Os vindeiros dous días preséntanse como transcendentais para a constitución ou non dunha única opción electoral no espazo político de En Marea. A primeira das citas marcadas en vermello no calendario terá como escenario o hotel compostelán no que Podemos Galicia reunirá a súa asemblea para abordar o escenario previo aos comicios e, sobre todo, para decidir se apostan ou non pola confluencia. A segunda chegará vinte e catro horas despois, na "asemblea constituínte" das mareas convocada ao fío do manifesto dos alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo. O clima do segundo encontro estará, en boa medida, condicionado polo decidido na votación á que dará lugar o primeiro polo fondo -confluencia ou non, asistir ou non-, pero tamén pola forma. A vontade dos alcaldes e a aposta dos documentos das Mareas en Común, nos que se basea a asemblea, aposta por concorrer ás eleccións coa fórmula dun partido instrumental. Mentres, a dirección de Podemos Galicia apostará por unha coalición ao uso.
A diferencia de criterio que veu transcendendo nas últimas semanas foi verbalizada este mércores pola secretaria xeral do partido morado, Carmen Santos, cuxa organización non veu participando nas xuntanzas da xestora á que se lle encomendou preparar a asemblea das mareas do sábado. Tras recibir chamadas á "xenerosidade" por dirixentes como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Santos amosouse convencida de que "a xenerosidade non pasa pola creación dun partido instrumental", fórmula empregada nas municipais pola Marea Atlántica ou Compostela Aberta.
Carmen Santos: "A xenerosidade non pasa pola creación dun partido instrumental"
"A unidade das forzas progresistas para nós non pasa por que Podemos se integre ou dilúa nun novo partido de ámbito galego", di Santos, en cuxa opinión "a unidade popular" non é "unha estratexia de márketing nin unha suma de votos", senón "unha nova forma de facer as cousas que ten como prioridade transformar a sociedade a través de política pensadas para a xente". Esa filosofía, di, debe plasmarse en "métodos" como as primarias, "a participación e a transparencia" e "por iso -subliña- para nós unha coalición" que "dea coherencia a este proxecto común que xa nos trouxo ata aquí pode ser a mellor maneira de conectar con esa maioría social galega que desexa e necesita un cambio político, tamén na Xunta de Galicia".
Podemos celebra o seu encontro e abre a súa votación interna vinte e catro horas antes da asemblea das mareas
Sobre o encontro de Podemos pairará a disparidade a respecto dalgúns dos referentes das mareas, pero tamén dunha parte do propio partido, a representada polo colectivo denominado Xuntos Podemos. O seu voceiro, Carlos Armada, que asegura representar unha "parte non menor" do partido, considerou este mércores nunha dura intervención que o "peso" de Podemos debe ser maior nunha eventual confluencia, por ser a formación o "motor" do cambio. As propostas das Mareas en Común son, para este grupo un "ataque aos partidos" que personalizan nos alcaldes que, aseguran, chegaron aos gobernos locais "grazas a Podemos". "Sen a participación do noso partido nunca terían éxito nas súas candidaturas", afirman. Dende a dirección de Podemos Galicia asegúrase "respectar a liberdade" de "certa parte das bases" para "manifestar a súa opinión", se ben Santos coida que o "importante" é a decisión que sexa adoptada tras a votación que comezará o venres e que prevén culminar o 1 de agosto.
O colectivo Xuntos Podemos carga contra as Mareas en Común e Santos ínstaos a manifestárense na asemblea
O feito de que a decisión definitiva de Podemos Galicia non vaia chegar antes do sábado condicionará, en calquera caso, a asemblea das mareas, cuxa orde do día aínda non foi pechada. Entre os interrogantes que chegarán sen despexar a esa cita figura o grao de modificación que poderán acadar os documentos elaborados polas Mareas en Común durante os últimos meses en ámbitos como o calendario de primarias para a Presidencia da Xunta e para o resto das listas. Mentres que o equipo redactor defende os prazos iniciais, voces internas veñen advertindo nos últimos días da necesidade de acurtalos para seren quen de preparar xa listas e programa ante a inminencia de convocatoria dos comicios, que se producirá en todo caso no vindeiro agosto.