A carreira cara ás municipais xa atravesa a política galega

Actos celebrados este sábado polo PP, as mareas municipais, o BNG e o PSdeG Dominio Público PPdeG / Compostela Aberta / BNG / PSdeG

A tregua electoral marchou con 2017. Aínda que en 2018 non existirá en Galicia ningunha convocatoria electoral, a axitación política xeral motivada polo proceso soberanista e as eleccións en Catalunya e, sobre todo, o feito de que reste menos de ano e medio para as vindeiras eleccións municipais, provocou que as principais forzas políticas poñan xa en marcha as súas maquinarias internas. Este sábado foi boa mostra disto: o PP, as mareas municipais e o BNG celebraron actos coa vista posta abertamente nos comicios locais do derradeiro domingo de maio do ano que vén e o PSdeG desenvolveu un dos últimos procesos que pecha o seu percorrido congresual para, igualmente, centrar enerxías na carreira preelectoral.

Feijóo vese obrigado a frear o debate da súa sucesión e a fuga de votos a Ciudadanos

Feijóo, intervindo ante Xunta Directiva do PP galego / PPdeG

Nos últimos días voces internas e externas ao PP volveron apuntar a posibilidade de que o presidente da Xunta abandone Galicia para ocupar un posto no Goberno de España ou na dirección estatal do seu partido como paso previo a ser remuda para Mariano Rajoy. A súa ausencia na Xunta Directiva na que Mariano Rajoy instou a "rearmar" a formación cara ás vindeiras citas electorais, a presenza ao día seguinte en diversos eventos e entrevistas en Madrid e o feito de que respondese abertamente ao ser preguntado pola súa propia sucesión -non prevé concorrer de novo ás eleccións galegas e substituílo será "máis fácil" que cando el reemprazou a Fraga, dixo-, xeraron un pequeno incendio político que el mesmo se esforzou en tentar sufocar este sábado noutra Xunta Directiva, a do PPdeG.

O presidente da Xunta asegura que en Galicia non hai máis "renovación política" que a do PP

No día en que se cumprían exactamente quince anos da súa toma de posesión como conselleiro de Fraga o actual presidente optou por se apoiar noutras dúas efemérides: o dúodécimo aniversario do Congreso que o elixiu presidente do partido e a lembranza do propio Fraga seis anos despois do seu falecemento. Con ese pano de fondo Feijóo dixo ter "máis ganas ca nunca de seguir construíndo a Galicia que queremos" e, cara ás municipais nas que o PPdeG aspira a corrixir o duro golpe de 2015, combinou os tradicionais ataques á esquerda -á que cualificou de "fracaso"- cun discurso menos habitual: o dirixido a frear unha forza política que en Galicia é residual, pero que compite no seu propio espazo: Ciudadanos.

Despois de que varios inquéritos prognostiquen transvasamentos de votos da dereita dos de Rajoy cara aos de Albert Rivera, Feijóo advertiu de que en Galicia non hai máis "renovación política" que a do PPdeG. "Ciudadanos ten cero escanos en Galicia porque nos coñecemos todos" e porque "aquí quen fala alto e claro" e "quen defende a convivencia constitucional, de sempre, é o PP". "E Ciudadanos ten cero escanos -agregou- porque aquí non chamamos 'novo' a aqueles que foron pasando por distintos partidos ata conseguir que alguén os acepte dentro dese partido". Os sufraxios que vaian ou non a C's poden acabar sendo determinantes para o PPdeG especialmente nas cidades e nalgunhas vilas galegas.

As mareas municipais reivindícanse como "único espazo que pode disputar a hexemonía ao PP"

Os alcaldes de Val do Dubra, Teo, Ferrol e Santiago, ao inicio do encontro; e edís de Santiago, A Coruña e Teo nun dos encontros, moderado pola deputada Luca Chao

"Horizonte 2019". As mareas municipais mantiveron este sábado en Santiago o seu segundo "encontro municipalista" coa intención declarada de "construír un novo modelo de país desde os concellos" e coa aposta por activar todas as súas estruturas cara á cita electoral do ano que vén. Compostela Aberta foi desta volta anfitrioa dun encontro no que o alcalde da capital galega, Martiño Noriega, reivindicou estas formacións como "o único espazo político que lle pode disputar a hexemonía ao PP". "Disputarlle os gobernos ao PP e non repartir leiriñas" entre partidos, di, "foi o que nos levou a gobernar" en 2015 "e é o carreiro polo que debemos continuar".

