En Galicia hai 276.608 persoas á procura dun emprego e 94.251 en situación de dependencia. Ademais, 629.477 cidadáns e cidadás teñen máis de 65 anos de idade. Esta significativa parte da poboación do país é, á luz dos anuncios realizados este mércores por Mariano Rajoy, unha das principais prexudicadas pola nova vaga de recortes, enmarcados na esixencia de redución de déficit público e, máis concretamente, no amplio abano de condicións que trae consigo o rescate á banca española. O Goberno central saca de novo a pasear a tesoira e, despois de aplicala na sanidade e na educación por importe de 10.000 millóns de euros, crávaa nos 5,6 millóns de parados. E faino ademais, segundo argumenta o propio Rajoy, para animalos a buscar un traballo.
Aínda que as previsións do propio Goberno de España indican que 2012 rematará con máis de 600.000 novas inscricións nas listas do desemprego Rajoy disponse a aplicar unha "revisión do modelo de prestacións por desemprego" que se concretará nunha redución do subsidio de paro do 60% ao 50% da base reguladora dende o sétimo mes, afectando polo tanto máis especialmente a quen perciba unha prestación máis reducida. Segundo o líder conservador a intención da medida é "animar a busca activa de traballo" e garantir que a protección estatal ante a perda do traballo "non xera efectos desincentivadores na busca de emprego". Segue así "o exemplo dalgúns países da Unión Europea", mantivo, nunha argumentación que irritou especialmente á práctica totalidade da esquerda parlamentaria.
Segundo Rajoy, o recorte da cobertura por desemprego ten como obxectivo "animar a busca activa de traballo"
Pero a mudanza nas regras do xogo laboral non remata aí. "En materia de emprego suprimirase gran número das actuales bonificacións á contratación", só quedará a relativa ao "novo contrato para emprendedores", creada coa última reforma laboral, e as vinculadas á "inserción laboral das persoas discapacitadas". Ademais, e seguindo as ordes chegadas de Bruxelas, un proxecto de lei "acelerará a aplicación do factor de sostibilidade" e "abordará o tratamento da xubilación anticipada". Isto é, o Goberno popular aplicará máis rapidamente a extensión da vida laboral ata os 67 anos de idade, a mesma que criticou con dureza durante a súa estancia na oposición.
A Lei da Dependencia ínzase de atrancos
Xunto á reforma do desemprego o outro gran recorte social que prepara o Goberno apenas ocupou espazo no discurso de Rajoy, que apenas bosquexou o seu afán de "racionalizar o gasto no sistema de dependencia, reivsando o baremo e as prestacións económicas" para "garantir a súa sostibilidade". A tradución práctica destas verbas ofrecíaa poucas horas antes a ministra de Sanidade, Ana Mato, no Consello Interterritorial de Dependencia, a xuntanza na que o Ministerio lles expuxo ás comunidades autónomas o xeito en que deixará de investir 285 millóns de euros nestas prestacións.
O prazo para recibir unha axuda ou un servizo derivado da Lei de Dependencia pasa de seis meses a dous anos
Presentada como unha vía para lograr a viabilidade dun sistema "insostible" e para, ademais, garantir que se ofrecen os mesmos servizos en todo o Estado, os recortes económicos acompáñanse dunha maximización de prazos. Así, se ata o de agora as Administracións tiñan a obriga de atender os dependentes -con prestación económica ou servizos como residencias ou centros de día- nun máximo de seis meses -sensiblemente elásticos, segundo os casos-, en canto estea en vigor a reforma legal poderán dedicarlles ás xestións ata dous anos. Se o que se tramita é unha axuda económica, ese período non contará á hora de realizar un pagamento retroactivo, todo isto nun escenario no que as persoas que reciben estas prestacións teñen unhas condicións de saúde que, en moitas ocasións, converten dous anos nun prazo vitalmente incerto.
Mentres isto acontece os dependentes moderados directamente pendentes dunha axuda non entrarán no sistema ata 2015 e, ademais, as axudas para as familiares que exercen de coidadoras -na súa práctica totalidade son mulleres, segundo diversos estudos-, de arredor de 400 euros ao mes, recórtanse nun 15%. Ao tempo, o Goberno central deixará de cotizar por elas na Seguridade Social.