A aposta de Yolanda Díaz por En Marea enfronta a Cayo Lara e Alberto Garzón en IU

Garzón, Cayo Lara e Yolanda Díaz, nunha foto de arquivo © IU

"Enorme irresponsabilidade". Así cualificaron algúns presentes no Consello Político Federal de IU e o propio Alberto Garzón o informe lido polo coordinador federal, Cayo Lara, que acusou a EU e a súa coordinadora nacional Yolanda Díaz de ter boa parte da responsabilidade de que a formación non teña grupo propio no Congreso. Presionou a deputada galega por En Marea para que, xunto cos dous de EUiA electos por En Comú Podem, se unisen aos de IU-Unidad Popular e formasen o devandito grupo de Izquierda Unida. 

Cayo Lara acusa a EU e EUiA de que IU non lograse grupo propio no Congreso ao integrarse nas confluencias xunto a Podemos

A integración de EU na coalición En Marea segue a provocar tensións en IU. No Consello Federal -máximo órgano entre asembleas-, Cayo Lara tensou a corda coa federación galega e co partido irmán en Catalunya, Esquerra Unida i Alternativa. E fíxoo contra o criterio do seu principal referente político, Alberto Garzón, que advertiu que tanto EU como EUiA debían "axudar a IU, pero non a custa de rachar as confluencias galegas e catalás". 

Lara acusou a EU e EUiA de ser os culpables de que IU non teña grupo parlamentario no Congreso e lembrou que iso implica non recuperar os dous millóns de euros gastados no buzoneo e menos visibilidade e intervencións na Cámara e o agravamento da súa difícil situación económica. 

"Quero lembrar o acordado pola última Presidencia Federal: ante a posibilidade de poder conseguir grupo parlamentario propio cos dous escanos de IU-UP e o tres de EU e EUiA, requirir a ambas as dúas organizacións a que o faciliten", asegurou Lara no seu informe, malia que non se votou resolución ningunha nese sentido na reunión á que se refire, celebrada o 28 de xaneiro. E continuou: "O prazo para rexistrar a solicitude e que a mesa poida ver a proposta o vindeiro martes, acaba este sábado ás 14 horas. Até este momento e tras varias conversas coas organizacións de EU e EUiA e os deputados e deputadas seguimos sen obter as sinaturas"

A proposta de Lara non foi finalmente aceptada logo de que Garzón o fixese recuar e limitar as súas reivindicacións

Finalmente, a proposta non será debatida este martes porque non se presentou, ante a negativa de Yolanda Díaz e os dous deputados militantes de EUiA en En Comú Podem (Joan Mena e Fèlix Alonso) a integrarse nun grupo de IU e a que Lara finalmente recuou, forzado por Garzón, rebaixando o informe e limitando o texto a "pedir ás organizacións de Galicia e Catalunya que se esgoten as posibilidades para conformar grupo ata o último momento". 

Antes, a porta pechada, o primeiro en intervir foi Alberto Garzón, candidato á presidencia do Goberno e voceiro parlamentario. Segundo os asistentes, foi claro: "Creo que galegos e cataláns teñen que axudarnos, pero nunca xamais a custa de romper as confluencias e facerlle o xogo a Ciudadanos. Teñen que axudarnos por proxecto federal e porque moitos que votaron confluencias querían votarnos a nos tamén, pero nunca a costa de rachar as confluencias". 

"Galegos e cataláns teñen que axudarnos, pero nunca xamais a custa de romper as confluencias e facerlle o xogo a Ciudadanos", di Garzón

Cayo Lara asegurou que se levara a cabo "unha semana intensa de conversas" e indicou que Ciudadanos mantiña "a súa oferta" de apoiar o grupo de IU se sumaba os tres deputados da formación nas confluencias, así como o PSOE. Pero a Mesa son nove votos, e PSOE e Ciudadanos suman catro, polo que necesitan so tres de PP ou os dous de Podemos, que se vería na situación de votar a ruptura das súas candidaturas galegas e catalás para satisfacer as necesidades de IU.

 

Grave crise económica en IU

A intervención de Lara, oposta ao defendido en público e en privado por Garzón, supón un pulso que pon a organización ao bordo da ruptura: os deputados de IU nas confluencias inscribíronse no grupo Podemos-En Comú-En Marea en virtude dos acordos subscritos para a candidatura, que establecían que se tentaría conseguir un grupo propio, cousa que vetaron PP, PSOE e Ciudadanos no Congreso. No caso de que iso non fose posible, cousa que ocorreu, decidiríase por maioría que facer: se ir ao mixto ou conformar un "grupo plurinacional" con Podemos, o que ao final sucedeu.

Rubén Pérez lembrou que non hai deputados eleitos por IU en Galicia, senón "militantes de IU eleitos en candidaturas de confluencia"

Rubén Pérez, secretario de organización de EU e concelleiro da Marea de Vigo, reaccionou en Twitter asegurando que non coñece "caso ningún de deputad@ eleit@ por IU en Galicia; si militantes de IU eleit@s en candidaturas de confluencia, e desta son as actas". Ademais, insistiu en que "seràn as candidaturas de confluencia as que decidan se dispoñen actas para axudar a referentes cos que comparten espazos de ruptura, non EU". Ademais, tamén se mostrou crítico coa posición de Cayo Lara e cre que "o lóxico sería pedir axuda ás confluencias e en base a algo tanxible, non a promesas chantaxistas da entente cordiale PSOE-C's"

Con todo, Lara responsabiliza a Díaz, Mena e Alonso, que seguiron os acordos cos que concorreron ás eleccións, das consecuencias de non ter grupo propio e sitúaos á marxe da disciplina da organización: "Necesitamos ter un grupo parlamentario para representar plenamente o máis dun millón de persoas que apostaron polas candidaturas de IU-UP no conxunto do Estado e que apoiaron as coalicións electorais en Galicia e Catalunya ao sentirse tamén representados por candidatos das nosas organizacións nesas coalicións territoriais. Hai que ser conscientes que, sen grupo parlamentario, o plan de viabilidade endurécese de forma considerable e afectará o conxunto das federacións".

IU presentou un plan para reducir nun 60% o seu persoal laboral

Porque os responsables de finanzas de IU puxeron sobre a mesa un plan de axuste económico que inclúe o recorte de ao redor dun 60% do seu persoal laboral para poder facer fronte á delicada situación financeira na que se atopa a organización tras os malos resultados obtidos nas eleccións xerais do pasado 20 de decembro.

O plan foi presentado ante o Consello Político Federal que a coalición celebra este sábado polo seu responsable de Finanzas, Lola Sánchez, o secretario de Organización, Adolfo Barrena, e o dirixente Antonio Cortés. Este programa de viabilidade económica inclúe o despedimento do 60% do seu persoal. Membros da coalición sinalan que IU ten actualmente 22 traballadores e 7 liberados e, tras o axuste, quedaría con 9 empregados e 5 liberados.

As finanzas de EU sofren un duro golpe sen lograr ter grupo parlamentario propio no Congreso e que os seus dous deputados teñan que formar parte do Grupo Mixto. Unha das consecuencias é que a organización non recibirá subvencións polo denominado mailing electoral, no que investiu case dous millóns de euros para o 20D, ao redor do 70% do seu orzamento total de campaña.

Os deputados e unha senadora de En Marea, ante o Congreso © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.