A Coruña, Santiago e Ferrol reclaman a "democratización" da FEMP, que presidirá Caballero

Os tres alcaldes galegos, xunto con outros representantes municipais © Concello de Santiago

Abel Caballero presidirá a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O alcalde vigués recibiu 15.154 votos, fronte aos 10.291 que obtivo o candidato do Partido Popular. A pesar de que durante toda a xornada do sábado socialistas e populares negociaron unha candidatura unitaria, finalmente o PSOE chegou a un pacto con CiU e IU. Deste xeito os converxentes acadan unha vogalía no Consello de Goberno da FEMP e IU unha das vicepresidencias.

O PP acusou os socialistas de preferir pactar "cos independentistas e os radicais antes que co partido máis votado en España”. No seu primeiro discurso Caballero apostou por “reformar a Constitución para regular as competencias das Entidades Locais, recoñecer a nosa autonomía política e funcional e apoiar os concellos pequenos”.

Os e as rexedoras destas localidades piden un "cambio profundo" da FEMP, "para democratizar a entidade e non quedar varada no actual modelo de goberno bipartidista"

Pola súa banda A Coruña, Santiago e Ferrol, xunto con outras cidades gobernadas por candidaturas cidadás, como Madrid, Barcelona, Cádiz Cádiz, Rivas-Vaciamadrid, Puerto Real ou Zaragoza, asinaron un comunicado conxunto no que se demanda unha reforma da FEMP en prol da súa democratización. Os e as rexedoras destas localidades piden un "cambio profundo" da FEMP nos seus órganos de representación, "abordando canto antes unha reforma dos seus estatutos para democratizar a entidade e non quedar varada no actual modelo de goberno bipartidista".

"O pasado 24 de maio, en paralelo ao cambio en moitos gobernos municipais, abriuse tamén un novo espazo de cooperación entre cidades á marxe da FEMP. Un espazo solidario de colaboración e traballo en común, coa cidadanía como prioridade, que é necesario ampliar e profundar. E non deixaremos de facelo", sinalan.

"A FEMP, tal e como a coñecemos, xa non serve" -destacan- "dominada polo bipartidismo, no foi un instrumento útil para reforzar a democracia municipal"

"A FEMP, tal e como a coñecemos, xa non serve" -destacan- "dominada polo bipartidismo, no foi un instrumento útil para reforzar a democracia municipal. E tampouco serviu para contrarrestar normas coma a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local (LRSAL), que supuxo un ataque sen precedentes contra a autonomía local". Engaden que "dende os municipios do cambio, consideramos que é fundamental contar con institucións que defendan o municipalismo, as administracións máis próximas á cidadanía e as súas necesidades. Consideramos que a FEMP debe asumir estas prioridades ineludibles que deberían comezar por pedir a derrogación da LRSAL".

Intervención de Abel Caballero no plenario da FEMP © FEMP
Os tres alcaldes galegos, xunto con outros representantes municipais © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.