A vinte e catro horas do inicio da campaña das xerais que, no caso galego, supón o punto de inicio dunha longa carreira que culminará nos comicios do outono ao Parlamento de Galicia, o caso Baltar regresou aos xulgados. Fíxoo este xoves na persoa do patriarca da saga, José Luis Baltar, investigado -antiga imputación- por presunto suborno e tráfico de influencias na causa contra o seu fillo e sucesor, José Manuel Baltar, iniciada pola denuncia dun suposto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, cuxa autora tamén está investigada. Baltar pai conseguiu adiar un chisco a declaración e, mentres, a dirección do PPdeG mantén a súa aposta por non actuar contra Baltar fillo, mesmo suxerindo que non o fará agás en caso de condena.
O avogado de José Luis Baltar procurou, con éxito, dilatar o proceso. A súa alegación baseouse en que non tivera tempo dabondo para preparar a defensa, toda vez que recibira na xornada previa copia das gravacións que, reveladas en exclusiva por eldiario.es, amosan conversas do seu defendido coa denunciante instándoa a ter "paciencia" para lograr o emprego que, supostamente, lle prometera José Manuel Baltar. Dado o adiamento, Baltar pai abandonou os xulgados e foi autorizado para facelo, como informa a edición ourensá do Faro de Vigo este xoves, pola porta de atrás para evitar á prensa.
Baltar pai logrou un adiamento da súa declaración ante a xuíza
Con este pano de fondo a dirección do PPdeG, que confiara inicialmente en que a intervención da Fiscalía tombase o proceso, mantivo este mércores o seu argumentario dos últimos días. Preguntado ao respecto no programa Área Pública da TVG o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, asegurou "ter claro" que "neste caso, como noutros que afectan a outros partidos", cómpre respectar "a presunción de inocencia" e tamén o "respecto a todas as actuacións xudiciais, ao que di o xuíz e tamén ao que di a Fiscalia". "Hai que ser prudentes e actuar con cautela", agrega.
Tellado insta a agardar a que "a Xustiza actúe e fale" antes de decidir se a cúpula do partido lle pediría a Baltar que abandone algún dos seus cargos
"O señor Baltar -evidencia o número dous de Alberto Núñez Feijóo- circunscribiu este asunto á súa esfera persoal" e "hai que respectar as esferas persoais de todo o mundo", afirma Tellado, aínda que outro dos investigados no caso sexa o xefe de persoal da Deputación de Ourense, o tamén alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Neste contexto, reitera como a pasada semana, "dende o PPdeG non imos ir nin un paso por tras nin un paso por diante do que diga a Xustiza".
Así as cousas, Tellado evita tamén aclarar se a cúpula do partido actuaría contra Baltar ou lle pediría que abandonase algún dos seus cargos se se senten "prexudicados" pola súa investigación. "Eu non podo posicionarme sobre futuribles, porque estaría prexulgando", afirma, antes de instar a "esperar a que a Xustiza actúe e fale", porque "o certo é que a persoa que formula a denuncia tamén se converteu en investigada. "Hai indicios que nos levan a ser prudentes en todas direccións" e, polo tanto, alén de garantir que "estaremos atentos", a posición do PPdeG será "agardar a que o caso avance".