"A cuestión identitaria é algo secundario no proceso independentista catalán"

Jordi Solé, secretario de Política Internacional de ERC © ERC

Jordi Solé, secretario de Política Internacional e deputado de ERC no Parlament catalán, participa esta fin de semana na XII Asemblea xeral da Alianza Libre Europea (ALE) á que están convidadas as 40 organizacións políticas integradas neste partido de ámbito europeo. O político catalán analiza o proceso soberanista no seu país, explica as razóns que levaron a Esquerra a rexeitar unha coalición co Bloque para os comicios europeos e amósase convencido de que a poboación catalá "votará e decidirá libremente o seu futuro".

Que agarda ALE para os comicios europeos?

Estamos ás portas de que empece a precampaña para as eleccións europeas e esta asemblea serve para quentar motores. Como Alianza Libre Europea (ALE) esperamos manter e incluso ampliar a presenza na Eurocámara. Estaremos facendo campaña en once Estados membros da UE e agardamos uns bos resultados.

A asemblea de ALE celébrase en Galicia baixo o lema Tempo de autodeterminación, que achega este cónclave neste momento?

Chega nun momento especialmente histórico para os que levamos moitos anos defendendo o dereito de autodeterminacións porque estamos a poucos meses do referendo en Escocia e da consulta en Cataluña. Ademais, o NVA de Flandes vén de facer a súa proposta confederal. Estanse movendo cousas e hai unha corrente e uns movementos independentistas que sen dúbida cambiarán a formulación de Estados europeos. O independentismo está na axenda europea aínda que a algúns lles moleste. Ao final, esta é a democracia: consultar e aceptar a vontade dos pobos.

"O independentismo está na axenda europea aínda que a algúns lles moleste"

Notan maior aceptación aos procesos soberanistas en Europa que en España?

Depende do país de Europa do que falemos, porque a UE é moi diversa, tamén neste tema. En xeral, hai que recoñecer que os procesos independentistas non levantan moito entusiasmo nos gobernos dos Estados membros. Cada goberno defende o statu quo e, ademais, na escena internacional os Estados que son interlocutores fanse favores mutuos e iso inflúe. En canto á visión das poboacións, tamén hai moitas diferenzas. Hai zonas nas que, pola súa historia ou pola súa experiencia pasada, adóitase entender o noso discurso mellor. Pero temos que asentar este discurso no dereito a voto e a ser consultados, nun principio democrático no que si atopamos aceptación. Se o propoñemos en termos democráticos, evidentemente a UE entende a situación, pero o que non se entende é esa ameaza do Goberno do Estado de impedir que votemos.

O Goberno central insiste en que non haberá consulta, está Cataluña abocada a unhas eleccións plebiscitarias?

Non queremos falar de ningún outro escenario que non sexa o do referendo porque estamos convencidos de que imos votar, de que imos poñer as urnas e de que decidiremos libremente o noso futuro político. Non temos que xustificar por que o faremos; os que teñen que xustificarse son os que o queren prohibir. Son eles os que terán que explicar como o van facer, como o impedirán. Temos a lexitimidade e ampáranos o principio democrático, porque o 80% da poboación catalá está a favor da consulta, ao igual que dous terzos do Parlamento.

"Nós non temos que xustificar por que imos facer unha consulta, son os que queren prohibila os que deben explicar como a van impedir"

Como se percibe desde ERC o nacionalismo galego?

Percíbese con simpatía e complicidade, malia saber que somos diferentes, que temos ritmos diferentes e que, se cadra agora, temos aspiracións diferentes. Respectamos as aspiracións do pobo e do nacionalismo galego. Cando falamos co noso referente en Galicia, o BNG, somos conscientes de que, polas circunstancias que sexan, desgraciadamente o nacionalismo galego atópase noutra situación. En calquera caso, sentimos que Cataluña e Galicia somos nacións irmás, que compartimos puntos en común: somos nacións sen Estado propio e non queremos perder a oportunidade de ter un futuro mellor para a nosa xente. Porque isto non só hai que velo desde un punto de vista identitario, que incluso é secundario, senón desde o progreso e o futuro.

"Percibimos o nacionalismo galego con simpatía e complicidade, malia saber que agora temos aspiracións diferentes"

Foi o proceso soberanista que se desenvolve en Cataluña o que levou a ERC a priorizar unha candidatura propia ás eleccións europeas e a rexeitar unha nova coalición co BNG e outras forzas?

Absolutamente. A xente en Cataluña está moi concentrada no proceso soberanista, que é un momento histórico. Estas eleccións europeas chegan no medio do camiño cara ao referendo e cremos oportuno concentrar a estratexia arredor do que está pasando no país, dándolle o enfoque dos países cataláns, da sociedade civil e intentando facer unha candidatura cívica e transversal, non só centrada no proceso independentista, pero si principalmente nel.

"Apostamos por unha candidatura europea centrada principalmente no proceso independentista"

Desde Europa chegan voces que aseguran que Cataluña quedará fóra da UE se acada a independencia...

Non ten sentido ningún. Cando Durão Barroso e determinados comisarios adoptan o discruso do Goberno español están cometendo unha irresponsabilidade porque a propia Comisión Europea dixo por escrito que non se pronunciaría ata que un Estado membro lle fixese a pregunta concreta, algo que aínda non se deu.

"Unha Cataluña independente fóra da UE non ten sentido ningún e non benefica a ninguén, tampouco a España; imporase o pragmatismo"

Pero non cre que Cataluña sería expulsada da UE se conseguise a independencia?

O argumento da expulsión automática non ten sentido ningún e xuridicamente é totalmente rebatible. Quitar dereitos de cidadanía á xente non é doado. Máis aló disto, hai que ter en conta que non hai precedentes e que o caso escocés e o catalán serían únicos. O que aquí se imporá é o pragmatismo e a política real, os intereses do día a día. Ninguén gañará nada se Cataluña queda fóra da UE, tampouco o Estado español. Hai moitos intereses económicos, hai milleiros de multinacionais en Cataluña que non queren quedar fóra do marco comunitario e cidadáns europeos doutras nacionalidades que viven en Cataluña e que non quererán quedar nun limbo xurídico. Ademais, Cataluña é paso da maioría de mercadorías que desde outras partes de Europa chegan a España e non creo que ninguén queira que se paguen aranceis... Desde un punto de vista real, o que prevalece aquí é o pragmatismo.

Jordi Solé, na asemblea xeral da ALE en Compostela © Xan Muras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.