A Audiencia Nacional mantén a suspensión de actividades de Causa Galiza

Manifestación contra a ilegalización das formacións políticas CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Audiencia Nacional vén de confirmar a suspensión de actividades de Causa Galiza, o que supón unha ilegalización de facto da organización independentista. O auto asinado polo xuíz Eloy Velasco o pasado 8 de febreiro establece esta suspensión por un ano "en fase preventiva" e "con carácter cautelar" e prorrogable e vén argumentada en varios motivos, entre eles a "protección de futuras vítimas". 

A Audiencia Nacional suspende por un ano prorroglabe as actividades de Causa Galiza, entre outras razóns pola "protección de futuras vítimas"

O tribunal mantén ademais as imputacións penais impostas a nove persoas, aos que atribúe, segundo os procesados, "integración en banda armada" e "enaltecemento do terrorismo", o que pode supor varios anos de cade para todos eles. 

A confirmación desta suspensión de actividades de Causa Galiza chega logo de que fose anulada ao estimarse hai dez días o recurso interposto pola defensa da organización anulando a decisión do xuíz Eloy Velasco, logo dun erro procedimental e a vulneración dun dereito establecido na Lei de enxuizamento criminal ao non escoitar a versión da devandita defensa. 

O xuíz mantén a imputación de nove persoas por "integración en banda armada e enaltecemento do terrorismo"

Agora, o auto confirma esta suspensión que os independentistas procesados consideran que "criminaliza" o seu activismo. No ditame, o maxistrado argumenta que Causa Galiza “difundiu a través do seu entramado comunicativo mensaxes contra a Coroa e símbolos do Estado español”, sinala a suposta“radicalización da súa mensaxe” desde 2013 e denuncia a celebración de actos informativos e concentracións sobre a historia do independentismo galego, segundo aseguran os acusados nun comunicado. 

No texto, lembran que a resolución xudicial "fulmina" os seus dereitos civís e políticos e "desouve as exigências de dezenas de organizaçons políticas, sociais e sindicais galegas exprimidas no passado 24 de janeiro com umha grande manifestaçom", ademais de "condenar Causa Galiza à morte civil". 

Os procesados pola Audiencia Nacional queren facer pública que Causa Galiza "atuou sempre com métodos legais ao serviço do Povo Galego e da causa independentista" e aclaran que se "trabalhar em favor do direito de autodeterminaçom e da independência como soluçons estratégicas aos problemas de desemprego, emigraçom, espólio territorial, assimilaçom, etc. que padece Galiza é 'terrorismo", deberan concluír que "milhares de galegas e galegos.  som também terroristas". "As acusaçons da Audiencia Nacional som umha falsidade e um disparate judicial e político destinado, exclusivamente, a impedir que trabalhemos politicamente", insisten. 

Os procesasdos denuncian o "salto qualitativo na repressom" e defende a legalidade de Causa Galiza

Para os procesados, vén de producirse un "salto qualitativo na repressom" e din afirmar "com rotundidade" que  o sistema español é "um regime autoritário e ditatorial que vulnera as mais elementares liberdades democráticas das pessoas e do Povo Galego". "Nom temos medo e mantemos os nossos princípios patrióticos e socialistas", aseguran. 

O pasado 30 de outubro foron nove os membros de Causa Galiza detidos na denominada operación Jaro, que o Ministerio do Interior identificou como  un golpe á "contorna" de Resistencia Galega, e que foron postos en liberdade tres días despois con imputacións como pertenza a organización terrorista. O 24 de xaneiro, centos de persoas saíron á rúa en Compostela "em defesa dos direitos civis e políticos para todas e todos" e contra a "ilegalizaçom de organizaçons políticas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.