Antón Sánchez, número tres de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) pola Coruña nas pasadas eleccións, entrará no Parlamento en poucas semanas. Deixará un chisco de lado o seu traballo no campo, no seu negocio de horticultura en Bergondo, para atender as súas responsabilidades políticas nunha Cámara á que chega coa etiqueta de deputado labrego. Pero, advirte, será un deputado "como calquera outro". Ou non, xa que insiste en que tanto el como os seus compañeiros de coalición procurarán ser "a ponte entre os movementos sociais e a política".
Semella que se lle puxo a etiqueta de deputado labrego...
Non quixera eu que isto quedase na simple anécdota, pero é sintomático que sorprenda o feito de que eu sexa labrego e é tamén un síntoma do que está a ocorrer: Que hai poucos labregos novos e que a política parecía estar vetada a certo tipo de profesións, sexa a miña ou outras moitas. Está moi lonxe da miña intención que se me poña esa etiqueta porque eu vou ser tan deputado como calquera outro. O sintomático é que isto sorprenda e, como xa dixemos nos mitins, se cadra era importante que dirixentes como Feijóo fosen traballar un pouco á agricultura para coñecela máis.
Cámbialle moito a vida a súa chegada ao Parlamento?
Cámbiame moito. Cando tomas unha decisión pénsalo a nivel familiar e decides. A vida cámbiame porque teño unha actividade á que non vou ter dedicación nos vindeiros catro anos e teño que garantir a continuidade da empresa familiar. Por sorte, mirei de organizar todo e logreino logo de falar coa miña familia e coa xente que traballa comigo.
A súa entrada no Parlamento parecía segura, pero sorprendeulle que AGE acadara nove escanos?
Nunca estiven confiado de entrar no Parlamento, nin tan sequera eu. Sempre o dubidei. No momento que se conformou a coalición, sabía que había unha pequena opción de que eu me convertese en deputado, pero non o esperaba. Aínda ao final da campaña, sendo optimista e vendo que o apoio da xente medraba, tampouco contaba con tan bo resultado para AGE. Sorprendeume e sorprendeume tamén o número de apoios que sumamos nas cidades.
"Todos os cambios de tendencia política empezaron nas cidades, tanto cara á esquerda como cara á dereita"
A campaña centrada nas redes sociais e en Internet pode explicar en parte o éxito acadado nas cidades?
Houbo moitos factores de éxito como a figura de Beiras, o noso diagnóstico da situación actual ou a aposta da xente por outra forma de facer política... A nosa campaña fíxose con poucos medios e centrándose moito nas redes sociais, cuxas mensaxes son máis fáciles de espallar nas cidades. No rural, a campaña é máis de porta a porta e de boca a boca. De todos os xeitos, case todos os cambios de tendencia política en Galicia empezaron nas cidades. O cambio cara á esquerda nos 90 e 2000 comezou nas urbes, ao igual que a recuperación do PP se iniciou nas cidades para chegar despois tamén ao rural.
Varios analistas políticos falan de AGE como un boom electoral que irá esvaecendo co tempo...
Nós non entramos neses debates sobre o futuro porque iso dependerá do noso traballo, polo que a responsabilidade que temos é grande. Pero sexa con AGE ou non, estase abrendo un cambio máis profundo nas sociedades europeas, que irán cara a un proceso constituínte democrático ou cara a outro menos democrático e desigual. Esa é a batalla europea. Hai que ir máis aló e hai que reparar nos movementos sociais que están xurdindo ou asentándose, nas plataformas contra o espolio dos recursos enerxéticos, en Stop Desahucios... AGE só é un instrumento político, pero a batalla estase a dar aí. Se non somos nós, será calquera grupo o que saiba interpretar ben esta necesidade de abrir un proceso constituínte baseado nun novo xeito de facer política, de maior xustiza social, de acabar co espolio das privatizacións... Só queremos ser a ponte entre eses gran movementos sociais e a política.
