A escura e secreta reforma da lei do aborto

Gallardón, ministro de Xustiza © PP

Silencio absoluto. Nada se sabe nin nada transcendeu acerca de quen son as persoas que asesoran o Goberno para elaborar a reforma da actual lei do aborto. Desde o Ministerio de Xustiza tan só sinalan que é un "grupo de expertos" o que traballa sobre o texto. No Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade remiten ao departamento que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón, "que é quen está a traballar niso e quen facilita toda a información".

"É un segredo absoluto", di o colectivo de clínicas acreditadas para interrumpir o embarazo

Na Organización Médica Colegial, que agrupa a todos os colexios oficiais de médicos de España, non lles consta que desde Xustiza se solicitase asesoramento algún. Tampouco se pediu información á Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (ACAI), que agrupa a moitos dos centros médicos que realizan preto do 98% dos abortos. "É un segredo absoluto", afirma a vicepresidenta da entidade, Francisca García, quen explica que o ano pasado solicitaron unha reunión co Ministerio de Xustiza para ofrecer a súa experiencia e aínda esperan unha resposta.

Cando en setembro de 2008, o daquela Ministerio de Igualdade anunciou a elaboración dunha nova lei do aborto, deuse a coñecer a listaxe do comité de expertos que asesorou ao Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero na elaboración da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo. O grupo estaba formado por catedráticos de Dereito Penal como José Luís González Gussac, ou especialistas en ginecología e obstetricia como Javier Martínez de Salmeán ou Elena Arnedo.

De forma paralela aos traballos deste comité, a Comisión de Igualdade do Parlamento creou unha subcomisión para "estudar e elaborar conclusións sobre a aplicación da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo". Durante máis de cinco meses preto de 30 comparecentes, propostos por todos os grupos parlamentarios, ofreceron información no seu ámbito de traballo. Acudiron organizacións de mulleres, expertos en planificación familiar, en diagnóstico prenatal, catedráticos de Dereito Constitucional e asociacións contrarias ao aborto, entre outros. As conclusións aprobadas foron remitidas ao Goberno, que incluíu algunhas das propostas no borrador da lei.

A oposición pediu a relación de expertos e critica o "escurantismo" co que se leva a cabo a reforma

O PSOE pediu por escrito ao Goberno a relación de expertos que está a asesorar ao Ministerio de Xustiza para a reforma da lei. "Que ten que esconder Gallardón sobre as persoas que lle asesoran nesta materia", pregúntase a secretaria segunda da Comisión de Igualdade, Anxos Álvarez, quen cre que "é imprescindible que se coñezan os nomes de quen se supón que aconsellou devolver ao Código Penal o dereito a decidir das mulleres sobre a súa maternidade".

Desde o grupo parlamentario Izquierda Plural, o seu portavoz na Comisión de Xustiza e Sanidade, Gaspar Llamazares, critica que "o Goberno que preside Mariano Rajoy decidise pór en marcha unha reforma co alcance e o calado social da actual lei de interrupción voluntaria do embarazo presionado polo lobby da Igrexa". O deputado, que participou na subcomisión da anterior lexislatura, subliña "o escurantismo con que se está levando a cabo a reforma, sen contar con ningún dos colectivos relacionados con esta lexislación, como son os grupos de mulleres, os profesionais sanitarios ou os xuristas".

Gallardón, ministro de Xustiza © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.