A Audiencia absolve o ex-alcalde de Vigo Manuel Pérez do abuso sexual do que o acusaba a Fiscalía

Manuel Pérez nunha entrega de premios con Manuel Fraga nos anos 90 Dominio Público Eixo Atlántico

O ex-alcalde popular de Vigo Manuel Pérez vén de ser absolto pola Audiencia Provincial de Pontevedra do delito de abuso sexual no exercicio do seu posto de inspector laboral polo que foi xulgado o pasado 31 de outubro. O tribunal considera que a declaración da suposta vítima, que era avalada pola Fiscalía, non é suficiente “para desvirtuar o principio de presunción de inocencia” xa que ao seu ver presentou varias “inconsistencias”.

“Non existe proba de cargo suficiente para desvirtuar o principio de presunción de inocencia”, di o tribunal

Pérez, inspector laboral de profesión, foi conselleiro de Traballo no primeiro goberno de Manuel Fraga á fronte da Xunta en 1990, alcalde de Vigo entre 1995 e 1999, senador nesa mesma época e deputado no Parlamento Europeo ata 2004. Posteriormente reincorporouse ao seu posto de inspector laboral, en cuxo despacho, na sede da Seguridade Social da rúa Cánovas del Castillo de Vigo, ocorreron os supostos feitos en abril de 2015. Segundo os relatou a fiscal do caso e dá por certos a sentenza, Pérez realizou unha inspección laboral na empresa na que a denunciante traballaba sen estar dada de alta e ao tempo que cobraba a prestación por desemprego. Posteriormente, a muller acudiu ao despacho oficial de Pérez a supostamente levarlle documentación e tentar rebaixar a súa sanción. Aquí é onde a versión da vítima e a fiscal difire do que o tribunal considera probado, xa que segundo as primeiras Pérez pediulle favores sexuais e chegou a bicala e tocala.

Na súa sentenza, a Audiencia sinala que a declaración da vítima “pode ser considerada proba de cargo suficiente”, algo habitual en delitos contra a liberdade sexual. Pero iso só é posible se cumpre con tres requisitos establecidos pola xurisprudencia: a declaración da vítima debe presentar coherencia interna, debe ser persistente e sen cambios no tempo e deben poder corroborarse outros feitos secundarios. Segundo a sentenza, o requisito “da coherencia interna non presentou problemas, pero o de persistencia deixou entrever algunhas posibles contradicións”. Do mesmo xeito, di que “o das corroboracións obxectivas adoece igualmente de certas inconsistencias”.

“Cando a declaración constitúe a única proba de cargo, unha deficiente superación dos tres parámetros de contraste impide que a declaración inculpatoria poida ser apta por si mesma para desvirtuar a presunción de inocencia por falta de certeza”, di a sentenza

“Cando a declaración constitúe a única proba de cargo, unha deficiente superación dos tres parámetros de contraste impide que a declaración inculpatoria poida ser apta por si mesma para desvirtuar a presunción de inocencia por falta de certeza”, di a sentenza. E continúa: “Malia que é posible, e hai algúns datos que permitirían avalar a versión de que se terían producido eses actos que [a vítima] imputou a Manuel Pérez, as dificultades que sinalamos impiden que poidamos estimar acreditados os feitos denunciados ao entrar en xogo o principio de in dubio pro reo que rexe no Dereito Penal, polo que ante a presenza das dúbidas razoables e razoadas expostas, temos que optar pola máis favorable ao acusado e ditar un pronunciamento absolutorio do mesmo”.

Sede da inspección de traballo en Vigo na que ocorreron os feitos Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.