A Audiencia reabre unha causa penal contra o Concello de Baiona cando era alcalde o conselleiro de Sanidade

Entrada da discoteca Villa Rosa, en Baiona, en primeira liña de costa e rodeada de edificios residenciais CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de emitir un auto co que atende un recurso presentado pola Fiscalía e uns veciños e ordena reabrir a investigación penal pola posible comisión de delitos contra o medio ambiente, lesións e prevaricación por parte de responsables do Concello de Baiona cando era alcalde o agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. A orixe da causa está nos ruídos causados por unha discoteca que, segundo xa sentenciou en outubro un xulgado do Contencioso-Administrativo, non foi vixiada polo Concello malia as denuncias que se lle formularan.

O tribunal atende o recurso da Fiscalía e duns veciños afectados polo ruído dunha discoteca que o goberno local non vixiou, feito que podería ser constitutivo de delitos contra o medio ambiente, lesións e prevaricación

Esa inactividade do Concello de Baiona cara á discoteca Villa Rosa, propiedade do pai e o irmán de quen foi concelleira de Urbanismo da vila durante a última década, nomeada por Almuiña, provocou a apertura dunha causa penal paralela no xulgado de instrución número 4 de Vigo por presuntos delitos contra o medio ambiente, lesións e prevaricación. En outubro de 2015 o ata daquela alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, foi nomeado por Feijóo conselleiro de Sanidade, o que implicou o seu aforamento e que o xulgado pedise que a instrución a continuase o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o único con capacidade para chamar a declarar como imputado ao conselleiro ante os indicios de delito existentes.

A discoteca Villa Rosa, en Baiona, coa súa terraza exterior CC-BY-SA Praza Pública

A discoteca Villa Rosa é propiedade do pai e o irmán de quen foi concelleira de Urbanismo da vila durante a última década, nomeada por Almuiña

O tribunal rexeitouno e devolveu o caso ao xulgado pedíndolle que antes realizase máis indagacións, pero este propuxo o sobresemento argumentando entre outras cuestións que o exceso de ruídos non era tan elevado e suporía só unha infracción administrativa e non penal. O pasado 20 de xullo a fiscal do caso recorreu ante a Audiencia Provincial de Pontevedra por entender que “os feitos encaixan plenamente no tipo penal” de delito contra o medio ambiente “e iso sen prexuízo doutros posibles delitos dos que se vislumbran claros indicios, como lesións” aos veciños denunciantes polos danos causados polo ruído “e desobediencia”.

En 2015, ao ser nomeado Almuiña conselleiro por Feijóo, o instrutor elevou o caso ao TSXG, único con competencias para imputar a un aforado polos indicios de delito detectados, pero este tribunal pediu que antes se realizasen máis investigacións

Agora a Audiencia de Pontevedra dá a razón á fiscal e os veciños e atende os seus recursos. Entre outras cousas, o tribunal desbota os argumentos do xuíz instrutor de que o ruído non era tan alto como para ser considerado delito e de que non se pode probar que procedese da discoteca. Pola contra, a Audiencia salienta que informes periciais presentes na causa sinalan que “en varios casos nos dormitorios [os ruídos] se aproximan ao dobre” do “límite permitido legalmente”. A Audiencia tamén salienta que hai denuncias da propia Policía Local de Baiona que dan conta de “música ambiental perceptible claramente desde o exterior” da discoteca.

"Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo", defendeuse Almuiña

Cando o xulgado instrutor pediu que o caso penal o levase o TSXG por ver indicios de delito en Almuiña, este argumentou que actuara sempre de acordo co que lle indicaron os técnicos municipais. “Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo”, dixo o agora conselleiro.

O fiscal xefe de Galicia co conselleiro de Sanidade e ex-alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, na sinatura dun convenio Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.