A Deputación de Pontevedra aproba por unanimidade o seu primeiro regulamento de comunicación inclusiva

Guía de comunicación inclusiva elaborada pola Deputación de Pontevedra Dominio Público Deputación de Pontevedra

“A linguaxe xera e transmite convencións sociais herdadas e reflicte unha realidade socialmente construída en lóxica sexista” a través da que se aprende “o que se espera de cadaquén e o papel que debemos xogar no tecido social”. Así argumenta a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, primeira muller que preside a institución, a aprobación este venres por unanimidade do Pleno da Corporación provincial do primeiro regulamento de comunicación inclusiva desa administración. “O que non se nomea non existe”, salienta Silva.

“Medidas deste tipo cambian moito máis a sociedade que calquera outra cousa” di a presidenta provincial, a socialista Carmela Silva

O novo regulamento, que ten por obxectivo a eliminación da linguaxe sexista e discriminatoria da comunicación oficial da Deputación, será de obrigado cumprimento para todos os órganos, servizos e departamentos da institución provincial así como para todas as traballadoras e traballadores desta administración, tanto nas actuacións internas como externas. Ademais, a normativa afectará tamén aos estudos, proxectos, programas e traballos que a Deputación lles encargue a terceiras persoas, entidades ou empresas que “deberán  realizaranse atendendo ás recomendacións sobre o uso inclusivo da linguaxe escrita e iconográfica contidas neste regulamento”, un requisito que será “explicitamente recollido nas convocatorias ou solicitudes dos mencionados traballos”, apuntou Carmela Silva.

A presidenta provincial tamén asegurou que a institución tamén colaborará con todos os concellos que queiran seguir esta boa práctica e teñan interese na normativa, así como na guía de comunicación inclusiva que se publica paralelamente para facilitar a implantación da normativa, “Principios de actuación para unha comunicación en clave de igualdade na Deputación de Pontevedra”, da que se repartirán 1.500 exemplares dunha primeira tirada.

“O persoal desta Administración non era capaz de identificar estas situacións discriminatorias”, salienta Silva

A Deputación sinala que “para elaborar os novos documentos, no último semestre do 2016 realizouse unha primeira labor de indagación cuantitativa e cualitativa dirixida a detectar os usos sexistas na linguaxe escrita e iconográfica” na administración provincoal. A través desta investigación constatouse que seguía a existir un tratamento sexista e estereotipado na comunicación escrita e visual da institución e que na súa maioría, “o persoal desta Administración non era capaz de identificar estas situacións discriminatorias”, sinalou Silva. Grazas a estes traballos de indagación e posteriores obradoiros de formación puidéronse detectar cales son os tipos máis frecuentes de usos sexistas, o que permitiu elaborar a nova guía.

“Medidas deste tipo cambian moito máis a sociedade que calquera outra cousa”, salienta Silva, xa que “estamos falando do 52% da poboación, das nosas nais, das nosas fillas, das nosas netas, e do seu futuro por que concibamos sociedades igualitarias onde poidan desenvolver as súas  capacidades e talentos en igualdade de dereitos”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación da iniciativa Dominio Público Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.