A FAES de Aznar, escaparate dos recortes de Rajoy

Aznar, con De Guindos, Wert e Margallo © Fundación FAES

Nos tempos nos que a crise económica e financeira e as reiteradas treboadas políticas derivadas destas non se producían con tanta asiduidade, nos meses de verán a axenda dos responsables públicos alixeiraba notablemente. Daquela, os cursos de verán como os organizados pola Universidad Menéndez Pelayo convertíanse nun escaparate das reflexións dalgúns dos principais actores políticos do Estado, que expuñan o seu labor dun xeito máis pausado e mesmo avanzaban plans de futuro. Nos últimos días a localidade madrileña de Navacerrada está a acoller un destes cursos, pero non de universidade ningunha, senón da Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales (FAES), o organismo dirixido por José María Aznar que actúa a xeito de think tank do PP e tamén, segundo algunhas voces, como grupo de presión do sector máis conservador do partido que sustenta os gobernos galego e central. No programa do seu curso de verán, o Campus FAES, figuran ata seis nomes de ministros e ministras, que ao carón de Aznar bosquexaron e mesmo anunciaron novas medidas e recortes gobernamentais.

Á espera de que o vindeiro domingo sexa o propio Mariano Rajoy quen clausure os cursos, o primeiro en ofrecer titulares que, a priori, acaerían mellor nunha sede oficial, foi o ministro de Economía, Luis de Guindos, que a pasada fin de semana bosquexaba un negro panorama dende a FAES. Dende Navacerrada De Guindos confirmou que as expectativas de recesión son aínda "máis intensas do previsto", e se o retroceso da economía foi do 0,3% entre xaneiro en marzo, no segundo trimestre será aínda peor. Neste escenario, o titular de Economía considerou que o Estado "pode pegar un salto importante", sempre e cando pague a peaxe de novos recortes. Neste sentido, non negou que as reclamacións do FMI e da Comisión Europea como a suba do IVE "sempre son tidas en conta", nun contexto no que, na súa opinión, a cidadanía debe comprender os sacrificios porque son "a plataforma para crecer e xerar emprego".

García-Margallo anticipou que a tesoira vai volver estar sobre a mesa en forma de medidas "moi severas"

Tras De Guindos, a quenda foi para o responsable de Exteriores, José Manuel García-Margallo, que botou man das metáforas para apostar na Fundación de Aznar por que as ligazóns dos Estados membros da Unión Europea sexan "un matrimonio dos de antes e non un apaño de fin de semana". Á marxe de referencias arcaicas, o xefe da diplomacia española anticipou, como o seu compañeiro de Economía, que a tesoira vai volver estar sobre a mesa en forma de medidas "moi severas". Malia confesarse en diversas ocasións como un firme defensor das medidas de estímulo económico, García-Margallo reduciu ao nivel de "broma" os 130.000 millóns para o crecemento acordados entre as principais economías da UE -nunha xuntanza coa participación de Rajoy- e anunciou, ademais, que o Club de Berlín, un grupo integrado por once estados membros da Unión, se reunirá en Palma de Mallorca.

De recortes falou tamén na FAES a número dous do Goberno central. Baixo o título España en tiempo de reformas a vicepresidenta e voceira, Soraya Sáenz de Santamaría confirmou, por exemplo, que o gabinete de Rajoy prepara modificacións legais para homoxeneizar o soldo dos alcaldes e reducir o número de concelleiros e que traballa tamén nun novo sistema de central de compras única para a Administración Xeral do Estado. Do mesmo xeito, Sáenz de Santamaría aproveitou o púlpito da fundación para lanzar recados ás comunidades autónomas en forma de esixencias, como a de reducir empresas públicas ou a de "facer exame das súas competencias e xestión do sector público". En caso de non facelo, advertiu, ao Goberno central non lle tremerá a man para que unha "delegación" do Ministerio de Facenda tome a xustiza económica pola man nas autonomías rebeldes.

Reforma educativa e da Lei de Dependencia

Tras as valoracións en clave macroeconómica chegou a quenda para os recortes máis delicados, explicados polos seus dous principais protagonistas no seo do Goberno, os ministros de Educación e Sanidade, José Ignacio Wert e Ana Mato. Wert, considerado como un dos membros do equipo de Rajoy máis próximos á FAES, debullou a reforma educativa que xa abordara días antes por primeira vez o Consello de Ministros, ao tempo que lanzou declaracións que irritaron á comunidade educativa. Así, cargou contra a, ao seu xuízo, "mala concepción" das probas de acceso á universidade, que "realmente non funcionan porque o 94% a pasan". Nesta liña, ratificou que "todo final de etapa" no ensino virá "marcado por unha proba externa" que rexeita equiparar coas reválidas do "pasado". Iso, di, é "un truco facilón" nun contexto no que o sistema educativo "se deslizou cara á mediocridade". Ademais, di, o lugar común da "xeración mellor preparada da historia" é "unha bobada" malia "ser verdade". 

Mato bosquexou a reforma da Lei da Dependencia, que aínda non fora comunicada por ningunha canle oficial

Pola súa banda, a titular de Sanidade aproveitou a súa presenza no Campus FAES para ratificar que está a ultimar unha profunda reforma do sistema de acceso ás prestacións da Lei de Dependencia, un cambio que, ata ese momento, só transcendera a través dalgúns medios de comunicación, pero nunca de maneira oficial. Baixo o título Mejorando el Estado social Ana Mato describiu unha "situación límite" na que se dispón a rematar coas "diverxencias de criterios en función da comunidade autónoma na que se resida". Así, "revisarase o proceso de valoración" das persoas en situación de dependencia e "introduciranse novos elementos de ponderación". Cando menos na súa referencia da conferencia, a FAES obvia que os plans de Sanidade contemplan a inclusión da vivenda dos dependentes como un punto fundamental á hora de determinar a asistencia que se lle ofrece, podendo mesmo dar lugar a xerar unha débeda para a súa familia.

A nómina de ministros no curso de verán da FAES péchaa este venres o titular de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que abordará tamén as reformas que prepara. Ademais de representantes gobernamentais, por este curso, subvencionado polos ministerios de Educación e Exteriores, pasaron tamén representantes empresariais como o ex ministro Josep Piqué ou o presidente da CEOE, Joan Rosell.

Sáenz de Santamaría, na FAES © Fundación FAES
Mato, con Aznar antes da súa intervención © Fundación FAES
Aznar e Joan Rosell, nun curso de FAES © Fundación FAES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.