A Deputación de Ourense afunde no primeiro exame á súa transparencia

Baltar, nunha comparecencia ante os medios © Deputación de Ourense

O algodón non engana ou, cando menos, non sae excesivamente branco. A organización non gobernamental Transparencia Internacional (TI), especializada en estudar a relación entre as Administracións públicas e a cidadanía e a posibilidade de acceder ou non á información relativa ao seu funcionamento vén de analizar por primeira vez as deputacións, consells e cabildos insulares. Nun momento no que o cuestionamento destas institucións provinciais é, agás excepcións -caso de Euskadi-, a tónica dominante no Estado, algunhas delas destacan pola súa especial opacidade. Nese grupo de cola sitúase a Deputación de Ourense.

Con 30 puntos sobre 100 o ente presidido por Manuel Baltar e antes polo seu pai, José Luis Baltar, non só obtén un suspenso en toda regra senón que fica moi lonxe da media estatal, situada en 48,6 puntos. Este rexistro ubica a administración provincial ourensá no posto 37 entre as 44 institucións analizadas, afastada tamén das outras tres deputacións galegas que, aínda que non ocupan postos de privilexio, si superan a barreira do simbólico aprobado e están por riba da media. Nomeadamente, a Deputación de Lugo, no décimo quinto posto, consegue 55 puntos. Dous postos máis arriba está Pontevedra, con 58 e no duodécimo lugar atópase A Coruña, con 60.

Na análise da relación cos municipios Ourense é a antepenúltima do Estado en niveis de transparencia

Pero se no rexistro global a Deputación de Ourense sae mal parada non ten mellor avaliación nos estudos específicos, nos que TI se detén en aspectos concretos da xestión. Isto acontece dun xeito máis significativo nunha das áreas que, a priori, ten máis peso en calquera deputación, como son é a prestación de "servizos e apoio a municipios". Neste epígrafe, no que se analiza a información sobre a distribución de fondos entre concellos, xestión tributaria, asignación de persoal ao servizo dos municipios ou reparto de obras Ourense queda relegada ao antepenúltimo lugar e, con 15,4 puntos, só está por riba de Zaragoza e Toledo. Non está moito máis arriba Pontevedra, trixésimo cuarta con 23,1 puntos. Neste epígrafe tampouco logra aprobar A Coruña, que queda nos 38,5, e si o consegue Lugo, décimo cuarta con 61,5 puntos.

A transparencia económico-financeira ou a información pública sobre a propia estrutura e funcionamento interno sáldanse tamén con senllos suspensos para a Deputación de Ourense, que só logra estar ben situada no rexistro sobre a información nas contratacións de servizos. Nesta análise, na que inflúen variables como a publicación en Internet dos procesos de contratación, a publicación de licitacións e do seu resultado ou da contía dos contratos, maiores e menores, Ourense senta no vagón de cabeza, no que tamén viaxan outras vinte e dúas deputacións, todas elas con 100 puntos sobre 100. Neste caso saen peor paradas Pontevedra, con 83 puntos e A Coruña e Lugo, ambas con 50. Así e todo, as catro galegas aproban.

Galicia ocupa o quinto posto entre as once autonomías con deputacións provinciais

Malia aos malos datos obtidos pola Deputación de Ourense as relativas boas cualificacións asignadas, en xeral, ás outras tres deputacións permiten que Galicia non saia especialmente mal parada deste primeiro estudo. Así, das once autonomías con administracións provinciais queda situada no quinto posto, con 45,5 puntos. Por diante están Baleares, Euskadi, Castilla y León e en cabeza queda Catalunya. Na parte baixa están Aragón, Andalucía, Valencia, Extremadura, Castilla-La Mancha e, pechando o rexistro, os cabildos insulares de Canarias.

Fonte: Transparencia Internacional CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.