A Fegamp volve rexeitar a suba do canon de Sogama e di tamén non ao seu aprazamento

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

A Fegamp rexeita o aprazamento da suba do canon que Sogama cobra aos concellos e non ratificou finalmente esta "medida paliativa", tal e como anunciou nun comunicado, logo de que o pasado venres a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaran o aprazamento deste incremento do 1 de xaneiro previsto ao 1 de xulllo de 2014.

    A Fegamp non ratificou o acordo de aprazamento da suba da taxa da pasada semana ante a falta de consenso

Tras as protestas e reivindicacións dunha morea de concellos, que ameazaron con deixar de pagar á planta de Cerceda se o Executivo non negociaba unha alternativa a este incremento, o presidente da Fegamp, o popular José Manuel Rey Varela, considerara "un avance importante e considerable" o aprazamento, ao tempo que o voceiro socialista na institución, o alcalde do Barco, Alfredo García, e Francisco García, vicepresidente segundo e rexedor nacionalista de Allariz, valoraban o cambio de actitude da Xunta, pero agardaban no entanto que se buscasen alternativas á suba da taxa. Tan só cinco días despois, a comisión executiva da federación municipal non ratificou o acordo do pasado venres "dado que non se daba o consenso necesario" e ante a necesidade de que "o municipalismo manteña a súa unidade de acción en asuntos tan transcendentes".

A Fegamp lembra que o acordo político era "imprescindible" para materializar o atraso da aplicación do incremento do canon, ao precisarse unha transacción parlamentaria no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2014 na que participen os grupos da oposición, dado que a maioría popular non pode modificar unha emenda propia unha vez concluído o trámite legal. Na actualidade, a emenda do grupo parlamentario popular ao texto orzamentario prevé que o incremento do canon sexa efectivo o 1 de marzo, en lugar do 1 de xaneiro que se establecía inicialmente.

    A federación de municipios confirma o seu "rexeitamento" ao incremento dun canon que "nunca se expuxo a aprobar"

A ausencia de consenso confirmou o "rexeitamento" da Fegamp a unha suba que "nunca se expuxo a aprobar" e na que foi clave a xuntanza que os alcaldes socialistas mantiveron o pasado martes en Compostela e onde acordaron considerar "insuficiente" o aprazamento do incremento da taxa de Sogama, malia que o voceiro socialista na federación de municipais o consideraba un mal menor á espera dunha futura alternativa. O BNG, pola súa banda, xa manifestara o seu claro rexeitamento á medida, da que só valorou o cambio de actitude da Xunta ao disporse a negociar. Todo isto levou ao presidente a desistir de someter a votación un acordo que non tiña apoio unánime e que conta coa negativa de todos os municipios non gobernados polo PP.

O feito de que a Xunta xa advertise de que no vindeiro mes de xullo, en canto estea rematada a reforma do sector eléctrico do Goberno central, habería que volver revisar o canon de cara á 2015 e de que non descartase unha nova suba da factura do lixo influíu tamén no rexeitamento a unha suba que os municipios socialistas e nacionalistas consideran tan só "un parche".

A reacción dos populares non se fixo agardar e a súa voceira, Paula Prado, acusou o PSdeG de "boicotear os acordos entre Xunta e Fegamp para reducir á metade a suba do canon" e centrou as súas críticas no secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Besteiro, ao que culpa de "impedir que os concellos poidan aforrar 6,6 millóns o próximo ano" (en referencia ao desconto que suporía atrasar o incremento da taxa) e de "rectificar o seu voceiro na Fegamp e ceder ás presións do sector máis radical do partido".

    O PP acusa a Besteiro de "rectificar o seu voceiro na Fegamp e ceder ás presións do sector máis radical do partido"

"É incomprensible que o PSdeG solicitase non seo da Fegamp unha suba graduada e agora que a Xunta ofrece esa posibilidade a rexeite", insiste Prado. No entanto, os socialistas aclaran que o non ao adiamento débese á falta de explicacións "do mal funcionamento de Sogama", un modelo que, como no caso do BNG, consideran "fracasado". Ademais, os alcaldes do PSdeG xa aclaran que seguirán votando en contra do aprazamento da suba da taxa, cando menos ata que a Xunta facilite informacións e conclusións concretas sobre a sociedade ambiental a través dunha auditoría.

Mentres, Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, defendeu Sogama como un sistema de futuro e respectuoso coa normativa europea de xestión de residuos durante o pleno do Parlamento, ademais de anunciar que está a estudar a posible ampliación da capacidade de tratamento da planta de Cerceda, "un proceso necesario para incrementar as taxas de valorización de residuos".

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp
Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.