A finais de xaneiro de 2011 o Hospital Lucus Augusti convertíase no centro sanitario de referencia da provincia de Lugo. Dez anos e tres gobernos galegos despois o novo complexo hospitalario substituía o vetusto xeral e as súas carencias arquitectónicas e asistenciais, se ben mantiña algunhas materias pendentes, como a instalación das unidades de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear. De todas estas a máis urxente era a primeira, xa que dela depende a atención urxente de boa parte dos infartos de miocardio e a súa ausencia provoca que unha persoa residente en Lugo tarde 178 minutos tras sufrir este problema de saúde mentres que un coruñés ou coruñesa son atendidos en 98 minutos, segundo datos do hospital da Coruña.
Esta diferenza e, polo tanto, este risco para a saúde dos habitantes da provincia territorialmente máis extensa do país estiveron este mércores presentes no pleno da Deputación provincial que, grazas á maioría que suman PSdeG e BNG, sacou adiante unha moción socialista para esixirlle á Xunta que "licite e adxudique de inmediato" estes equipamentos. Malia asegurar estar a favor desta reclamación o grupo do PP, único da oposición, votou en contra. Isto aconteceu aínda que, segundo asegura o grupo de goberno, os conservadores "coñecían a iniciativa dos socialistas" e mesmo "tiñan unha copia", se ben o Grupo Popular "decidiu presentar" unha moción propia por trámite de urxencia e cun texto "practicamente igual".
Os pacientes de Lugo que sofren un infarto tardan case o dobre que os da Coruña en seren atendidos
Nomeadamente, o texto do PP propuña "instar a Xunta de Galicia á posta en marcha da unidade de Hemodinámica (...), xa que se trata dunha actuación prioritaria para a provincia", e reclamaba que a Administración autonómica teña "especial consideración coa provincia de Lugo" na "aplicación dos criterios de organización de servizos" para dotar o hospital lugués de medicina nuclear e radioterapia. Dada a circunstancia, o presidente da institución luguesa, José Ramón Gómez Besteiro, propúxolles aos populares que sumasen a súa iniciativa á do PSdeG converténdoa nunha emenda, pero "o Partido Popular negouse", informan dende a Deputación, e votou en contra malia considerar, por boca do deputado Fernando Pensado, que a Hemodinámica "é unha prioridade" para Lugo. Así e todo, finalmente o PP retirou a súa moción de urxencia. "Rectificar é de sabios", apuntou Besteiro para defender o texto aprobado, no que se subliñaba tamén o "perigo para as vidas dos doentes" que supón ter que ser trasladados "a Santiago ou á Coruña" para recibir tratamento axeitado.
Afectados polas preferentes
Afectados polas preferentes censuraron que o PP non apoiase a devolución dos cartos
O voto negativo do PP non se produciu só no referente ao hospital. Tamén se repetiu no debate doutra iniciativa, neste caso vinculada a que a Xunta "garanta a continuidade de Novagalicia Banco como unha entidade financeira pública" e "poña en marcha os mecanismos legais necesarios para que se lles reintegre aos afectados polas participacións preferentes o 100% dos cartos investidos". A iniciativa foi debatida e, á hora da votación, a posición do grupo da oposición foi rexeitada con berros dende as bancadas do público, nas que sentaban varias das persoas que consideran "estafados" os seus aforros.