Noriega: "Disputarlle os gobernos ao PP e non repartir leiriñas foi o que nos levou a gobernar"

A cita deste sábado, di Noriega, tiña a intención de "tecer rede". Mesas de traballo e intercambio de experiencias e un espazo específico para definir a "a axenda de cambio", na que participaron representantes da Marea Atlántica, Son de Teo, Ourense en Común e a propia Compostela Aberta, pretenderon amosar, segundo o rexedor compostelán, que "as mareas naceron para cooperar" e impulsar "un modelo de país diferente" no que "construír en común" está por riba das "posicións de parte", resalta. "Somos un dende a diversidade e por este camiño estamos en disposición de ser alternativa ao PP en 2019", agregou Noriega, que no seu discurso de peche do encontro chamou a "manter a esperanza" que levou ao "triunfo" ás mareas en 2015 e facelo "sen pins de amrcas", porque "o espazo que disputa a hexemonía ao PP é o da unidade popular ou non é".

Este encontro celebrouse mentres as diferentes mareas municipais desenvolven cadanseus procesos locais -a Marea Atlántica da Coruña, por exemplo, pecha o vindeiro día 27 a denominada Marea Viva, o proceso de renovación das súas teses políticas e organizativas. Do mesmo xeito, as eleccións municipais estarán tamén moi presentes na xuntanza do Consello das Mareas, o órgano interno de En Marea que se reúne este domingo en Santiago.

O BNG activa a "estratexia electoral" municipal con especial atención ás cidades

Ana Pontón, con Eva Vilaverde no Consello Nacional do BNG

As cidades foron, coa única excepción de Pontevedra, esenciais no duro golpe sufrido polo BNG nas eleccións municipais de 2015. É por iso que o Consello Nacional do BNG activou este sábado a elaboración da "estratexia electoral" para os comicios locais do ano que ven coa vista posta especialmente nos espazos urbanos. Este traballo "inclúe a elaboración de programas, con propostas específicas para as grandes cidades" e tamén, sinalou a portavoz nacional, Ana Pontón, "poñer caras a esas propostas" con tempo dabondo.

Pontón: "Hai que enterrar o derrotismo e construír un proxecto do país" que "deixe atrás a política casposa" do PP

O Bloque, afirma Pontón, afrontará este proceso con "optimismo" e esgrimindo os seus gobernos municipais como o principal "aval" por seren "referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social". "Os concellos do BNG -sinalou ante o máximo órgano da formación entre asembleas" levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador e conseguimos situarnos con referentes internacionais de cambio". Ese "bo facer" xunto cunha actitude "inconformista", augura, permitirá que desta volta a formación nacionalista saia "a por todas".

"O máis importante" é, a xuízo de Pontón, que o BNG sexa quen de "reilusionar os galegos e galegas" para "deixar atrás a política casposa que esconde a unha Galiza orgullosa da súa identidade, moderna e conectada coas principais correntes de pensamento". "Hai que enterrar o derrotismo e construír un proxecto de país" no que "o debate que importa non é se Feijóo vai presentarse ou non", unha "trécola" do líder conservador para "facerse o importante" pero que agocha o que "importa", que é "frear a irrelevancia política á que nos conduce" o PP, resaltou.

Caballero presenta un "novo PSdeG" que aspira a "retirar a Feijóo e a Baltar"

Caballero, no Congreso do PSdeG de Ourense

Os socialistas fixan entre os primeiros obxectivos para 2019 desbancar os Baltar da Deputación de Ourense

O calendario municipal do PSdeG está aínda condicionado polo lanzamento do proceso cara a 2019 por parte da dirección federal do partido pero, sobre todo, pola necesidade de culminar antes a elección dos órganos municipais e locais, os cales foron renovados tras o Congreso Nacional galego que ratificou a dirección encabezada por Gonzalo Caballero. O novo secretario xeral aproveitou a presenza nunha destas últimas citas, o congreso provincial celebrado este sábado en Ourense, para presentar o partido como "un novo PSdeG", unha forza de "cambio" como a que representaron os ex-presidentes Laxe e Touriño, dixo, e que pode aspirar a "retirar a Feijóo" e, no caso ourensán, tamén a "Baltar".

Tras a elección da nova dirección provincial da organización, con Rafael Rodríguez Villarino como secretario xeral, Caballero asegurou que a estrutura nacional do PSdeG estará tamén á disposición dos socialistas da provincia de Ourense, onde "o cambio é máis necesario que en ningún sitio, e tamén máis difícil". En calquera caso, advertiu, "esta provincia merece algo mellor". O reto, sinalou Rodríguez Villarino, non é outro que "obter por primeira vez" o goberno da Deputación Provincial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.