A feble posición do Estado e de Rajoy ante o Brexit

Mariano Rajoy © PP

Mariano Rajoy ten moi limitadas as súas capacidades para reaccionar ante o Brexit. España é, a día de hoxe, un suxeito pasivo en Europa á espera de que un Goberno nomeado polo Parlamento poida decidir de por si a súa estratexia de Política Exterior. Os límites á acción do executivo saínte están fixados na Lei do Goberno que especifica que un executivo en funcións "limitará a súa xestión ao despacho ordinario dos asuntos públicos".

Europa é consciente de que España é un interlocutor débil envolvido na incerteza

Ademais dos límites marcados polas leis españolas, Europa é consciente de que España é un interlocutor débil envolvido na incerteza, respecto da formación dun novo executivo. O papel do Estado terase que limitar polo de agora ao de oínte, mentres non se presente en Europa sen ese apelido de "en funcións".

O vindeiro martes Rajoy asiste ao primeiro Consello Europeo logo de coñecerse os resultados do referendo británico. Antes dese encontro, o presidente en funcións deberá comunicar ao resto de formacións a postura que España defenderá na reunión.

Rajoy conversou este venres cos principais líderes políticos para avanzar nunha postura común ante Europa. A prudencia debida para un Goberno en funcións contrasta coas declaracións realizadas nas últimas horas polo ministro de Exteriores, José Manuel García Margallo e a vicepresidenta, Soraya Sáez de Santamaría. Ambos os dous membros do Goberno insinuaron que o Brexit achega a posibilidade dun Xibraltar con soberanía española. En ámbitos políticos consideran estas formulacións como unha estratexia electoral que ninguén defenderá nestes momentos ante os socios europeos.

Rajoy é un líder sen futuro definido nun dos momentos máis transcendentais da historia da Unión Europea

Rajoy chegará ao Consello Europeo coa dixestión electoral feita pero sen avanzar na construción dun Goberno. Descartada a posibilidade dunha maioría absoluta, a súa situación política nese momento será similar á de agora: un líder sen futuro definido nun dos momentos máis transcendentais da historia da Unión Europea.

O Consello Europeo abordará por primeira vez o calendario de saída que haberá que negociar para facer efectiva a decisión dos cidadáns de Reino Unido. Os expertos consultados aseguran que a consumación do Brexit precisará como mínimo dun ano, polo que a debilidade da posición española limitarase ás primeiras reunións que Europa manterá para acordar o divorcio británico.

O máis complicado para España son os límites de actuación no curto prazo. É difícil que Moncloa teña marxe de manobra para grandes actuacións se os problemas económicos derivados do Brexit seguen afectando mercados e empresas estratéxicas.

Mentres Europa empeza a preparar a saída do Reino Unido, os políticos españois iniciarán de novo a rolda de contactos para buscar os acordos que permitan nomear a un presidente. segundo membros dos equipos negociadores que lideraron eses encontros tras o 20-D, "o Brexit meterá presión para chegar a un acordo canto antes".

Mentres que en Londres ou en Escocia o apoio á permancia é claro, as pequenas vilas inglesas apostan polo Brexit CC-BY-NC Ian

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.