A dirección do PSdeG forza a fin do pulso das incompatibilidades de Carmela Silva

Carmela Silva, deputada galega no Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG

A finais de 2010 o PSdeG transitaba por un dos momentos internos máis delicados dende o seu retorno á oposición. O seu secretario xeral, Pachi Vázquez, propuxérase aplicar definitivamente o principio "unha persoa, un cargo", aprobado ano e medio antes no congreso extraordinario da formación. O propio Vázquez ten recoñecido que aquela foi unha decisión "durísima" que derivou nos "momentos máis duros" do seu mandato ata o momento. "Tiven que convencer os compañeiros de que as normas son iguais para todos", ten lembrado en máis dunha ocasión. Entre consecuencias como unha verdadeira revolución no seo do Grupo Parlamentario Socialista daquela o veto á acumulación de cargos aplicouse de maneira xeralizada e os casos pendentes, acordouse, iríanse resolvendo ao pasar as eleccións municipais e xerais. Pero houbo unha excepción. Nos comicios locais de maio de 2011 a concelleira e senadora viguesa Carmela Silva volveu formar parte da corporación municipal da cidade e, nas xerais de novembro, obtivo escano no Congreso. O mantemento de dous cargos seguiu a irritar na dirección nacional do PSdeG, a mesma que dende este luns tenta abordar o principio da fin do pulso vigués.

Pablo García: "Non hai escusas, a dirección foi suficientemente flexible"

A permanente da Executiva socialista decidiu, por "asentimento" de todos os seus membros agás o secretario provincial de Pontevedra, Santos Héctor -afín ao alcalde de Vigo, Abel Caballero-, iniciar o procedemento para que a conduta de Silva remate en sanción coa consideración de "falta moi grave". En palabras do secretario de organización do partido, Pablo García, "esta permanente considera que xa non hai escusas" e, despois de ser "o suficientemente flexible", coida que a "incompatibilidade" debe rematar. "A compañeira Carmela Silva e o alcalde de Vigo manifestaran que despois da aprobación dos orzamentos da cidade", lembra, a concelleira "optaría e deixaría o cargo para dedicarse a representar os intereses de Vigo e de todos os galegos na Mesa do Congreso". Pero "unha vez pasado ese trámite" e mesmo téndose celebrado "outro pleno en Vigo", a renuncia non se produciu, polo que a dirección galega do partido proporá a apertura dun expediente "por comportamentos que están considerados como faltas moi graves nas normas do partido".

Pero o expediente a Carmela Silva realmente son dous, un puramente político e outro, executivo. Atendendo ás normas internas do PSOE a súa condición de deputada do Congreso dá lugar a que sexa a Executiva federal, e non a nacional galega, a que resolva sobre a sanción. Así, na súa vindeira reunión a dirección galega "esixirá" que a federal actúe en consecuencia ante o quebranto dos estatutos do partido en Galicia e das normas que rexen o réxime dos afiliados e afiliadas. Concretamente, explica García, a viguesa atópase nun caso de "indisciplina reiterada" ante normas do partido. Se ben evita valorar "futuribles", o número dous de Pachi Vázquez admite que a propia normativa interna chega a "contemplar ata a expulsión do partido" nestes casos.

Santos Héctor acusa a dirección nacional do PSdeG de "abuso de poder" e achácalle "incapacidade"

Á marxe do trámite concreto este movemento da dirección do PSdeG ten un fondo significado político, na medida en que confirma a intención do equipo de Pachi Vázquez de afrontar o acto final da batalla co sector vigués ou, o que é o mesmo, con Abel Caballero. A apenas un mes da apertura do proceso de primarias das que sairá o candidato socialista á Xunta dende a compostelá rúa do Pino téntase amosar un xesto de firmeza que o sería tamén de autoridade no caso de que en Ferraz se confirme a sanción a Carmela Silva. Resta saber, polo tanto, cal será a reacción de Caballero ante esta operación e se a mesma o aguilloará para participar no artellamento dunha candidatura alternativa á do propio Vázquez. Outra das circunstancias a ponderar é, non obstante, os efectos que terá sobre a militancia socialista que o rexedor vigués inicie unha nova batalla para que no seu entorno político máis próximo se pase por riba do veto á acumulación de cargos.

Mentres non se produce esa reacción oficial de Caballero quen si xa moveu peza é Santos Héctor, que non dubida en observar a proposta de expediente como unha "persecución" e un "abuso de poder". Silva, asegura, "non ten ningunha intención" de acumular cargos "alén da compatibilidade que manteñen vinte e cinco deputados e senadores doutras comunidades autónomas", valoración que, di, a propia concelleira e deputada lle trasladou ao secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, e ao seu secretario de organización, Óscar López. Neste contexto Héctor non evita a hostilidade para asegurar que a permanente da Executiva do PSdeG, "ante a súa incapacidade absoluta de facer oposición ao señor Feijóo", decide "fortalecerse cun ataque interno moi propio do secretario xeral do PSdeG" a "unha deputada" que, asegura, "obtivo un dos mellores resultados electorais de España".

Caballero fala en presenza de Vázquez, nun acto de partido CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.