"A cidadanía díxonos que o BNG precisa recuperar a confianza de moitas persoas"

Iolanda Veloso CC-BY-NC-SA BNG

Iolanda Veloso é dende comezos de ano a nova voceira municipal do BNG en Vigo. Substitúe a Santiago Domínguez, a quen "toda a organización lle pediu unanimemente que continuase" e márcase como retos principais a defensa dos "problemas cotiáns" das persoas que viven na maior cidade do país, así como contribuír ao proceso de reflexión interna no que está inmerso o Bloque de cara á súa vindeira cita asemblear.

Inicia unha etapa nova tras moitos anos no que o rostro máis visible do BNG na vida municipal de Vigo foi o de Santi Domínguez, como a afronta?
Con moita responsabilidade, nun momento no que ademais o BNG tamén se xoga moito dende o punto de vista comunicativo, na achega á sociedade e na escoita á cidadanía. Dende o punto de vista do traballo no grupo municipal tomo o relevo nas mellores condicións, porque seguimos o mesmo grupo, tres persoas que xa traballamos xuntas no mandato anterior. Ademais seguir contando coa experiencia de Santi Domínguez.

Enmarca, polo tanto, esta remuda no proceso de reflexión que está a vivir o BNG?

"Estamos traballando, en Vigo e a nivel nacional, para mudar o que sexa preciso"

Asumo a responsabilidade non só de coordinar o grupo municipal senón tamén de levar adiante como voz, como rostro visible, ese traballo de achegamento á sociedade e iso non podemos perdelo de vista. A cidadanía nas últimas citas electorais díxonos claramente que necesitamos recuperar a confianza de moitas persoas, porque por tras de cada voto hai unha persoa. Estamos facendo ese traballo non só en Vigo, tamén a nivel nacional, para mudar o que sexa preciso.

Aínda que o anterior portavoz explicou que tomaba a súa decisión en clave persoal tamén se falou de tensións, de presións internas... Agardábao? É só un ruxerruxe?
Non ten máis valor que o de ser esperable. Este tipo de decisións internas sempre están suxeitas a interpretacións interesadas doutras forzas políticas. Cadaquén fixo a súa, o PP tamén quixo asocialo cun maior ou menor apoio ao goberno en minoría do Concello de Vigo, sempre nunha situación na que se fala tanto nos medios da situación interna do BNG. Pero non é  caso. Santi Domínguez leva moitos anos dedicándose á política, traballando por esta cidade e polo BNG e entende que tocaba dar un paso atrás. É perfectamente comprensible e, aínda que nos gustaría que seguise, entendemos a súa decisión, que é coherente con decisións anteriores, como o feito de poñer o seu cargo á disposición da organización despois das eleccións.

O BNG ten un papel relevante no pleno municipal, en tanto que ten un papel determinante para que se aproben ou non decisións transcendentes, como os orzamentos. Ata que punto son quen de condicionar ou de variar as políticas do goberno de Abel Caballero?

"Entendemos a oposición como un traballo construtivo, as leas políticas que deixan os problemas cotiáns sen solución non valen de nada"

O BNG está na oposición, pero o BNG sempre entendeu a oposición como un traballo construtivo. A diferenza do PP de Vigo, que agora mesmo fai un traballo unicamente de defensa das políticas do señor Rajoy e do señor Feijóo. Temos a capacidade que temos, limitada, pero o feito de estar gobernando en minoría condiciona o alcalde a ter que aceptar determinadas posicións do BNG centradas en atender as demandas da cidadanía, para que dende as administracións se traballe pola creación de emprego, polas axudas sociais e polos investimentos produtivos. En moitas ocasións o goberno local incorpora estas demandas porque difíciles de discutir, son moi claras, concretas e coherentes coa situación actual. As leas políticas que deixan sen solución os problemas cotiáns non valen de nada, aínda que poden ser útiles para outras forzas políticas que prefiren encerellalo todo.

Falar de Vigo é falar de sector naval. A cidade está en niveis de paro preocupantes, cal é o camiño? Son os eventuais contratos de Pemex unha vía para palialo?
O que é necesario é un compromiso e unha vontade política reais. Estamos denunciando a falta de apoio ao sector. O, entre aspas, traballo que fixo o PP foi facerse fotos para vender supostas solucións que ao longo do tempo se demostra que non son tal. Se o Goberno galego consegue carga de traballo nós aplaudiremos, pero a realidade é que non o está a facer. Non hai ningunha intención alén de fotos nas que se asinan papeis que descoñecemos porque non se dan a coñecer nin no Parlamento.

Vese como cartel electoral?

"Ata 2015 falta moito e será o BNG quen decida quen vai encabezar a lista"

Aínda é moi cedo. Aínda teño que verme completamente como voceira municipal [ri]. O que agora me preocupa é facer o meu traballo da mellor maneira, ata 2015 falta moito e será BNG quen tome a decisión sobre quen vai encabezar a lista electoral.

Iolanda Veloso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.