A dirección do PP defende a "obriga" de apoiar a Baltar e o seu "magnífico" labor

Baltar, con Feijóo, Levy e outros cargos do partido no congreso do PP ourensán © PP de Ourense

Ningunha disensión no obrigado apoio a José Manuel Baltar. A pasada fin de semana o presidente da Xunta e unha das dirixente á alza dentro do aparello estatal do PP, Andrea Levy, aplaudiron á vez o barón ourensán tras ser reelixido líder provincial do partido con máis do 95% dos votos do congreso ao que chegou como candidato único. Ambos dirixentes puxeron o aparello do PP ourensán como exemplo, gabaron o "compromiso" de Baltar e, no caso do titular da Xunta, aproveitou para anunciar que o congreso autonómico do partido terá Ourense como sede.

Foron innumerables as chiscadelas para o responsable dun celeiro de votos fundamental nas vindeiras eleccións galegas. E todas, defenden dende a dirección galega do PP, son unha "obriga" malia á investigación en marcha polo seu presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo.

A presenza e aplausos de Feijóo a Baltar recibiron múltiplas críticas dende o resto de forzas políticas, que censuran que o "aval" do xefe do Goberno galego ignore a investigación aberta ao tamén presidente da Deputación de Ourense por presuntos delitos delitos de suborno e tráfico de influencias, sen desbotar ademais o acoso sexual. Esas críticas trasladáronse este martes, Día Internacional das Mulleres, á Xunta de Portavoces do Parlamento. Alí AGE e BNG tentaron, sen éxito, forzar unha comparecencia de Feijóo sobre o seu apoio a Baltar que bateu, como adoito, contra a maioría absoluta do PP. 

O PP freou a solicitude de comparecencia de Feijóo sobre Baltar, formulada por AGE e BNG

Ao remate da xuntanza o voceiro dos conservadores, Pedro Puy, foi cuestionado pola prensa a respecto do apoio a Baltar por parte de Feijóo e o deputado viu "evidente" que o seu xefe de filas está a facer o que ceorresponde. "O señor Feijóo vai, loxicamente, a todos os congresos provinciais e é evidente que cumpre coa súa obriga indo a unha clausura na que o 95% das persoas que votaron decidiron apoiar a un presidente", di. Isto acontece porque "a diferenza" do "resto de formacións políticas, o PP é un partido democrático".

Puy defende que o barón ourensán fai "un labor magnífico, tanto na Deputación como no partido"

Alén da asistencia ao congreso, Puy defende ao propio Baltar. O barón ourensán "está facendo un  labor magnífico" tanto "á fronte da Deputación como á fronte" do partido. E iso é o relevante. Preguntar polo aval de Feijóo fronte ao suposto ofrecemento de emprego por sexo é tanto como "preguntar se a presenza do voceiro dalgún grupo na reunión que tivo o Partido Socialista", en referencia ao recente Comité Nacional do PSdeG, "supón o respaldo ao secretario xeral imputado, ou tonterías desas", conclúe.

Feijóo terá que volver abordar o seu apoio a Baltar en pleno por mor dunha pregunta do PSdeG

O que nas filas populares é intrepretado como unha parvada, no resto de forzas é visto como un "abrazo á política de enchufes e ao uso clientelar das institucións" que, a a xuízo de Antón Sánchez, de AGE, encarna Baltar. Tamén o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, ve referendado o "apoio" de Feijóo ao líder do partido en Ourense malia á investigación xudicial e dende o PSdeG José Luis Méndez Romeu advirte que, malia todo, o presidente da Xunta terá que volver abordar o asunto en pleno. Os socialistas formularanlle unha pregunta sobre as políticas de igualdade ás que, ironiza, a "maior contribución" da banda do presidente está a ser "a entronización do señor Baltar".

Feijóo aplaude a Baltar tras a súa reelección © PP de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.