"A festa maior de todos os galegos"

O Alba de Groria de Castelao, en 'tags' CC-BY-SA Merixo

"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única". "Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo". Hai 64 anos Alfonso Rodríguez Castelao pronunciaba estas verbas no Centro Galego de Bos Aires. Dende o exilio forzado pola ditadura de Franco o político e artista describía a "festa de saudades" na que o 25 de xullo se convertía para el e para tantas outras persoas por ter que estar lonxe do país no día da "Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos".

Nese día a "imaxinación" de Castelao cruzaba o Atlántico para regresar a Galicia e, de volta, escoitar "as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes". "Pero ¡como se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Como doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade!", salientaba. Entre os pensamentos do autor de Rianxo plasmados nesta Alba de Groria subxacen as lembranzas das celebracións que, apenas vinte anos antes, comezaban a poboar o país cada 25 de xullo, xa fose como Día de Galicia ou, sobre todo, como Día da Patria.

Nomeadamente, para atopar a transformación do Día de Santiago Apóstolo en xornada de reivindicación da identidade galega cómpre remontarse 93 anos, ata 1919. Naquela altura, na II Asemblea Nacionalista as Irmandades da Fala vían no 25 de xullo a data idónea para exercer a "autoafirmación". Propuxéronse que "dentro de poucos anos o 25 de xullo non haxa un fogar galego que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo" e así o fixeron xa en 1920, cando en diferentes puntos do país, especialmente en Compostela, comezaron a organizar actos festivos e musicais e izados da bandeira galega en edificios destacados. A festa comezaba a despegar ata que en 1923 bateu por primeira -pero non última- ocasión contra unha ditadura, a de Primo de Rivera, e a súa prohibición de toda simboloxía que non fose a de España.

A paréntese da represión durou ata 1931, coa proclamación da II República. Dende ese ano a data adquire xa unha vertente máis nidiamente política, en boa medida co impulso do Partido Galeguista, constituído o 6 de decembro dese mesmo ano con persoeiros como Alexandre Bóveda ou o propio Castelao á fronte. É o PG e as súas mocidades, con membros como Avelino Pousa Antelo, o que xa en 1934 e 1935 estenden as celebracións á noite do día 24, co Mitin das Arengas na compostelá Praza da Quintana, que na súa primeira edición combinou o acto político cunha  manifestación ata o monumento en homenaxe a Rosalía de Castro, na Alameda da cidade. O entusiasmo e as celebracións dalgúns combinábanse naqueles días co rexeitamento doutros, a comezar pola prensa local de Santiago, que vía nos mitins, nos cántigos e no reparto de bandeiras azuis e brancas toda unha mostra de "antiespañolismo".

A segunda ditadura, autonomía e "Día Nacional"

Como calquera actividade que arrecendese a democracia, as conmemoracións do Día da Patria foron radicalmente vetadas dende 1936 polos impulsores do golpe de Estado franquista. Como tantas outras actividades políticas os actos trasladáronse ao exilio, en eventos como o que acolleu a lectura do Alba de Groria. Mentres, entre os intelectuais e políticos galegos abordábase tamén a conveniencia ou non de trasladar a lembranza e celebración do país do 25 de xullo ao 17 de decembro, mudando así un día de connotacións relixiosas pola xornada da morte do mariscal Pardo de Cela.

A xornada é oficialmente o Día Nacional de Galicia dende 1979, se ben o Goberno galego obvia esa denominación

Mentres isto sucedía en América, no interior de Galicia o máis semellante a estes actos chegou, por primeira vez, a mediados dos 50, cando os galeguistas agrupados en torno á nacente Editorial Galaxia e a Ramón Piñeiro impulsaron a Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval. Con todo, non foi ata 1968 cando, por primeira vez dende a República, houbo unha tentativa de reivindicación netamente política no 25 de Xullo, cunha protesta organizada pola Unión do Povo Galego (UPG) que se repetiu nos anos seguintes, sempre nun clima de dura represión por parte da policía franquista. Dende 1975, a convocatoria correría, sucesivamente a cargo da Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG) e do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), aos que se unían grupos como o Partido Socialista Galego (PSG).

É neste contexto no que chega o actual réxime autonómico e no que o 25 de xullo adquire tamén o seu ás veces esquecido rango legal. Fíxoo o 1 de xaneiro de 1979, cando a Xunta preautonómica sacaba á luz o segundo número do Diario Oficial de Galicia (DOG) para aprobar o seu réxime interno e o seu "presuposto económico" e, ademais, para promulgar o "decreto polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano". É precisamente o adxectivo "nacional" o que lle trouxo problemas políticos a Antonio Rosón, ex falanxista e presidente preautonómico polo veto de UCD a que a primeira Xunta estivese dirixida por un galeguista histórico. Contra os prognósticos dos mandos do partido de Adolfo Suárez, Rosón procurou o achegamento a certos sectores do nacionalismo e reclamou que Galicia estivese ao nivel de Euskadi e Catalunya, tamén na súa festa "nacional". E foi relevado do posto, no que se situou a José Quiroga Suárez.

Xa con Estatuto de Autonomía e Goberno elixido nas urnas a Xunta tenta, entre 1981 e 1984, darlle corpo institucional ao 25 de Xullo e mesmo organizar actos festivos na rúa, os cales tiveron escasa acollida. Maior acollida teñen nesa altura os actos organizados polo nacionalismo, organizado no BNG dende 1982 e que en 1984 logra vencer os límites policiais e culminar a súa manifestación na Praza da Quintana, cunha tradición que chega ata a actualidade coa novidade neste 2012 da multiplicidade de actos nacionalistas. Ademais do Bloque, organizan os seus propios eventos Compromiso por Galicia e Anova-Irmandade Nacionalista, ademais dos grupos independentistas Causa Galiza e Nós-UP.

Ao mesmo tempo, pola banda institucional o Goberno galego dedica a mañá a asistir a denominada "ofrenda nacional" na Catedral de Santiago e, pola tarde, acode á entrega das Medallas de Ouro de Galicia, único acto gobernamental dun día que dende 2009 perdeu de novo o adxectivo "nacional" nas comunicacións oficiais, apelativo que recuperou durante o mandato do bipartito.

Celebración do Día da Patria de 1930 en Vigo, con Castelao á fronte Dominio Público Praza Pública
Actos políticos do 25 de Xullo de 1980 e 1981 © Arquivo UAB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.