A descafeinada comisión anti corrupción chega ao seu trámite final

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

Comezou descafeinada e corre o risco de rematar insípida. A comisión de estudo creada no Parlamento para, sobre o papel, elaborar un plan de medidas de prevención da corrupción vén de iniciar o seu trámite final cos poucos folgos que lle quedan. Na sesión deste luns, oficialmente convocada para elixir os deputados e deputadas que se encargarían da elaboración do ditame final -as medidas concretas contra as prácticas corruptas- o PP comezou ratificando o seu veto a realizar novas comparecencias, entre elas, a de Alberto Núñez Feijóo sobre o financiamento do PP, e rematou quedando só co PSdeG, grupo impulsor da comisión.

Dende o Grupo Socialista, encabezado nesta comisión por Beatriz Sestayo, a aposta por non abandonar vén dada, ademais de "porque a comisión foi iniciativa nosa", por que "queremos un documento claro de medidas anti corrupción" e o PP procura "o contrario", afirma, en conversa con Praza Pública. Neste contexto, o PSdeG reclamará a elaboración de "relatorios separados, que cadaquén faga o seu documento". Deste xeito, os conservadores veríanse na tesitura de aprobar ou rexeitar "un documento duro" cun plan de medidas para evitar as malas prácticas, explican, ou ben de sacar adiante en solitario un documento "de paripé" que exclúa, por exemplo, "o financiamento ilegal" dos partidos.

Mentres fontes parlamentarias sinalan que o PP agardaba o abandono da oposición en pleno AGE e BNG explican cales foron os seus motivos para non participar do ditame. Dende Alternativa a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, declárase "farta da instrumentalización, da manipulación e das imposicións do PP", unha "estratexia" que, denuncia, "vén dende a mesma constitución" da comisión, cando o partido da dereita rexeitou as comparecencias de cargos políticos. "Así entende a democracia o partido de Feijóo, só se apoias sen chistar o que eles propoñen", acusa.

O PSdeG, impulsor da comisión, defenderá realizar ditames separados

Neste contexto, Díaz lembra que o seu grupo reclamou reabrir a quenda de comparecencias para que acudise á Cámara "Modesto Fernández, xerente do PP galego no 2006", ano no que, "segundo figura nos papeis de Bárcenas, a organización que presidía Feijóo recibiu máis dun millón de euros de empresas privadas que violaron a legalidade sobre financiamento de partidos". "O PP non quere explicar o seu presunto financiamento irregular, será porque oculta algo", abonda Díaz, quen identifica "unha vez máis", unha "morzada" imposta ao Parlamento.

AGE e BNG abandonaron a comisión tras a negativa a incluír novas comparecencias, entre elas a de Feijóo e a do ex xerente do PPdeG

Pola banda do BNG a tamén vicevoceira Ana Pontón explica que a decisión de non participar no relatorio final é unha "mostra de protesta" pola "utilización partidaria" que o PP, afirma, realizou da comisión. Para a nacionalista era necesario iniciar unha nova fase de comparecencias que incluíse a de Feijóo porque o PP "tenta xeralizar" a cuestión da corrupción porque "lle chega ás orellas". O caso dos papeis de Bárcenas, apunta Pontón, "implica directamente" ao actual presidente e ao Bloque, que "ve con repulsión a  corrupción que afecta á vida pública, sente a mesma repulsión ao comprobar que o presidente da Xunta se nega a dar explicacións".

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.