A CIG censura que Benestar faga "propaganda electoral" cos servizos da dependencia

Mato, nun recente acto público da Xunta con Feijóo © Xunta

"Non teñen vergoña". É a conclusión que a Confederación Intersindical Galega tira tras coñecer o inicio da difusión en varias comarcas do país da Carta de Servizos da Dependencia, o documento no que a Consellería de Benestar sintetiza os seus "compromisos" de atención ás persoas dependentes cuxo incumprimento non comporta, non obstante, ningún tipo de consecuencia ou sanción para a Administración nin beneficio ningún para os usuarios e usuarias. Malia sumar xa catro infracións da lei electoral en menos dun mes o Goberno galego, denuncia a CIG, está agora a facer "uso electoral" desta carta de servizos, ata o punto de que o propio persoal da Consellería está a "denunciar" este xeito de proceder.

Así, por exemplo, o día 24 de setembro "chegaron ás dependencias do edificio administrativo da Xunta en Ferrol" uns "folletos" co contido da carta de servizos da dependencia co obxectivo de "seren repartidos entre a cidadanía". "Este libriño correspóndese, segundo nos indican as traballadoras e traballadores de Benestar, cunha das esixencias previstas" para a implantación do Modelo Europeo de Excelencia na Xestión no relacionado coa atención á dependencia. "Mais a realidade é que publicado neste momento, a menos dun mes das eleccións e tratando temas de tanta sensibilidade, non pode menos que cualificarse de promesas ou propaganda electoral", din. No propio libro os servizos pasan a denominarse "compromisos", salientan.

"Non se poden prometer estas cifras cando hai cidadáns que padecen un tempo de espera de 800 días"

Neste sentido, a CIG considera aínda menos "de recibo" que en comarcas como Ferrolterra "se fale de de calidade do servizo de política social" cando, por exemplo, "pende sobre as traballadoras e traballades unha ameaza de amortización de oito dos seus postos de traballo". Do mesmo xeito, a central sindical nacionalista coida que "non se poden comprometer ou prometer as cifras das que se fala neste libriño" cando "nesta comarca os cidadáns teñen que padecer un tempo de espera de 800 días para a avaliación dunha discapacidade".

Deste xeito, a central sindical coida que "Feijóo e Mato" deben "deixarse de gastar os cartos públicos en facer propaganda en temporada electoral" e "aposten por unha verdadeira política social", o que implica, entre outros aspectos, "dotar os traballadores dos medios e recursos neceserios para atender as demandas de valoración e atención dos sectores máis necesitados". Ademais, "xa que fan este dispendio económico -abondan- en edición bilingüe, non esquezan promocionar a lingua galega e, sobre todo, dar exemplo de corrección no seu uso", conclúen.

Cuberta da carta de servizos © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.