"Un posto de chofer da brigada de conservación e mantemento", "tres postos de porteiro-operario de servizos varios do Equipo de Portaría e Limpeza do Centro Cultural Marcos Valcárcel", "un posto de porteiro da Escola de Gaitas"... E así ata 128 empregos que a Deputación de Ourense ofrece este mércores no anuncio do DOG para a convocatoria dun concurso ordinario para a "provisión de diversos postos de traballo" na entidade provincial.
A Deputación convoca 128 postos de traballo a pouco das eleccións, a maioría de promoción interna
A catro días da celebración das eleccións autonómicas, o DOG oficializa unha convocatoria cuxas bases reguladoras foran publicadas hai unhas tres semanas no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e para as que as solicitudes poderanse enviar xa nos vindeiros días. Son, na súa maioría, postos de promoción interna dentro da Deputación e fontes do organismo provincial aseguran a Praza que a súa convocatoria "non se tiña por que ter feito neste momento, senón que perfectamente se podía ter realizado noutra época". De feito, as mesmas fontes aclaran que, malia que este mesmo mércores se debateron en comisión os orzamentos e as partidas destinadas a estes cometidos, a entidade "prefiriu poñer xa antes en marcha este mecanismo", algo que ven como "unha medida claramente electoralista".
"Desde dentro, aínda que non o pareza, a contestación ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, é bastante grande e esta é unha forma de contentalos ou promocionalos internamente", explican as mesmas fontes sobre un concurso no que se terán en conta como méritos as titulacións acaídas para o posto, os cursos de formación, os servizos prestados na empresa privada ou a antigüidade na administración pública. Un procedemento con traxe legal que non impide apreciar as costuras da idoneidade ou do engordado sistema de contratación no ente provincial.
Fontes da Deputación ven nestes concursos a forma de "contentar ou promocionar" un cadro de persoal que amosou o seu "malestar" con Baltar
Desde o PSdeG xa houbo reacción e acabeza de lista pola provincia de Ourense, Noela Blanco, advertiu desta publicación no DOG "a catro días das eleccións autonómicas", censurou a "descarada utilización política" da Deputación e esixiu “garantías máximas de limpeza e equidade” no proceso. Faino, di, logo da “lamentable historia de nepotismo, compra de vontades e ata presunto acoso sexual que agocha a xestión de persoal do ente por parte dos Baltar”.
O PSdeG censura a "descarada utilización política" desta oferta e esixe "garantías máximas de limpeza e equidade"
Nun comunicado, a candidata socialista esixiulle a Feijóo que explique "se esta manobra forma parte do seu acordo con Baltar de garantirlle votos a cambio de mantelo na Deputación mentres é investigado por suposto suborno e acoso sexual”. "Baltar -engade- danos exactamente a medida de ata onde chega o compromiso ético de Feijóo, que ampara unha traxectoria de falta de respecto á institución e que avergoña os ourensáns”.
Blanco anunciou que o PSdeG “seguirácon lupa o proceso de contratación” para garantir a súa limpeza, logo de lembrar que o orzamento de persoal da Deputación de Ourense rolda o 40% do total, mentres o gasto en investimento produtivo non chega ao 20 %.