunha empresa implicada naquela operación, que xa fora arquivada anos atrás, e non por iniciativa da Fiscalía. Ademais, o proceso iniciouse, obviamente, antes da sinatura do acordo. No caso do alcalde vigués, a quen lle atribúen a suposta recepción de agasallos de empresas presuntamente implicadas na Operación Patos, que el xa negou, a imputación si partiu dunha iniciativa da Fiscalía, pero antes do acordo.

O PSdeG fixará o seu calendario de primarias no Comité Nacional do 6 de marzo

Así as cousas, aínda no suposto de que Sánchez fose presidente baseándose no acordo con Ciudadanos, este non sería un impedimento formal para que Besteiro formulase a súa candidatura ás primarias do PSdeG para a Presidencia da Xunta, proceso que comezará no Comité Nacional que o partido ten convocado para o vindeiro 6 de marzo -adiouse unha semana para que non cadrase coa consulta á militancia sobre o propio pacto-. A respecto da decisión que finalmente adoptará, o propio Besteiro subliñou nunha entrevista en Praza.gal o pasado xaneiro que a súa posición sobre presentarse ou non estaría marcada pola "responsabilidade" e chegaría, en calquera caso, coa convocatoria desas primarias.

Sánchez e Besteiro, nunha comparecencia en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.