A presión municipal, primeiro a través dos propios concellos e despois a través da Fegamp, levou a Xunta a intentar encaixar a reforma local ás particularidades de Galicia. Farao mediante unha lei "urxente" que cubra as "dúbidas" de interpretación sobre a aplicación desta polémica lei estatal que está en vigor desde o pasado mes de xaneiro e que provocara o rexeitamento masivo dos municipios, máis explícito no caso dos non gobernados polo PP, pero igual de convencido que os populares. A ninguén convence unha nova normativa cuxos principais prexuízos intentan minorar o Executivo galego antes de darlle unha volta á Lei de Administración Local de Galicia. Pero iso será dentro duns meses.
Antes, e este mesmo mércords, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou aos voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias o borrador desta lei urxente para que os municipios acheguen as súas suxestións. Logo, o Consello da Xunta aprobará un proxecto de lei que será levado ao Parlamento no menor tempo posible.
A lei urxente pretende garantir a prestación eficiente de servizos públicos e evitar as disfuncionalidades
O texto pretende garantir a prestación eficiente de servizos públicos e evitar as dúbidas ou disfuncionalidades que se poden producir e que acabarían prexudicando os cidadáns. O proxecto de lei pretende regular situacións como aquelas nas que un concello decida asumir competencias novas e distintas ás propias e delegadas. Tamén se intenta regular a cooperación entre municipios e Xunta a través de convenios e consorcios, así como concretar as competencias que a Xunta terá que asumir logo de que Facenda acordase transferilas ás autonomías.
A Xunta trata así de restar impacto á reforma local, unha norma coa que xa amosara o seu descontento nas súas alegacións e que, xunto coas presentadas pola Fegamp, deixaron claro que Galicia non estaba nada de acordo coa nova normativa. Moitas das intencións do Goberno central, que propuxo a intervención directa de pequenos municipios, a aplicación do custo estándar ou a supresión de concellos, foron aparcadas finalmente.
Galicia é a primeira autonomía en intentar adaptar a reforma local ás súas competencias
O vicepresidente Rueda explicou que a Xunta pretende agora "resolver as cuestións prácticas" de aplicación da normativa estatal e destaca que Galicia é a primeira autonomía en adaptar a lei ás súas competencias, unha alternativa que cre máis eficiente que "outro tipo de cuestións" como un recurso ante o Tribunal Constitucional que é o que se debaterá a vindeira semana no Parlamento a iniciativa do PSdeG.
"Buscamos solucionar os problemas que se están dando", insistiu Rueda. José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp, cre que o importante desta proposta da Xunta é que a administración local e autonómica "se poñan de acordo para garantir os compromisos públicos cos cidadáns".