A Deputación de Lugo facilita á veciñanza o pago dos impostos que impón o Estado

Mayra García, na presentación da nova ordenanza © Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo facilitará o pagamento dos impostos municipais e incrementará a liquidez dos máis de 60 concellos aos que lles tramita eses cobros a través dunha nova ordenanza de recadación que vén de entrar en vigor e que presentou este mércores a institución provincial. 

A Deputación di que quere "defender os veciños" ante os pagos "impostos polo Executivo central a través do Ministerio de Facenda"

Segundo aclarou a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García, o obxectivo é "defender os veciños" e ofrecerlles facilidades no pago do impostos establecidos polos concellos "en cumprimento das leis impostas polo Executivo central no Ministerio de Facenda". A tamén alcaldesa de Trabada explicou que esta nova ordenanza fíxose "tendo en contra o incremento de impostos que levou a cabo o actual Goberno do Estado", así como as posibilidades que a Deputación ten neses 62 concellos que teñen delegada a recadación de impostos no ente da provincia. 

A institución provincial ofrece fraccionamento do pagamento no IBI, IAE e o imposto sobre vehículos

Entre as medidas, a Deputación instaura facilidades de pago a través do fraccionamento do pagamento no IBI, IAE e o imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Así, no caso de ter débedas inferiores aos 3.000 euros, esta poderá pagarse en 12 meses, e se a débeda é superior aos 3.000 euros, en 24 meses. Ademais, aquelas persoas "con dificultades económicas xustificadas" poderán solicitar un calendario provisional de pago, mentres que "non se esixirá un aval bancario cando a débeda non supere os 30.000 euros, límite que estaba establecido ata o de agora nos 6.000 euros". 

En canto ás melloras para os concellos, levarase a cabo unha redución na retención pola recadación, pasando do 3% ao 1%, o que supón un aforro para os 62 Concellos superior aos 700.000 euros, segundo a Deputación. Ademais, segundo explica Mayra García, adiántanse aos concellos mes a mes a recadación de impostos anuais, o que implica unha "inxección mensual nas arcas municipais" destes municipios de 3,3 millóns e 40 millóns ao ano e, xa que logo, unha maior liquidez. 

Alén disto, a Deputación de Lugo tamén impón limitacións para as poxas de bens inmobles, aquelas de vivendas habituais ou propiedades por actividades agrogandeiras, comerciais ou industriais que se poden realizar se existe algún impago e que agora estarán máis restrinxidas. 

"Esta ordenanza é unha medida máis coa que buscamos unha Deputación coas persoas”, rematou a deputada de Economía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.