A eliminación de partidos xudiciais que non gusta a ninguén en Galicia

Alberto Ruiz Gallardón, ministro de Xustiza © Goberno de España

O Consello de Ministros aprobou o pasado venres o anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX). De aprobarse tal e como está redactada, nada do mapa xudicial actual -no Estado e en Galicia- se parecerá ao que existe na actualidade. A intención do Goberno central é facer desaparecer os partidos xudiciais e que a sede de cada un deles estea na capital provincial. Eliminaríanse, xa que logo, os 45 partidos xudiciais que hai actualmente no país, que serían substituídos por tribunais provinciais de instancia.

Acabaríase así cos de cidades tan importantes como Compostela, Ferrol ou incluso Vigo, a urbe máis habitada e a que más causas instrúe no país. Pero tamén se acabaría cos catorce da provincida da Coruña, os nove nos que se dividen Lugo e Ourense e os trece de Pontevedra. Betanzos, Ortigueira, Muros, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Verín, Xinzo, O Carballiño, Vilagarcía, Cambados, Marín ou Tui serían algunhas das vilas que quedarían sen estas unidades territoriais xudiciais que integran diferentes municipios limítrofes. Os tribunais de instancia, con sede en cada capital provincial, só terán subsedes ou salas noutras cidades en casos moi excepcionais.

A reforma da LOPX pretende eliminar os 45 partidos xudiciais galegos para deixalos en catro provinciais

O rexeitamento por parte do sector da Xustiza é total e rotundo en Galicia. Sitúan esta nova reforma nun novo golpe dentro dun ataque "á cidadanía" e á igualdade por parte do Executivo do PP. Logo do intento de privatización dos rexistros civís e tras a implantación de taxas xudiciais, o ministro Gallardón "pretende destruír o tecido xudicial existente, asestando un duro golpe á xustiza de proximidade", tal e como denuncian os sindicatos. Estes advirten xa que a reforma da LOPX suprimiría os xulgados de paz e a maioría dos órganos xudicias máis achegados ás pequenas e medias poboacións. En definitiva, afastaría aínda máis a cidadanía da Xustiza e dun dereito fundamental. E non só xeograficamente. Ademais, os funcionarios de xustiza censuran tamén a redución da promoción interna do 50 ao 30% e a desaparición das audiencias provinciais como outras das reformas de Gallardón que rexeitan frontalmente.

Sindicatos, avogados, xuíces e fiscais advirten de que o Goberno "afastaría a cidadanía da Xustiza"

O caso é que a eliminación dos partidos xudiciais suporía que millóns de persoas e causas terían que ser trasladadas ás capitais de provincia en todo o Estado. Milleiros delas en Galicia, cunha poboación moi dispersa e rural con tantos núcleos de poboación como o resto de España. "Entre as taxas, os desprazamentos e estes atrancos, a xente cada vez estará máis lonxe da Xustiza", criticaron os sindicatos nas protestas que se reproducirán o xoves en varias localidades do país. "Os delincuentes e estes políticos cheos de corrupción terano máis doado agora", chegaron a dicir.

Xuíces, fiscais, avogados, todos os partidos, boa parte dos alcaldes... Ninguén parece estar de acordo cunha reforma que tamén ameaza o emprego e que cren que supón un retroceso de décadas. Pero son os alcaldes ou cargos políticos das tres grandes cidades galegas que quedarían sen sede de partido xudicial (Ferrol, Santiago e Vigo) os que lideran as protestas.

Caballero xa anuncia unha "gran mobilización" e Currás avisa que falará "con quen sexa" para evitar quedar sen sede de partido xudicial

Abel Caballero, rexedor vigués, xa ancudiou que promoverá unha "gran mobilización" para exixir que a cidade sexa a sede principal do poder xudicial da provincia de Pontevedra e para que Vigo "non sexa sede desprazada" porque suporía "a desaparición do partido xudicial que máis causas xera en Galicia". Tinguido de novo de proclamas localistas, o alcalde cre que o "modelo uniprovincial" que propón o goberno "non funcionará porque é pretender que Vigo funcione supeditado a Pontevedra". Pero todos os partidos da corporación municipal, incluído o PP, amosaron a súa oposición ás intencións de Gallardón e presentaranlle alegacións ao ministro.

Vigo, ademais de ser a cidade de máis poboación e causas, tamén conta coa maior taxa de litixios de toda Galicia, con case 300 casos por cada mil habitantes, segundo os datos do Consello Xeral de Poder Xudicial.

En Compostela, pola súa banda, o alcalde Ángel Currás dixo estar disposto a falar "co Goberno central e con quen sexa" para defender a demarcación xudicial da súa cidade e para que "non se lesionen" os intereses da capital de Galicia e unha unidade que tamén é "dinamizadora económica" da urbe.

Alberto Ruiz Gallardón, ministro de Xustiza © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.