A dirección de Máis Galiza evita a división e deixa en mans da súa asemblea a permanencia no BNG

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Un partido cuxa militancia decidirá sobre a permanencia no BNG. Este podería ser o resumo do pactado pola "unanimidade" do Consello Político Nacional de Máis Galiza que, nunha intensa xuntanza de case catro horas, fixou o roteiro que guiará a corrente que encabeza Carlos Aymerich ata a súa asemblea nacional, o vindeiro día 11 en Santiago. O principal interrogante que estaba sobre a mesa era a postura que a propia cúpula de +G achegaría á cita asemblear, toda vez que, en anteriores xuntanzas, a "maioría" do Consello apostara por abandonar a formación frontista. Pero, no canto de definirse en grupos a prol ou en contra da marcha, os membros da dirección decidiron deixar a decisión completamente en mans da propia asemblea.

A permanente de +G queda "facultada" para seguir a "traballar pola unidade do nacionalismo"

O que si que ten claro a dirección é a forma que Máis Galiza debe adoptar de agora en diante: a dun partido político e non o dunha mera corrente. Esa será, polo tanto, a proposta que se "someterá á asemblea". Nese encontro discutiranse tamén os textos políticos da nova forza política. A militancia, explican, terá que "determinar a conveniencia e compatibilidade" deses propios textos "coa súa permanencia ou non no BNG". Non obstante, a permanente de +G queda "facultada" para seguir a "traballar pola unidade do nacionalismo".

Ao Consello Político deste xoves chegaban, tal e como ten relatado Praza, dúas sensibilidades ben diferenciadas que mesmo facían "posible" a configuración de dúas listas para a asemblea nacional. Dunha banda situábanse boa parte das cabezas visibles da formación, a comezar polo propio Aymerich que, con diferentes fórmulas, apostan por quedar no BNG baseándose en dous argumentos esenciais: a necesidade de garantir a estabilidade nas institucións, basicamente nos concellos, e evitar transmitir á sociedade unha imaxe de maior conflitividade no nacionalismo. Por outra banda situábanse os dirixentes que apostan pola marcha e que vían reflectida na súa postura a da maioría das bases de +G, así como a da súa corrente xuvenil.

Neste escenario, semella que o encontro de hoxe si logrou o que ambas partes consideraban "desexable": que o cónclave do día 11 non se desenvolvese nun clima de "confrontación".

 

Logotipo de Máis Galiza CC-BY-SA +G

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.