"Temos que ser humildes, escoitar a cidadanía e facer o que poidamos nas institucións políticas"
E como se vai artellar esa relación cos movementos sociais para levar as súas reivindicacións ao Parlamento?
Moitos dos que estamos en AGE xa formarmos parte deses movementos sociais. Queremos ter unha relación fluída e que eles mesmos fagan propostas, pero non instrumentalizalos. Debemos xuntarnos arredor das ideas e non arredor da afiliación. Queremos ser útiles para os movementos sociais, pero que eles sexan os verdadeiros protagonistas. Quen sabe de sanidade pública é a plataforma en defensa dela e quen sabe sobre a problemática dos desafiuzamentos é Stop Desahucios porque leva anos traballando no tema. Temos que ser humildes, escoitar e facer o que poidamos nas institucións políticas. Afortunadamente, xa nos están a chegar moitas propostas para levar á Cámara galega.
Vai ser difícil convencer un PP cunha maioría absoluta tan ampla, non lle parece?
Iso xa o sabemos. Por temas de aritmética non esperamos convencer o PP, pero si ser unha forza política á ofensiva. Non imos devolver os golpes do Goberno, senón impulsar iniciativas para que a sociedade vexa o que propoñen uns e outros. Queremos que o Parlamento volva ser un sitio onde se debatan os temas importantes de Galicia. A esquerda e o nacionalismo non poden devolver golpes, senón levar a iniciativa. Á xente hai que darlle esperanzas e alternativas.
"Debemos ter en conta que a xente tamén valorou de AGE o esforzo de catro forzas por unirse na procura do ben común"
Será complicado o funcionamento dunha formación con dous partidos diferentes nela?
O funcionamento require de madurez e bo facer. O tempo dirá, pero temos mínimos comúns cos que podemos funcionar e iso hase ir artellando cando avancemos xuntos. Temos que mellorar a cultura do consenso, de debater o que haxa que debater, e ter altura de miras. Temos que saber cal é a fin desta coalición e ter en conta que a xente valorou o esforzo das catro forzas por acudir xuntas aos comicios, porque iso tamén foi importante. A xente tamén se desencanta cando as organizacións buscan o ben da súa propia organización e non o ben común. Non podemos defraudar porque sería un fracaso actuar de xeito irresponsable, pero somos moi optimistas porque as dificultades lóxicas que pode haber ao xuntarse varias forzas non están a crear problemas. Todo está indo ben.
Vostede estivo no BNG, cre que será posible nun futuro a unión do Bloque e AGE nun proxecto común?
Quero ser moi respectuoso co BNG porque desde sempre dixemos que nin era o noso inimigo nin nada parecido. Agora o Bloque terá que reflexionar e tomar decisións e co tempo as cousas iranse clarexando. A nosa aposta é xuntar as forzas da esquerda transformadora en base a proxecto, ideas e alternativas. Poden paisar moitas cousas e eu só espero que o BNG tome as mellores decisións posíbeis.
"AGE traballará para reclamar o dereito de Galiza a decidir o seu futuro e para acadar maior autogoberno"
Co debate soberanista que se está a dar en Euskadi e Catalunya, que papel lle toca agora a Galicia? Cal é a súa postura a respecto do dereito a decidir de Galicia?
Partamos da base de que nós cremos que o feito de que Galiza teña máis poder de decisión é básico, incluso para saír da crise. Cremos que Galiza tería máis futuro se tivese máis poder de decisión sobre as súas políticas fiscais ou sobre os seus recursos enerxéticos, por poñer dous exemplos. Canto máis autogoberno teña Galiza, mellor lle irá, pero é certo que compararnos a esta altura con Catalunya e Euskadi... Faremos unha política para facer fronte ao PP, ao que aínda lle sobra o pouco autogoberno que temos. Desde AGE traballaremos para reclamar o dereito de Galiza a decidir o seu futuro e traballaremos tamén para acadar maior autogoberno e isto dígoo en nome de AGE porque está ben claro nos acordos programáticos.