O matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a lei do aborto, os Orzamentos Xerais do Estado, o Estatut de Catalunya ou a prohibición das touradas en territorio catalán. Mentres José Luis Rodríguez Zapatero sentou na Presidencia do Goberno de España non foron poucas as ocasións nas que o PP, xeralmente representado polo seu fontaneiro legal de cabeceira, Federico Trillo, acudiu ás portas do Tribunal Constitucional para recorrer unha lei aprobada polas Cortes Xerais. Este martes a oposición galega en pleno apoiou unha iniciativa do PSdeG para facer a mesma operación coa reforma local impulsada polo Goberno central, a mesma que rexeita a práctica totalidade dos concellos galegos -tamén os do PP-. Pero os conservadores opuxéronse.
Nun discurso que ben podería servir para rebater a praxe política do propio PP nos seus tempos de oposición o voceiro do partido do goberno no debate, Román Rodríguez, considera que "non parece que un desacordo político teña que derivar nunha alegación ao Tribunal Constitucional", en referencia ao recurso proposto polos socialista. Recorrer unha lei ante o TC é agora para os populares "unha vía para prolongar a diverxencia política", unha "actitude frívola" que implicaría "utilizar o TC" como "instrumento para a confrontación política". Isto non só o pensa el, asegura. Tamén un "reputado analista" dun xornal "rexional de Galicia", Fernando Ónega, tamén cre que "a oposición política" está "abusando do Tribunal Constitucional".
O PP rexeita agora recorrer ao TC, algo que fixo reiteradamente na oposición ao PSOE
Alén da cuestión procedimental, Rodríguez tamén emenda as protestas de alcaldes e alcaldesas para considerar a reforma local "oportuna e necesaria", porque vai servir para "controlar o déficit" e garantir "o equilibrio fiscal" e o control da débeda mentres garante "que os concellos fagan a función que teñen que cumprir, dar servizos de proximidade". Obviando a prohibición que os gobernos municipais teñen agora para prestar servizos en ámbitos tan sensibles como o social o deputado popular cre que, na liña dun informe do Consello de Estado, que o único que decidiu o gabinete de Rajoy é "un cambio competencial dende un ente local a outro ente local", as deputacións, e non hai, polo tanto, inconstitucionalidade ningunha.
"Despotismo centralizador"
A posición de Rodríguez foi o muro contra o que bateron os argumentos da oposición, a comezar polo socialista Francisco Caamaño, que defendeu o recurso contra a reforma, mostra do "despotismo centralizador" do Goberno do PP. Os conservadores, censura, obvian cuestións como que "non existe ningunha correlación entre o número de concellos e o custo do sistema de goberno local" para levar adiante en solitario "unha lei que reduce as competencias locais, privatiza e rescata, non vaia ser, esa institución tan transparente que son as deputacións provinciais", aínda que iso implique unha "violación clara da autonomía local e do Estatuto de Autonomía".
A oposición alerta da invasión de competencias e da privatización de servizos públicos
Caamaño lamenta que o "economicismo" sexa o único criterio que guía a política local do PP e tamén o fai Xabier Ron, de AGE, convencido de que o obxectivo da reofrma é "favorecer a entrada do sector privado na prestación de servizos públicos" mentres se lles impoñen máis "trabas burocráticas" aos concellos. É unha lei "fondamente ideolóxica, reaccionaria e neoliberal" que busca "mutilar o sector público" e facelo "buscando un culpable, os concellos", malia seren "esenciais na consolidación da democracia". O recurso contou tamén co apoio do BNG, que a través de Tereixa Paz alertou da "vulneración de competencias" que implica esta lei "centralizadora e privatizadora". Finalmente, como adoito, a maioría absoluta foi o derradeiro argumento.