A Fiscalía busca fórmulas para meter tamén na cadea a Trapero

Recibimento a Trapero na sede dos Mossos © Mossos d'Esquadra

A Fiscalía da Audiencia Nacional busca implicar o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, no delito de sedición que investiga a xuíza Carmen Lamela. O seu próximo paso, segundo filtraron desde o Ministerio Público a algúns medios pode ser pedir á maxistrada, que este luns deixou en liberdade a Trapero, estender a investigación xa iniciada polos incidentes dos días 20 e 21 de outubro aos feitos acontecidos durante o 1 de outubro cando se celebrou o referendo.

O Ministerio Público tampouco descarta recorrer a decisión da titular do Xulgado Central de Instrución número 3 de deixar libre a Trapero.

A Fiscalía medita pedir á xuíza que estenda a investigación ao 1-O ou recorrer a posta en liberdade de Trapero

Este luns, a xuíza enviou a prisión provisional os presidentes da Assemblea Nacional Catalá (ANC) e de Òmnium Cultural, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, respectivamente, pero deixou saír con medidas cautelares (retirada de pasaporte, prohibición de saír do territorio estatal e comparecencias quincenais) o major e a intendente dos Mossos.

No auto de prisión de Sànchez e Cuixart, Lamela explicaba que non vía "dabondo perfilada" a acusación contra os mandos policiais e deixaba claro que "o único que está a ser obxecto de investigación polo momento" son os feitos relatados na denuncia da Fiscalía que deu orixe a esta investigación por sedición, é dicir, os ocorridos durante os rexistros en sedes da Generalitat os días 20 e 21 de setembro. Sucesos que, segundo remarca, "polo momento non foron obxecto de ampliación".

O Ministerio Público ten claro que os feitos de setembro están relacionados cos que finalmente se sucederon o día do referendo e, de feito, lembra as palabras de Sánchez e Cuixart ante a sede da Conselleria de Economía o día dos rexistros instando á mobilización e a votar na consulta. Por iso, respondendo o argumento da xuíza, as citadas fontes deixaron claro que a Fiscalía vai proceder para tratar de que a investigación se estenda ao 1-O.

O Ministerio Público ve factible que nesta causa por presunto delito de sedición haxa máis imputados nun futuro

Deste xeito, o Ministerio Público ve factible que nesta causa por presunto delito de sedición haxa máis imputados nun futuro, aínda que as fontes consultadas non quixeron pronunciarse sobre quen poderán ser porque o procedemento aínda está moi aberto.

Por outra banda, hai discrepancias entre a Fiscalía da Audiencia Nacional e a xuíza sobre a pena que levaría aparellado o delito de sedición. Tanto no auto de liberdade de Trapero e Laplana como no de prisión de Sánchez e Cuixart, a maxistrada establece unha pena máxima de dez anos de cárcere, pero o Ministerio Público cre que debería subirse a 15 anos para o maior dos Mossos ao ser considerado "autoridade".

Sobre a petición de investigar as contas de ANC e Òmnium, as fontes lembraron que non se pode actuar contra persoas ou entidades que non están perseguidos penalmente e efectivamente as organizacións independentistas non o están. Ademais, subliñaron que o delito de sedición non se pode aplicar a persoas xurídicas.

 

Paros e protestas

Mentres, na mañá deste martes, milleiros de estudantes, profesores e traballadores secundaron os paros convocados para protestar contra o encarceramento dos presidentes de Òmnium Cultural e a ANC. Durante 15 minutos, houbo concentracións ante os postos de traballo para esixir a liberdade de Sánchez e Cuixart. Nalgúns hospitais tamén se fixeron evidentes as protestas, como o Clínic ou a Vall d'Hebron. Ademais, o Concello de Barcelona decidiu suspender a súa actividade dous días. 

Pedro Sánchez, evitou pronunciarse sobre o envío a prisión dos líderes da ANC e de Òmnium Cultural

Desde Galicia, a onde acudiu a visitar zonas afectadas polos incendios, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, evitou pronunciarse sobre o envío a prisión dos líderes das dúas sociedades civís ao tempo que o seu partido retiraba sine die a reprobación á vicepresidenta Soraya Sánez de Santamaría pola súa actuación en Catalunya. Tamén en territorio galego, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, asegura "non querer unha España na que haxa presos políticos", unha condición que nega o Goberno central: "Non son presos políticos, son políticos presos". 

Desde a Generalitat, o portavoz do Govern, Jordi Turull, acusou a Audiencia Nacional de "facer o que nunca chegou a facer o Tribunal de Orde Pública do franquismo". 

O Tribunal Constitucional declarou por unanimidade a inconstitucionalidade da Lei do referendo

Alén disto, o Tribunal Constitucional declarou por unanimidade a inconstitucionalidade da Lei do referendo, aprobada polo Parlament o pasado 6 de setembro. A lei que permitiu a celebración da consulta do 1-O estaba xa suspendida de facto logo do recurso aprobado polo Goberno. O que agora fai o TC é sentenciar en firme contra esta norma. 

O tribunal, que estima o recurso presentado pola Avogacía do Estado, afirma que a norma invade competencias estatais en materia de consultas de carácter referendario e vulnera principios constitucionais como a soberanía nacional e a indisoluble unidade de España. 

Recibimento a Trapero na sede dos Mossos © Mossos d'Esquadra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.