A esquerda en Galicia ante "a esperanza" de Syriza

Alexis Tsipras, con membros de AGE en Compostela © IU

Nas últimas eleccións autonómicas, Syriza estivo moi presente. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) fixo bandeira de ser a homóloga da coalición grega e presentouse como "a Syriza galega" ante o electorado. Naquela campaña, dirixentes da formación helena participaron en mitins que se volveron repetir de cara ás europeas e nas que mesmo o xa primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, fora un dos protagonistas.

AGE presentouse ás últimas eleccións autonómicas como "a Syriza galega"

Pero xa non era o mesmo. Equo xa non se integrou en AGE, Podemos irrompeu con forza no panorama electoral galego e o BNG mantívose como principal representante do nacionalismo de esquerdas en solitario. As diferenzas internas en Alternativa provocaron a división en Anova e a coalición quedou sustentada, basicamente, na formación de Beiras e en EU, intensos reivindicantes de Syriza ante as eleccións gregas como "fiestra de esperanza e punto de inflexión" na política europea.

Ambos os dous partidos celebran a vitoria de Tsipras, ao igual que o BNG, pero todos eles ven como é Podemos quen parece capitalizar e identificarse co apoio en Grecia a unha organización que fai bandeira dalgunhas definicións das que adoita fuxir a formación de Pablo Iglesias: unha coalición de varios partidos e unha unión claramente da esquerda. Sexa como for, todos coinciden no novo escenario que se abre, tamén en Galicia e no Estado, tras o rexeitamento rotundo dos gregos ás políticas de austeridade.

"A vitoria de Syriza supón a apertura dunha fiestra de esperanza, un punto de inflexión en Europa", di Martiño Noriega

"É a apertura dunha fiestra de esperanza, un punto de inflexión, de intentar pór na práctica o que é unha necesidade obxectiva: rachar coa liña política que se veu mantendo en Europa nos últimos anos, baseada na austeridade e no empobrecemento en prol desa suposta competitividade que non deixa de ser escravitude feudal", reflexiona Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova, no mesmo sentido que Yolanda Díaz, coordinadora de EU, que ve no triunfo da esquerda en Grecia "unha esperanza polo intento de mudar as regras do xogo e pola denuncia dunha UE construída contra os traballadores e contra os pobos e dun sistema euro que naceu morto".

Para Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, a vitoria da coalición en Grecia supón “unha labazada” e unha “contestación sen paliativos” ás políticas “desastrosas” da troika e a un modelo de UE “fracasado”, algo que -destaca- o Bloque leva tempo criticando porque “está levando por diante todas as conquistas históricas e o benestar da poboación”. No mesmo sentido se manifesta a voceira nacionalista en Europa, Ana Miranda, que que cre que "a vitoria de esquerdas e o feito de ter cuestionado a austeridade é algo moi positivo e un bo sinal".

"Syriza é un motor de ilusión para outros pobos de Europa e algo positivo para a democracia", asegura Ana Miranda

"Aínda que agora lle chegarán as dificultades e lle aparecerán máis inimigos, Syriza pode ser un motor de ilusión para outros pobos de Europa, onde ela soa non vai poder loitar contra as políticas impostas pola troika", resume Miranda, que considera "un éxito que o poder soberano se impuxese malia as presións e o medo que lle intentaron meter desde as institucións europeas". "É bo para a democracia porque sen soberanía non hai tal democracia", insiste.

"Non é unha solución definitiva pero ábrese a esperanza e agora testarase se o espazo europeo é quen de permitir políticas alternativas no manexo da débeda que eviten que non se poida vivir con dignidade nin tendo traballo e mentres se ve como se van perdendo as conquistas sociais de moitos anos", insiste Noriega.

 

PASOK e "o custo de ter apoiado a gran coalición"

Ademais, e ante uns resultados que amosan que o castigo non foi tanto á dereita senón ao PASOK, Noriega cre que " os poderes fácticos e os conservadores xogaron ao límite", pero o que "se confirma é a evolución dos últimos anos e o custo de ter apoiado a gran coalición e terlle dado estabilidade á dereita". "Aquí o PSOE aínda non chegou a iso, pero en Grecia o desgaste acelerouse porque o pobo non lle perdoou ese aval ás políticas de recorte", engade quen cre que aínda "é moi cedo" para valorar o acordo cos conservadores de Gregos Independentes que alcanzou Tsipras.

