A delegación da Xunta en Madrid acolle a Carmen Lomana para debater sobre a prensa rosa

Sinatura de libros na Casa de Galicia en Madrid © Xunta

A portavoz de Política Exterior do grupo socialista, Marisol Soneira, exixe a comparecencia no Parlamento do Goberno, “ou do propio presidente da Xunta”, para explicar o custo de funcionamento da Casa de Galicia en Madrid e da rendibilidade das actividades quese organizan nela. Xorde esta demanda, nunha serie de iniciativas xa rexistradas, para que Feijóo explique "como logo de negarlle a sanidade pública aos emigrantes que volven logo de 90 días no estranxeiro, e se lle recomende que vaian de irregulares, se malgasta o diñeiro para celebrar ciclos de debate sobre a prensa do corazón”. A institución á a delegación administrativa do Goberno galego na capital do Estado desde 1992.

A axenda da Casa de Galicia inclúe un ciclo de debates sobre a prensa do corazón ao que asisten Lomana ou Josemi Rodríguez

Refírese Soneira a axenda da web da Casa de Galicia, que inclúe un ciclo de debates sobre A prensa do Corazón no que está prevista a intervención de Carmen Lomana, “personalide que ten acadado fama por pedir en plena crise 'cash para los pobres ricos”, lembrou Marisol Soneira, que continuou abundando no currículo da “famosa” apelando ás súas “achegas á literatura con títulos como Los diez mandamientos de la mujer once ou El Glamour inteligente”. Tamén se anuncia a presenza do xornalista Josemi Rodríguez-Sieiro.

A deputada socialista detectou que as actividades da Casa de Galicia, "ao contrario doutros centros como a Casa de Galicia en Bos Aires ou a Fundación Galicia Europa", centrábanse "non tanto no apoio e impulso das iniciativas galegas ou como oficina da Xunta", senón en “exposicións de pintura e outras artes plásticas, recitais poéticos, actividades para que permiten o lucimento do director da casa, que participa en moitas das actividades, e a presentación de todos os libros que leven no título o nome de Manuel Fraga”.

"A Casa de Galicia dedícase principalmente a eventos e 'lunch' aos que se apuntan os clásicos da Corte", denuncia o PSdeG

“Díxosenos que tiñamos que apertar o cinto, que había que reducir deputados por unha cuestión de custos, que os xubilados teñen que pagar os medicamentos, porque todos tiñamos que colaborar”, recordou Soneira. A deputada contrasta isto coa axenda da Casa de Galicia que se dedica "en máis do 70% a a estes eventos que se celebran sobre as sete e media da tarde e continúan cun lunch ao que se apuntan os clásicos da Corte, que sempre son os mesmos”.

A Marisol Soneira parécelle “un insulto que mentres se reducen un 60% os orzamentos reais para Emigración, manteñamos un chiringuito que custa máis de 800.000 euros ao ano e que non aparece individualizado nos Orzamentos como se fose un ente pantasma” para organizar actos “propios dunha mala anpa ou dun mal colexio maior, ou unha mala asociación de veciños, ou para convidar señoras de calidade literaria tan dubidosa como a convidada para falar da prensa do corazón”.

"É un insulto facer isto mentres se reducen un 60% os orzamentos reais para Emigración"

A Casa de Galicia en Madrid custou no seu día 12 millóns de euros, e gastáronse 700.000 euros no seu arranxo. "O director da mesma costa 63.000 euros brutos ao ano; e del dependen 13 persoas. "O custo certo da mesma non se pode calcular, porque non atopamos ningunha partida co devandito nome nos Orzamentos da Xunta”, afirmou Marisol Soneira. A socialista calcula que cos gastos correntes debe aproximarse ao millón de euros.

"A Casa de Galicia en Madrid só se ten promovido a presentación de seis proxectos de empresa, das que nin sequera todas tiñan o domicilio fiscal en Galicia”, apuntou a deputada, que lembra que, "a pesar do viaxeiro que é o noso presidente e das veces que vai a Madrid, non vai moito pola Casa de Galicia”, así, Soneira só detectou a presenza de Feijóo “unha vez, para recoller un premio”. Tampouco o Goberno galego se prodiga por este inmoble, “a excepción de Nava Castro, que presenta todos os anos o stand de Galicia en FITUR”, lembrou.

Casa de Galicia en Madrid © Xunta
Sinatura de libros na Casa de Galicia en Madrid © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.