A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), dominada polo PP, "rexeita frontalmente a reforma local" que pretende sacar adiante o Goberno central "tal e como está exposta" no décimo borrador - que é o actual anteproxecto de lei-, tal e como asegurou o seu presidente, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
A postura da Fegamp reflicte agora o rexeitamento que xa amosaran en privado moitos alcaldes do PP
Deste xeito, a Fegamp sitúase á fin do lado da maioría dos alcaldes dos pequenos concellos galegos, contrarios a unha reforma local que acusan de "recentralizadora, privatizadora" e que provoca unha irreparable "perda da autonomía local" dos municipios. Malia que a voz cantante nestas protestas recae nos rexedores dos partidos da oposición en Galicia (PSdeG, BNG, Anova ou CxG), son moitos os alcaldes do PP que, coa boca pequena e en privado, amosan o seu frontal rexeitamento a unha modificación lexislativa que afecta de cheo o país, polo seu carácter eminentemente rural e pola elevada cifra de concellos con menos de 20.000 habitantes.
Así, e logo da reunión dos portavoces da Fegamp, Rey Varela compareceu en rolda de prensa e, en canto á fronte creada por alcaldes críticos nos últimos días -estiveron presentes os de Pedrafita, A Pastoriza e Monforte-, afirmou coincidir "co fondo" do que expoñen, pero lanzoulles unha mensaxe ao dicir que espera que nunca os intereses partidistas poidan alterar" o desenvolvemento dos traballos da Fegamp. Varios dos rexedores críticos ameazaran con abandonar a Federación de non canalizarse as protestas dos municipios a través dela.
Rey Varela di coincidir "co fondo" das críticas dos rexedores da esquerda, pero pídelles que os intereses partidistas non alteren a Fegamp
Para Rey Varela, houbo avances" desde que a federación galega presentou as súas alegacións ao anterior proxecto do Goberno central, pero cre que o último borrador excede "liñas vermellas" marcadas en catro ámbitos. Así, subliñou estar "en profundo desacordo co traspaso de servizos sociais" ás comunidades, falou dunha "dubidosa redacción" que "non garante" que os concellos "terán que deixar de abonar os gastos correntes dos centros educativos", criticou "o papel" que se lle outorga ás deputacións e rexeitou tamén o aspecto "que ten que ver coa intervención e o control económico por parte das intervencións municipais".