"O PSOE aínda non chegou á gran coalición, pero en Grecia non lle perdoaron ao PASOK que avalase a austeridade", din desde Anova

"É máis simbólico que outra cousa porque quedou a tan só dous deputados da maioría absoluta; o verdadeiro reto está en ver se Syriza será capaz de renegociar a débeda, se Alemaña é quen de permitir esa renegociación e de que políticas sociais é capaz de poñer en marcha", destaca o líder de Anova, que aclara que el "tería preferido outros pactos" pero que advirte que "é aos gregos aos que lles toca decidir".

Nese aspecto, Ana Miranda critica o acordo coa dereita de Gregos Independentes, así como a "visión centralista" que Syriza ten en canto á problemática da minoría macedonia en Grecia ou sobre a "falta de contundencia" que o propio Tsipras amosou respecto do tema catalán en Europa. Non obstante, entende estas críticas como "normais" dentro dun triunfo que, reitera, "é moi positivo".

"Syriza representa o que aquí debería acontecer", di Noriega; "é un espello onde mirarse pola acumulación de forzas", engade Yolanda Díaz

Por outra banda, e en canto ao achegamento e louvanzas a Syriza que se dá en toda a esquerda alternativa do Estado e Galicia, Noriega cre que "é curioso" que todos se inclúan, pero asegura que "Syriza representa o que aquí debería acontecer". "É unha coalición, que se define de esquerdas, sitúase no rupturismo e no ecoloxismo... E conseguiu ser alternativa de goberno; co engadido das cuestións nacionais que existen en España, Anova vén demandando esa necesidade de fronte ampla que, con xenerosidade, aposte por ese compoñente mestizo que ten tamén a coalición en Grecia".

Yolanda Díaz, pola súa banda, ve en Syriza tamén "un espello onde mirarse para a acumulación de forzas". "Os camiños das diferentes forzas indican que iso non vai acontecer; aquí é Podemos quen ten a centralidade do proceso de cambio, pero non ten a estrutura de Syriza e foxe ademais da propia definición que Syriza fai de si mesma", engade Noriega.

 

"Syriza nunca se agochou ao definirse de esquerda"

"Syriza nunca se agochou e sempre se definiu de esquerda de maneira clara", lembra Miranda, que recorda a "boa sintonía e o apoio total" que tivo do deputado da coalición en Europa cando xunto a el levou a cabo iniciativas contra a minaría agresiva.

A indefinición de Podemos é "unha táctica electoral" que mantén "mentres forma parte da esquerda na Eurocámara", lembra Díaz

Precisamente, e sobre o feito de que Podemos se represente como a Syriza española e se coloque como partido irmán mentres rexeita a diferenciación esquerda-dereita e mesmo a coalición, Noriega é claro. "Syriza acadou esa centralidade sen entrar nesa indefinición e demostrou que mantendo unha identidade e un discurso foi ferramenta útil; non teño claro que sexa necesario que se faga o que fai Podemos porque, nestes tempos de crise, o eixo esquerda-dereita é clave e non pasa nada por definirte nel", remata.

"Podemos é un fenómeno social que ten un ano e que recolle unha voz de alarma pero a súa historia e traxectoria non ten nada que ver con Syriza", aclara Yolanda Díaz, que ve nesa indefinición de Podemos "unha táctica estritamente electoral" que mantén "mentres forma parte en Europa do grupo da Esquerda Unitaria Europea xunto a forzas como IU ou a propia Syriza". "Ten dúas almas pero vai ter que definirse axiña, por exemplo agora nas próximas eleccións andaluzas", advirte.

"Á hora de falar de soberanía e de tomar decisións pola esquerda, Syriza non anda coas indefinicións doutros", destaca Miranda

"Cando se fala de soberanía e de tomar decisións pola esquerda e para a xente, Syriza sempre está aí e colabora e non anda coas indefinicións nas que se moven partidos como Podemos", reitera Ana Miranda, coñecedora da posición dos agora gobernantes en Grecia no Parlamento Europeo. "Venderon o seu triunfo como o dun goberno popular e da esquerda", inisiste.

"Todo o mundo se alegra da vitoria de Syriza e é motivo de ledicia... Deberiamos sacar tamén as conclusións das necesidades que temos aquí", conclúe Noriega.

Tsipras, con Vence, Miranda e Lobeira CC-BY-SA BNG
Tsipras, con Yolanda Díaz, Lidia Senra e Noriega © IU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.