A Audiencia Nacional decidiu retirar a acusación de pertenza a organización terrorista que se mantiña sobre nove membros de Causa Galiza aos que a Garda Civil relacionaba con Resistencia Galega. Sobre estes militantes da organización, á que en decembro de 2016 o mesmo tribunal levantara a suspensión cautelar de actividades imposta antes, mantense aínda a acusación de enaltecemento do terrorismo, ao igual que sobre tres integrantes da entidade Ceivar.
O auto retira a acusación de pertenza a organización terrorista dos nove militantes independentistas detidos na operación Jaro hai máis de catro anos
Un auto datado no pasado 1 de xullo confirma a desimputación destes nove militantes independentistas máis de catro anos despois de que foran detidos na denominada operación Jaro, que derivou na ilegalización temporal de Causa Galiza, considerada pola Garda Civil como brazo político de Resistencia Galega. A decisión, segundo o partido político, “implica mais um passo na deconstruçom da montagem político-policial”.
Naquela operación, as nove persoas foran detidas nos seus domicilios e trasladados a Madrid para os interrogatorios durante tres días. Queda agora sobre eles aínda a acusación colectiva de enaltecemento do terrorismo, que Causa Galiza considera “a indefinida tipologia delitiva que possibilita a instauraçom dum nom-declarado delito de opiniom e a persecuçom penal da liberdade de expressom”.
Foi o xulgado de instrución número 6 da Audiencia Nacional quen ditaminou agora que Causa Galiza non pertence a un grupo armado pero que mantén a investigación por enaltecemento do terrorismo e dá traslado ao Ministerio Fiscal para que nos próximos días decida a apertura de xuízo oral ou ben o sobresemento do caso.
“Evidencia-se a veracidade da tese sustentada desde o princípio do processo policial e judicial: nem Causa Galiza era "o braço político", nem as suas militantes estavam envolvidas em atuaçons ilegais”, di a organización nun comunicado no que considera a operación Jaro “um caso prático de como a Guardia Civil tratou de desarticular um projeto político polo simples facto estar nos antípodes do projeto colonial para a Galiza”.