A contorna de Baltar agradece a defensa de Feijóo ante a acusación de emprego por sexo

Rajoy, xunto a Feijóo, Vázquez e Baltar, nun peche de campaña © PPdeG

Alberto Núñez Feijóo é máis ou menos de Ourense. Naceu nos Peares, o lugar da Ribeira Sacra atravesado por tres ríos que se asenta no límite das provincias de Lugo e Ourense e entra no territorio de catro concellos: dous lucenses, Carballedo e Pantón, e dous ourensáns, A Peroxa e Nogueira de Ramuín. Feijóo non é, por tanto, puramente ourensán desde o punto de vista xeográfico e moito menos politicamente. O seu liderado creceu á calor do PP do birrete, máis urbano e, sobre todo, moito máis ligado a Madrid que o PP dos Baltar, o único onde Feijóo segue sendo coñecido como Alberto Núñez ou, simplemente, "Núñez".

Como con Fraga, o PP de Ourense sempre foi con Feijóo unha república independente que é tamén un frutífero celeiro tanto de votos como de críticas á dirección do partido. Agora, con todo, en pleno escándalo pola denuncia da muller que acusa a José Manuel Baltar de ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo, a actitude de defensa de Feijóo, de Núñez, resulta máis ben reconfortante no PP ourensán.

A primeira reacción do presidente da Xunta tras a publicación da denuncia en eldiario.es foi máis ben comedida, apelando a "esperar" e instando máis ou menos implicitamente o barón ourensán a dar explicacións. No entanto, poucos días despois esa posición conservadora foi sustituída por unha defensa máis aberta, pondo o foco non no denunciado, senón na denunciante. "O que pedía esa persoa era que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu", argumentou Feijóo tras ser preguntado por este diario sobre a denuncia e as gravacións que a acompañan, nas que Baltar se gaba de poder cambiar o resultado dun proceso selectivo na Deputación cando esta aínda era presidida polo seu pai, José Luis Baltar.

Feijóo pasou de apelar a "esperar" a poñer o foco non no denunciado, senón na denunciante

Esa mesma actitude foi a que mantivo o presidente galego o pasado mércores no Parlamento, cando ante as preguntas da oposición en pleno sobre este caso argumentou que Baltar non está imputado e que, por tanto, promover a súa destitución no partido ou na Deputación sería "correr un alto risco de ser inxustos". A reacción presidencial causou indignación e mesmo estupefacción no resto de grupos, pero foi acollida de bo grao no atribulado PP de Ourense.

No PP de Ourense amósanse reconfortados pola actitude do presidente e só contemplarían a esixencia de responsabilidades a Baltar se é condenado

Mentres no partido se calibra con preocupación o grao de erosión que o escándalo pode causar na súa proxección persoal e nas expectativas electorais do partido o 20-D, na contorna de Baltar agradécese a "prudencia" de Feijóo. Consideran máis que adecuado que o xefe da Xunta nin se expoña esixir a dimisión do líder do partido en Ourense e só contemplarían como adecuada esa petición de responsabilidades no caso de que Baltar sexa condenado, algo que consideran pouco probable.

Esta pouco habitual compracencia coa dirección do PPdeG prodúcese nun contexto onde o factor electoral está moi presente. Ante as voces que advirten da posibilidade de que o caso Baltar poida erosionar a imaxe xeral do PP cara ás eleccións xerais, un veterano dirixente ourensán advirte de que, se cadra, na madrileña rúa de Génova "deberían estar máis preto de onde saen os votos" antes de contemplar a posibilidade de cargar contra o baltarismo ou de valorar quitarse politicamente do medio a José Manuel Baltar. Mentres, entre algúns dirixentes galegos do partido esténdese a sensación de que, aínda que a actitude de Feijóo é politicamente arriscada nun caso con implicacións tan sensibles, unha elevación excesiva do listón moral para esixir dimisións podería ser negativo para futuros casos.

"Que sabe Baltar?"

A defensa de Feijóo reconforta nas filas do PP de Ourense e aumenta a indignación no movemento feminista e a oposición parlamentaria. En ambos os ámbitos móvese a deputada ourensá do PSdeG Carmen Acuña, a quen a actitude de Baltar, pero tamén a defensa do presidente da Xunta, lle parece unha mostra de "machismo repugnante, indecente e rancio". Para a deputada socialista houbo un evidente "cambio de actitude" en Feijóo sobre este caso dende "o primeiro momento, cando fixo declaracións que eu considerei prudentes". Cabe preguntarse, di, "que cambiou".

"Antes pensaba que tiña que dimitir Baltar, agora penso que tamén ten que dimitir Feijóo"

"Non entendo como non só non cesa ao señor Baltar, senón que ademais deféndeo". "Non o entendo, a non ser que o señor Baltar saiba algo do señor Feijóo; preguntámonos que sabe del para que se produza ese cambio de actitude". "Feijóo -di Acuña- vai de moderno e renovador, presume de transparencia", pero "ampara e xustifica a Baltar" ante un comportamento "propio dun señor feudal". A deputada móstrase indignada co presidente da Xunta, pero tamén "moi decepcionada coas mulleres do PP: Como consenten e comparten aparecer como cómplices disto?", pregúntase.

Nun sentido semellante, a voceira do BNG en materia de igualdade e experta en cuestións de xénero, Carme Adán, coida que, se "antes pensaba que tiña que dimitir Baltar", tras as declaracións dos últimos días "coido que Feijóo tamén ten que dimitir, porque está encubrindo un cargo denunciado por acoso sexual e é cómplice del". Alén da cuestión xudicial, engade, "politicamente, cando hai gravacións" que amosan o exercicio do "puro machismo", "ten que haber responsabilidades.

Xuntanza de Feijóo e Baltar © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.