A polémica que agromou de vez na asemblea constituínte do pasado 1 de decembro continúa a batalla política entre Xunta e Concello de Vigo, desta vez nos xulgados. O Goberno galego confirmou esta semana que presentará un recurso contencioso administrativo contra a creación da Área Metropolitana de Vigo ao entender que "non se dan os presupostos legais imprescindíbeis para a legal constitución" deste novo organismo. A resposta a esta decisión foi rápida por parte da administración local. "Novamente, a Xunta usa o PP local contra a cidade", asegura tras advertirlle ao Executivo que se verán nos tribunais "onde perderán" porque, segundo din, asístelles "a democracia e a razón".
A Xunta confirmou esta semana que presentará un recurso contra a creación da Área Metropolitana de Vigo
O alcalde vigués presidente da Área, Abel Caballero, tampouco tardou en responder e insistiu nas súas críticas ao presidente da Xunta por "atacar a cidade porque non o quere e non o votou". O resto de concellos non gobernados polos populares coincidiron nos reproches ao Goberno galego e aos populares. Ven no fondo da polémica unha intención claramente política e de bloqueo partidista por parte do PP a través de institucións como a de nova creación, que empezou con problemas desde a súa sesión constitutiva. Este mesmo domingo, a formación conservadora foi quen acusou o rexedor vigués de "usar" o ente como un "instrumento de confrontación". "Recapacite", pediulle.
Vigo e o resto de concellos non gobernados polo PP ven no recurso un paso máis do bloqueo "partidista" que intentan os populares a través da Xunta
Daquela, os alcaldes do PP abandonaron a sala tras polémica, balbordo e descualificacións mutuas. Entendían que o Concello de Vigo non cumpría co establecido ao non asinar a entrada no Plan de Transporte Metropolitano. Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra e presidente da Mesa de Idade, optou por suspender a asemblea pero o secretario -que tamén o é de Vigo e que o foi da Consellería de Economía con Javier Guerra- advertiu que non había "causa legal" para tal suspensión. A sesión continuou coa ausencia dos populares e Caballero foi nomeado presidente da Área cos votos do PSOE, BNG e Marea.
Antes, cando o PP xa advertía das súas intencións futuras ao non rexistrar a Área no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, as tres vicepresidentas e vicepresidente do novo ente, Eva García (alcaldesa de Porriño, PSOE), Leticia Santos (Moaña, BNG) e Xosé Manuel Pazos (Cangas, Marea), denunciaran a "instrumentalización política" que o PP fai da Xunta neste asunto, criticando o "partidismo" do goberno galego. Eva García lembraba que a Xunta está a incumprir unha lei do Parlamento e sinala que mesmo podería estar a incorrer en prevaricación, actuando de forma inxusta á mantenta.
"Feijóo está iracundo e rabioso contra Vigo e a súa Área Metropolitana", di Caballero
"O Goberno autonómico sabe que o ente supramunicipal está ben constituído e que xa está funcionando pero Feijóo está iracundo e rabioso contra Vigo e a súa Área Metropolitana", insistiu o Concello tras coñecer o recurso xudicial.
A orixe do conflito sitúase na integración "efectiva" de Vigo no plan de transporte metropolitano, unha condición esixible para que se poña en marcha segundo a lei aprobada no Parlamento de Galicia. Malia a sinatura do convenio entre Caballero e Feijóo no Concello, as diferenzas son claras. A administración local alega que xa cumpre o acordado ao aceptar queu a concesionaria do transporte urbano, Vitrasa, se integre no sistema supramunicipal aínda que coa condición de que os habitantes de fóra da cidade só poderán beneficiarse do importe reducido nas viaxes metropolitanos.
O conflito reside na integración de Vigo no transporte metropolitano e na consecuencia económica: o Concello vea xa efectiva pero non así a Xunta
O Executivo galego e o PP entenden que tanto cidadáns vigueses como os do resto de concellos teñen que poder usar o bus urbano a prezo reducido e sen limitacións. No fondo, unha confrontación política -tamén partidista- e un motivo económico, xa que Vigo tería que poñer máis fondos no caso de que se adopte ese prezo reducido para calquera habitante da Área, unha achega que desde o Concello propoñen que faga a Xunta.
"Unha vez máis, Feijóo sitúase contra Vigo, querendo que pague o que ten que pagar a Xunta, querendo que Vigo o pague todo pero eses tempos acabáronse. O viguismo de Feijóo rematou o día despois das eleccións", dicía a nota do Concello logo de coñecer o recurso do Goberno galego.
Boicot do PP á Área Metropolitana, tamén na Coruña
Desde os diferentes partidos advírtese de que a posición dos representantes do PP e pola Xunta con respecto á Área Metropolitana de Vigo é semellante á que nos últimos dous meses os populares veñen mantendo no proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña, que está a dar os seus primeiros pasos. En ambos os dous procesos o PP ten unha posición claramente secundaria: as urbes principais -Vigo e A Coruña- están gobernadas por PSdeG-PSOE e Marea e a maior parte dos restantes concellos que conforman as dúas áreas están xestionados igualmente por PSOE, Marea, BNG ou rexedores independentes que apoian de forma clara os procesos.
Na Coruña, os rexedores de Arteixo, Abegondo e Carral, únicos concellos gobernados polo PP, negáronse a asinar o pasado 20 de outubro a Declaración de María Pita. Este pasado 20 de decembro os tres rexedores populares sumáronse finalmente á mesa da área metropolitana pero sen garantir o seu apoio, supeditando a súa incorporación á declaración institucional a que haxa consenso no pleno coruñés, na que tanto PP coma PSOE se abstiveron na votación que tivo lugar en novembro. O 22 de decembro, logo do encontro que Abel Caballero e Xulio Ferreiro mantiveron na Coruña, o alcalde vigués alertou de que o Goberno galego poría obstáculo ña constitución da Área Metropolitana da Coruña (dando por feita, iso si, a inscrición da viguesa). "Vigo tivo que pelexar coa intransixencia e intolerancia de Feijóo. El non entende que agrupando concellos poidamos ser quen de configurar liderados en Galicia", dixo Caballero.