A fin dos 30.000 euros libres de impostos para cada deputado?

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia

Se todos están de acordo, por que non se fai? É a pregunta que cabería facerse ante a non aplicación do teórico acordo existente entre todos os grupos do Parlamento galego para modificar o sistema retributivo dos deputados e deputadas e que estes paguen impostos por todo o seu salario. A pasada primavera todo o arco parlamentario amosou a súa conformidade sobre unha decisión que depende, en última instancia, da Mesa do Parlamento, na que o PP ostenta a maioría absoluta. A reforma ía estar rematada a comezos do verán e a última noticia que se ten dela é por boca de Alberto Núñez Feijóo, que hai poucos días defendía nun almorzo informativo que o cambio se aplicará no inicio de 2014.

Mentres transcenden algunhas reticencias procedentes do interior do propio Grupo Popular a oposición en pleno di concordar coa fin do actual sistema, instaurado en 2006. Ata ese momento a estrutura salarial dos deputados e deputadas compúñase dunha "asignación fixa" e dun complemento por asistencia ás diversas xuntanzas da Cámara. O cambio introducido nos tempos en que a socialista Dolores Villarino presidía o lexislativo -co apoio de todos os grupos- implicou substituír esa achega variable pola denominada "axuda de custo", unha "contía mensual fixa para afrontar gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade parlamentaria" que na actualidade ascende a 2587,39 euros ao mes, máis que o soldo base, situado en 1942,95 euros ao mes.

Máis de 2.500 euros mensuais están libres de IRPF por seren legalmente para "gastos de aloxamento e manutención"

O feito de que esta parte fixa e substancial do salario sexa legalmente unha axuda para aloxamento e manutención permitiulle á Cámara refuxiar esta achega pola vía do artigo 16 da Lei do IRFP, que non considera "rendemento do traballo"e, polo tanto, cartos suxeitos a retencións, a "parte" do salario que reciben os membros dos parlamentos para "gastos de viaxe e desprazamento". Non obstante, o Parlamento de Galicia págalles aos seus membros 0,26 euros por quilómetro percorrido no seu vehículo particular para ir e volver do Parlamento ou, no seu defecto, sufrágalles o transporte público se ten esta mesma finalidade.

Máis de medio soldo libre de impostos

Se a reforma se consuma porase fin a case unha década na que os deputados e deputadas estiveron a cobrar, nalgúns casos, máis de medio soldo libre de impostos. Nomeadamente, os cartos non suxeitos ao IRPF ascenden a 31.048,68 euros ao ano. No caso dos deputados 'rasos', aqueles que perciben "asignación fixa", "axudas de custo" e "gastos de representación", este complemento supón o 54% do seu salario. Tamén é máis da metade do salario dos vicevoceiros (52%) e aproxímase no caso dos voceiros (48%). O peso da cantidade libre de impostos é menor para os membros da Mesa, dada a súa elevada retribución. Así, os dous vicepresidentes e os dous secretarios cobran libre de impostos o 32% do soldo e a presidenta, o 30%.

  Cobra Tributa por Sen impostos
Deputado 'raso' 4811,25 € 2.223,86 € 54%
Presidenta 8666,88 € 6079,49 € 30%
Vicepresidentes (2) 7570,95 € 5.163,56 € 32%
Secretarios (2) 7570,95 € 5.163,56 € 32%
Voceiros (4) 5442,30 € 2.854,91 € 48%
Vicevoceiros (4) 4996,68 € 2.409,29 € 52%
Mesas comisións 4811,25 € 2.223,86 € 54%

Os soldos dos deputados son arredor da cuarta parte do orzamento parlamentario

Esta modificación retributiva prodúcese nun momento no que o PP mantén aínda sobre a mesa a súa intención de recortar o número de escanos apelando, precisamente, ao aforro. Aínda que os salarios parlamentarios son sensiblemente máis avultados que os da maior parte das traballadoras e traballadores o certo é que non representan unha parte substancial do orzamento da Cámara. Concretamente, o Parlamento gasta uns 380.000 euros mensuais en salarios de deputados ou, o que é o mesmo, uns 4,5 millóns anuais. Unha vez sumados os 580.000 euros orzamentados para "gastos de locomoción", que cada deputado xustifica individualmente, a suma dá uns 5 millóns de euros, isto é, en torno á cuarta parte dos case 20 millóns de euros por ano que manexa o lexislativo.

Fonte: Parlamento de Galicia (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.