A Fiscalía da Audiencia Nacional presentou unha denuncia por delitos de sedición polos altercados nas concentracións que se levan producindo en Barcelona e outras poboacións a raíz do estoupido da operación contra cargos da Generalitat responsables do 1-O. A denuncia sinala a Asemblea Nacional Catalá (ANC) e aOmnium Cultural no mesmo día no que os detidos polos preparativos da consulta saíron en liberdade con cargos.
A denuncia sinala a Asemblea Nacional Catalá (ANC) e a Omnium Cultural
A denuncia fai un relato dos incidentes que se produciron o pasado mércores, e que comezaron ás 11 horas na Gran Via de Barcelona, fronte á Conselleria de Economia, onde a Garda Civil entrara para requisar documentación. Os alí concentrados cortaron a vía, sinala o tenente fiscal da Audiencia Nacional, Miguel Ángel Carballo, asinante da denuncia.
"Individuos que non puideron ser identificados, aproveitando a situación, pois xa se atopaban unhas 2.000 persoas, picaron as rodas de diversos coches patrulla da Garda Civil ", apunta o fiscal. Na súa denuncia, sinala directamente a ANC e asegura que os seus voluntarios fixeron un cordón ante a porta da Conselleria de Economia, para evitar que a Garda Civil levase os detidos.
O escrito céntrase nos acontecementos ocorridos nese punto durante todo o día, e sinala que "a planificación destas actuacións chegou ao momento de contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados". Ás 20.20 horas, o líder da ANC, Jordi Sánchez, dirixiuse aos 40.000 concentrados para dicirlles "que ninguén marche a casa, será unha noite longa e intensa", apunta o fiscal.
"A planificación destas actuacións chegou ao momento de contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados", di o fiscal
Para sortear esa concentración, a letrada da Administración de Xustiza tivo que saír "xa de madrugada a través da azotea do edificio", mentres na porta da Conselleria o presidente de Omnium Cultural, Jordi Cuixart, pedía que a mobilización non se detivese.
"Subido a un coche da Garda Civil con Jordi Sànchez chamaron á 'mobilización permanente' desde este xoves a favor do referendo e en contra das actuacións para impedilo", engade o escrito. Mentres a comitiva xudicial esperaba dentro da Conselleria, fóra "tres vehículos oficiais da Garda Civil foron atacados polo xentío, obrigando os axentes a refuxiarse no edificio de Facenda".
A Fiscalía menciona tamén os incidentes en Vía Laietana, na sede da Conselleria e os ataques á sede do PSC, na Conselleria de Exteriores, Governació e na sede da CUP, onde "se organizou unha concentración para impedir pola forza a actuación da Policía".
Finalizado o relato, o fiscal sinala que "a finalidade última destas mobilizacións é conseguir a celebración do referendo para conseguir a proclamación dunha república catalá independente de España, sendo conscientes de que desenvolven unha actuación á marxe das vías legais".
Ata 15 anos de cárcere
O Código Penal castiga no seu artigo 544 con ata 15 anos de cárcere a quen "se alcen pública e tumultuariamente" para "impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das Leis", ou para "impedir a calquera autoridade, corporación oficial ou funcionario público, o lexítimo exercicio das súas funcións ou o cumprimento dos seus acordos, ou das resolucións administrativas ou xudiciais". A competencia para investigar estes feitos corresponde á Audiencia Nacional.
O Código Penal castiga con ata 15 anos de cárcere a quen "se alcen pública e tumultuariamente" para "impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das Leis"
Neste órgano existe un precedente recente, do pasado mes de abril, cando a Audiencia Nacional arquivou unha causa contra o concelleiro da CUP en Vic (Barcelona) Joan Coma por un delito de incitación á sedición. Investigóuselle concretamente por chamar á desobediencia durante un pleno de decembro de 2015, no que o consistorio mostrou o seu apoio á proclamación do Parlamento catalán de inicio da 'desconexión' de Cataluña co resto de España.
Finalmente, o xuíz Central de Instrución número 2 Ismael Moreno estimou que non se lle podía atribuír sedición e decidiu inhibirse en favor do Xulgado de Instrución de Vic (Barcelona) por posibles delitos de desobediencia e prevaricación.
Alén disto, todos os síndicos electorais do 1-O presentaron a súa renuncia ante o Constitucional. Sobre as catro da tarde deste venres, o alto tribunal recibiu unha vaga de escritos no que os devanditos síndicos renunciaban aos cargos encomendados. O TC advertira os membros deste corpo electoral coa posibilidade de multas de ata 12.000 euros diarios de insistiren en dirixir a votación.