A esquerda acolle con indignación e sen sorpresa o "mercadeo" de Baltar a catro días das eleccións

Feijóo, xunto a Baltar, no mitin de Ourense © PPdeG

"Xa non o vemos con sorpresa, é unha práctica habitual e unha mostra de como ven as institucións no PP: como un mercadeo para comprar votos", dio Noa Presas, número 1 do BNG pola provincia de Ourense. "É do menos que podes esperar, xa estamos afeitos ás manobras de Baltar", engade David Rodríguez, segundo na lista de En Marea. "É unha descarada utilización política da Deputación", censurara o mércores Noela Blanco, cabeza de lista do PSdeG. Toda a oposición política coincide non só en censurar e denunciar senón en non sorprenderse da oferta de 128 postos de traballo no ente provincial que o DOG fixo pública a só catro días das eleccións. 

A esquerda acolle con indignación pero sen sorpresa as "manobras de Baltar": "É a práctica habitual, mercadeo para comprar votos"

Postos de chofer, de porteiros ou de porteiro-operario -até 86 categorías- de promoción interna dentro da Deputación de Ourense e cuxas bases reguladoras foran publicadas hai tres semanas no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. De acordo coa lei, ao pouco publicáronse no DOG, a escasos días da convocatoria electoral. Un concurso no que se teñen en conta como méritos as titulacións acaídas para o posto, os cursos de formación, os servizos prestados na empresa privada ou a antigüidade na administración pública. Un procedemento con traxe legal que non impide apreciar as costuras da idoneidade ou do engordado sistema de contratación no organismo.

Mentres, o PSdeG preguntaba a Feijóo "se esta manobra forma parte do seu acordo con Baltar de garantirlle votos a cambio de mantelo na Deputación mentres é investigado por suposto suborno e acoso sexual”. Ás poucas horas, o presidente da Xunta e o da Deputación compartían mitin obviando o tema e destacando a "excepción de estabilidade" que é Galicia no conxunto do Estado, pedir unha "maioría determinante que non se poida cambiar con pactos" e cargar contra os rivais políticos.

Baltar obvia a polémica, comparte mitin con Feijóo e carga contra "sociolistos e mareantes"

"Aquí non valen nin sociolistos, nin mareantes. En Ourense non hai mar, hai ríos, e todos virán cheos de votos para o PP", dixo o propio Baltar malia que as notas emitidas polo PPdeG non recollen declaración ningunha del e a súa figura tan só aparece -e de lado- nunha das fotografías enviadas. Investigado por suborno e tráfico de influencias nun caso no que a xuíza non desbota o acoso sexual por ter presuntamente ofrecido traballo na Deputación a cambio de sexo, o presidente provincial presumía de ser o celeiro de votos populares: "a segunda provincia en apoios do Estado e co 40% dos alcaldes do PP de Galicia"

Para Noa Presas, do BNG, tanto o "baño de masas" de Feijóo e Baltar como a oferta de emprego coincidente en tempo na campaña "son mostras de que teñen medo, froito do pánico". "O Bloque estalle disputando o último escano e estan moi nerviosos, tamén na Deputación porque ven como a tarta a repartir é ada vez máis pequena", insiste, tras encadrar o anuncio do DOG "nunha estratexia máis como cando inundaron de papeis os coches en Ourense advertindo de que iamos roubarlles as terras". 

O BNG ve na oferta laboral en plena campaña o "medo" do PP a perder a maioría absoluta e En Marea considérao "premeditado e electoralista"

David Rodríguez, de En Marea, tira de retranca para asegurar que se lle fai "raro" que estas ofertas de emprego "saian sempre en campaña electoral". E advirte, tamén, que "os tempos seguramente son legais, pero é evidente que é algo premeditado e electoralista". "Podía saír dentro duns días, pero curiosamente aparece a poucos días das eleccións", insiste quen recoñece estar "afeito" ás "manobras de Baltar". 

Feijóo vira o foco do caso Baltar cara a denunciada: "O xuíz pasouna a denunciada; como non lle deron o traballo, denunciou"

Precisamente, Feijóo foi pregutnado este xoves nunha entrevista na Cadena SER sobre se estaba cómodo facéndose fotos con Baltar logo de que agromase a denuncia contra el por presunto acoso. Axiña, botou balóns fóra e puxo o foco na muller presuntamente acosada. "Á persoa que o denunciou, o xuíz pasouna automaticamente a denunciada e o fiscal pediu sobreseer o caso. Que se investigue. A min non me gusta iso, para nada, pero o xuíz denunciou a denunciada e a fiscalía pide o sobreseemento. A muller pedíalle un posto de traballo e, se llo chega a dar, [Baltar] tería cometido prevaricación, pero como non llo deu, denúnciao... Home, merece ser estudado", asegurou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.