"O PP só ten unha contabilidade, a auditada polo Tribunal de Contas". O pasado 23 de outubro o alcalde da Coruña e presidente provincial do partido, Carlos Negreira, zanxaba deste xeito ante a prensa as preguntas sobre o suposto financiamento irregular do seu partido a raíz das primeiras revelacións da Operación Zeta, a presunta trama corrupta de falsos cursos de formación. Un mes antes, ás nove da mañá do 22 de setembro, a ex contable de Azetanet, a empresa de Gerardo Crespo que, segundo a investigación, estaba no centro da rede, era detida na súa casa da Coruña "pola súa participación nun presunto delito de fraude de subvencións, estafa, malversación de caudais públicos e falsificación documental". Catro horas despois a antiga empregada declaraba na comisaría da cidade e admitía, entre outros aspectos, que tivo que achegar cartos negros da empresa para "facer dous sobres destinados ao Partido Popular".
Eses cartos, explicoulle a ex contable aos axentes da UDEF, saíron da "caixa B" de Azetanet, un depósito de cartos en efectivo que se concretaba "nun caixón da súa mesa de traballo". A "operativa habitual", sinala a acta da declaración, incluída no sumario do caso a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, era que "tras a petición de cartos en efectivo" estes eran gadardos "nun sobre" que se entregaba "case sempre a Gerardo" ou, no seu defecto "a Margarita", directora xeral da empresa, "para entregarllo a el".
Da 'caixa B' saían tamén "reintegros a determinadas persoas e funcionarios porque así o refería Gerardo", díxolle a ex contable á Policía
"A declarante preparaba os sobres e entregáballelos a Gerardo ou Marga" e, como norma xeral, afirmou, "ignora a quen llelos entregaban". Así e todo, si admitiu ante os axentes "que Gerardo en dúas ocasións lle pediu reintegrar diñeiros para facer dous sobres destinados ao Partido Popular". Asemade, tamén "lembra" pagamentos a través de transferencias bancarias a empresas propiedade de Pachi Lucas, empresario sinalado pola investigación como intermediario ante políticos e conseguidor da trama e, segundo publicou o diario El País, amigo persoal do presidente da Xunta. Os pagos a Lucas eran "unha cantidade periódica, sendo este pago priorizado por Gerardo". Da mesma caixa sairían tamén "reintegros a determinadas persoas e funcionarios porque así o refería Gerardo", pero ela "non sabían quen eran nin os cargos que ocupaban".
Confirmación do 'modus operandi' da presunta trama
Durante a súa declaración na comisaría a ex contable ratificou tamén o que para a UDEF é un dos xeitos de actuar da trama: o cobro de subvencións públicas para formación recibidas por outras empresas ás que, xusto despois, lles devolvía unha parte do pagado sen realizar curso ningún. O que a Policía define como "caza de cartos públicos" era "sempre supervisado por Gerardo Crespo", segundo a antiga empregada, "sendo este o que decidía a quen pagar e cando". "En Azetanet todo se comunicaba a Gerardo Crespo", resalta a declaración, na que admite ser "perfectamente coñecedora de que o grupo realizaba devolucións ou retornos en metálico e a través de contrafacturas a múltiples clientes". A "operativa básica" consistía en que os responsables da empresa "lle comunicaban que nunca data determinada debía ter unha suma de cartos en efectivos" para "serlle entregada a clientes do grupo".
Os conceptos das facturas eran "evidentemente falsos", declarou a traballadora, que rematou sendo despedida por Crespo
Eses "ingresos e saídas de efectivo" eran anotadas nuna "estrita contabilidade en Excel". As "anotacións", sempre segundo a declaración, "realizábanse tras os comentarios que lle facían especialmente Gerardo Crespo ou porque así llo preguntaba expresamente a Margarita". Crespo, mantén, "era perfectamente coñecedor da existencia e xestión do arquivo informático" no que se "documentaba" esa contabilidade B. "Quere deixar claro que todas as anotacións que en el fuguran en relación ao concepto son verdadeiras", se ben non recollen todos os pagos aos supostos clientes por cursos non realizados, porque "outro medio de devolución" era "coa confección de facturas cruzadas". Para confeccionar esas facturas chamábase "aos clientes para definir o concepto, xa fose para non pagar o IVE ou outros motivos". En todo caso, "os conceptos eran evidentemente falsos".
Tras "catro ou cinco anos" traballando para Azetanet esta traballadora foi despedida. Ela, díxolle á Policía, "despediuna porque lle dicía as cousas que estaba facendo mal e non se podían facer". "Quere deixar claro -reflicte a declaración- que o único que quería era conservar o seu posto de traballo, tendo unha hipoteca, e que só cumpría ordes".