A esquerda evidencia noutro debate a súa sintonía para conformar "un goberno alternativo”

Debate en Radio Coruña Dominio Público @esquerdaunida

As forzas progresistas galegas volveron amosar, como fixeran o pasado venres na Cadena SER, a súa sintonía para conformar un goberno alternativo ao PP. A coincidencia nas propostas para dar marcha atrás ás políticas de "recortes" e nos ataques conxuntos ao candidato popular pola corrupción evidenciaron unha coincidencia básica nos obxectivos comúns. Unha imaxe dunha posible unidade de acción que ninguén nas formacións de esquerda semella querer rachar neste último treito de campaña. 

"Coincido plenamente co que din PSdeG e BNG, que tome nota o PP porque en moitas políticas estamos de acordo", advertiu Lago

"Coincido plenamente co que din PSdeG e BNG neste tema, que tome nota o PP porque en moitas políticas estamos de acordo", dixo Manuel Lago, número 3 de En Marea pola Coruña, ao ser preguntado polas propostas do seu partido ante o problema demográfico de Galicia. Foi unha das temáticas que se abordou no debate provincial organizado por Radio Coruña e no que só a ausencia dos números 1 do resto de partidos -unicamente os cabezas de lista de Bloque, Ana Pontón, e PP, Diego Calvo, estiveron presentes- creou algo de polémica entre unhas forzas de esquerda que amosaron as súas coincidencias. 

"Vexo aquí as bases dun goberno alternativo ao da corrupción; unha vez máis, concordo; por En Marea non será", insistiu Lago cando o debate abordaba a situación do ensino en Galicia e logo de que Ana Pontón e Juan Díaz Villoslada, número 3 do PSdeG pola provincia, apostaran por "desfacer" os recortes que a Xunta do PP levara a cabo no profesorado ou a eliminación da gratuidade dos libros de texto e para "rescatar" o Estado de Benestar. Mesmo Lola Pazos, segunda na lista de Ciudadanos pola Coruña, amosou no debate certa coincidencia en censurar as políticas regresivas do PP "orientadas a recortar" ou un programa económico que provoca "que os mozos galegos non poidan facer os seus proxectos de vida en Galicia". 

En Marea, BNG e PSdeG coincidiron en censurar os "recortes" do PP e nas propostas para "rescatar" o Estado de Benestar

Tan só a lingua deixou clara a postura máis achegada de Ciudadanos co PP, ao reivindicar Pazos unha política lingüística "igual que a que defende o partido en toda España: o trilingüismo". Diego Calvo, pola súa banda, acusou o bipartito de "crear problemas co idioma que non había", o que provocou, de novo, a resposta conxunta de Bloque, En Marea e PSdeG para censurar o "uso político" que os populares fixeran da lingua, apostar por un cambio na política lingüística e por "non empregar o inglés para minorar o galego". 

Diego Calvo, que usou o castelán en varias ocasións, en especial para referirse a Ciudadanos, chamou ao voto útil ao PP e a non apostar pola formación laranxa para non posibilitar un goberno de esquerda, mentres que Lola Pazos insistiu en que a marcha de Baltar sería "unha das condicións" para facilitar un executivo popular no caso de que non houbese maioría absoluta. 

Ademais, e como lle ocorrera a Pedro Puy no debate de hai tan só uns días, o representante popular intentou esquivar como puido os ataques constantes e conxuntos do resto de candidatos polo caso Baltar. "Os xulgados decidirán", chegou a dicir tras asegurar que non lle parecía "normal" o ocorrido no caso de que se confirmasen as acusacións e tras pedir que non se fagan "xuízos paralelos". "Chegará o momento", insistiu, logo de obviar as continuas alusións que, tanto as chamadas telefónicas dos ouvintes como os representantes políticos fixeron da amizade de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado. 

Diego Calvo esquivou como puido as acusacións polo caso Baltar e obviou as constantes alucións á amizade entre Feijóo e Marcial Dorado

E entre tanto, Ana Pontón quixo deixar claro tamén que o voto ao BNG será "clave" o 25-S xa que é, segundo di, a súa formación "a que se está a xogar os escanos co PP e con Ciudadanos". Antes, con Manuel Lago e Díaz Villoslada, coincidiu en censurar o balance triunfalista de Calvo ao debullar as cifras económicas ou a situación da sanidade, do ensino ou do futuro demográfico galego logo de máis de sete anos de goberno de Feijóo. E, tanto ela como o ocandidato de En Marea, responderon á acusación de "parálise" aos gobernos municipais da Coruña, Santiago ou Ferrol. "Aquí, de momento, non hai ningún alcalde imputado". 

Ana Pontón, no debate de Radio Coruña Dominio Público @obloque
Debate en Radio Coruña Dominio Público @esquerdaunida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.