A busca de confluencias no nacionalismo para as europeas chega á recta final

Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo

As cartas levan un tempo enriba da mesa e chegou o momento de sentar a ela para tomar unha determinación. Este semella ser o punto no que se atopan as principais forzas nacionalistas galegas de cara a confluír ou non nunha mesma candidatura para as eleccións europeas do 25 de maio. Coas apostas de cadaquén xa ratificadas polos respectivos órganos de dirección os líderes das dúas organizacións nacionalistas con representación parlamentaria, Anova e o BNG, lanzaron este xoves emprazamentos ao diálogo.

Dende a formación frontista o seu portavoz nacional, Xavier Vence, dirixiuse a Beiras a través dunha carta na que lle expón formalmente a proposta do Bloque, que ten como "obxectivo principal", di, "garantir unha sólida representación de Galiza" na Eurocámara. "Esa representación nacional galega debería servir para visibilizar claramente en Europa a nación galega e as nosas aspiracións soberanistas", abonda o líder do Bloque, para quen "neste momento crítico de redefinición do mapa das nacións na Europa occidental" ir da man doutras nacións sen estado é fundamental. Por iso, explica, a aposta do BNG é unha "gran coalición galega nacionalista de esquerdas, aberta a outras forzas que permitisen enriquecer e reforzar a representación do noso país". 

Vence subliña na carta a Beiras que a aposta do BNG é unha coalición soberanista sen forzas estatais

Neste contexto, Vence explica que "ningunha" das "forzas nacionalistas de esquerda vasca ou catalá" coas que esa eventual alianza galega se podería coaligar "vai ir en coalición con forzas estatais, algo en que coincidimos no BNG". Neste punto, precisamente, é o onde está a clave do éxito ou fracaso do acordo, que o portavoz frontista aposta por explorar nunha xuntanza con Anova "á maior brevidade posíbel". A postura que se defendería dende a outra banda da mesa sería a debullad este xoves en rolda de prensa polo propio Beiras, quen describiu o "suxeito político galego" que, ao seu xuízo, debera concorrer aos comicios comunitarios.

Sinala o portavoz nacional de Anova que a "fórmula" política que avala a Coordinadora Nacional da súa formación é a da "fronte ampla non excluínte" da que poderían formar parte "forzas nacionalistas e da esquerda rupturista" de "Galiza, Euskal Herria, os Països Catalans e España en sentido estrito". Ademais, di, tamén habería lugar nesa alianza para colectivos cidadáns diversos e representacións sindicais. Neste deseño, asevera, cabería tanto o propio Bloque como Compromiso por Galicia -que vén instando nos últimos días a ambas organizacións a "poñerse de acordo"-.

Beiras afirma que Anova traballa por unha "fronte ampla non excluínte" de "forzas nacionalistas e da esquerda rupturista"

Mentres no resto do Estado tamén se suceden os movementos e contactos entre diversas forzas nos que Anova, apunta Beiras, tamén participa, sinala que o convite que agora lanza é "o mesmo de hai un ano", isto é, unha proposta de "fronte ampla" semellante á que, finalmente, cristalizou na conformación de AGE (Anova, Esquerda Unida, Equo e Ecosocialistas) para as eleccións galegas. Neste contexto "ninguén é o centro nin ninguén ten a centralidade" e "se a proposta se frustra non será responsabilidade nosa". A formación que encabeza, en todo caso, seguirá a traballar nunha "coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a creba democrática e a democracia real".

Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo
Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.