A fin dos envíos de papeletas ás casas aforraría ata 1,7 millóns por elección

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

É unha escena clásica antes de cada convocatoria electoral. As caixas de correo dos fogares énchense de sobres, moitas veces dirixidos a cada habitante da vivenda con nomes e apelidos, cos logotipos das forzas que concorren ás eleccións. No seu interior pódense atopar trípticos con algunhas mensaxes electorais ou a imaxe do candidato ou candidata. Algúns partidos mesmo optan por simular un contacto directo co electorado, incluíndo na misiva unha carta do líder cunha reprodución da súa sinatura. No que coinciden a práctica totalidade é en achegar un sobre de votación e unha papeleta da súa candidatura, isto é, o mesmo que se atopa nos colexios electorais. Esta práctica, ademais de non ser inocente, non lle sae de balde á cidadanía.

Segundo establece a lexislación electoral, o "envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral" está subvencionado para aquelas organizacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia, se se trata dunhas autonómicas, ou na Cámara que corresponda. Así, por exemplo, nas últimas eleccións galegas esta achega económica ascendeu a 16 céntimos por integrante do censo electoral, formado por 2.697.717 persoas a 1 de xuño de 2012, data de referencia para esa convocatoria.

As forzas con representación parlamentaria tiveron dereito a 16 céntimos por integrante do censo electoral para sufragar os envíos

Dado que as catro formacións que actualmente sentan no Pazo do Hórreo (PP, PSdeG, AGE e BNG) obtiveron representación polas catro circunscricións electorais galegas -coincidentes coas provincias-, todas tiveron dereito a unha achega económica idéntica para sufragar estes gastos, isto é, 431.634,72 euros, o que supón un total de 1,7 millóns de euros. Non obstante, non todas declararon os mesmos gastos nin recibiron a mesma subvención polo envío de papeletas e propaganda.

Segundo o informe de fiscalización das contas electorais que realizou o Consello de Contas sobre comicios do 21-0 a forza parlamentaria que máis fondos recibiu por este concepto foi o BNG, cunha subvención de 431.442,08 euros. Esta axuda serviulles aos nacionalistas para sufragar a maior parte dos seus 2,7 millóns de envíos, se ben tiveron que pagar algo máis de 17.000 euros por envíos "non cubertos pola subvención". Quen tamén tivo que pagar envíos do seu peto foi AGE, no seu caso por importe de máis de 37.000 euros fóra da subvención, que quedou en 367.869,44 euros, a mesma que recibiu o PSdeG, partido que só pagou 7,50 euros en envíos. Pola súa banda, o PP xustificou 2,3 millóns de envíos cun gasto de 293.430 euros, exactamente o mesmo que recibiu de subvención.

Os socialistas reclaman que as papeletas estean só nos colexios electorais para evitar a carretaxe e aforrar as axudas

Neste contexto, xa xorden voces políticas que apostan por unha reforma destas subvencións non só en aras do aforro, senón tamén por unha maior limpeza electoral. O primeiro en propoñelo foi o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cuxo voceiro na comisión do Consello de Contas, Juan Carlos González Santín, trasladou este martes a súa reivindicación ante o conselleiro maior do organismo, Luciano Fariña. En opinión dos socialistas, a fin dos envíos electorais non só permitiría deixar de gastar cartos, senón que faría moito máis difícil a práctica de "levar á xente votar", isto é, a carretaxe. "No século XXI todo o mundo sabe coller a papeleta no colexio electoral", argumenta, polo que reclama que as papeletas estean só nos colexios.

Do mesmo xeito, os socialistas coidan que Contas tamén debería poñer o acento no control doutra "práctica antidemocrática": "a propaganda electoral encuberta" que vai "sospeitosamente camuflada" en "campañas publicitarias" oficiais "en torno ás datas electorais". Así, sinala Santín, mentres "os partidos se manteñen baixo o límite do 20%" dos gastos en propaganda en prensa e radio -o PP declarou gastos por 252.000 euros, o PSdeG 201.000, AGE 1.052 euros e o BNG, 80.000- non se verifican as campañas electorais financiadas polas institucións amigas". "É tan sinxelo como comparar o gasto en publicidade nos meses máis achegados á campaña electoral co ano anterior". Esta proposta "foi sistematicamente rexeitada polo PP", subliña Santín, polo que deduce que "alto terán que agochar".

Electorado agardando para votar nun colexio electoral de Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.