A Fiscalía querélase contra un ex-dirixente do PP galego por mentir en defensa dun narco

Carlos Mantilla nun acto co ministro Luis de Guindos Dominio Público Google+ Carlos Mantilla

Segundo o fiscal, Mantilla tería falseado unha peritaxe para  xustificar como aforros os ingresos que o Culebras obtiña de actividades ilícitas

Carlos Mantilla, avogado, economista e destacado dirixente do PP vigués durante tres décadas, nas que foi senador e deputado, recibiu en 2005 a Medalla de San Raimundo de Peñafort en recoñecemento aos servizos prestados á administración de xustiza. Agora vén de recibir unha querela por parte da Fiscalía que o acusa de mentir nun xuízo en beneficio dun narcotraficante. Varios fiscais consideran que Mantilla “faltou conscientemente á verdade co ánimo de favorecer os intereses” de Juan Carlos González Martín, alias Culebras, finalmente condenado por narcotráfico e branqueo.

Segundo o resumo dos feitos que fai o fiscal, e que considera “constitutivos dun delito de falso testemuño en causa criminal”, Mantilla mentiu para favorecer o Culebras no xuízo celebrado contra el a principios de 2014 na Audiencia Provincial de Pontevedra. Nese xuízo a defensa do narcotraficante propuxo a Mantilla como perito para “demostrar que o patrimonio” de Culebras e a súa familia non procedía de actividades ilícitas senón que “estaba plenamente xustificado polas rendas do traballo persoal, capital inmobiliario e mobiliarios e ganancias patrimoniais xeradas pola familia” entre 1986 e 2006. Segundo o fiscal, Mantilla omitiu no seu informe “unha gran cantidade dos gastos e investimentos realizados” pola familia malia que estaban documentados na causa.

O fiscal critica a súa "teimosía, temeridade e falta de rigor contable" para "favorecer os intereses dos seus clientes"

Segundo o relato do fiscal, Mantilla dixo basear o seu estudo sobre a capacidade de aforro da familia en datos do Instituto Nacional de Estatística, cando en realidade “era un estudo da Universidade de Málaga, e iso co fin de dar credibilidade e obxectividade aos seus cálculos”. O fiscal critica a súa “teimosía e temeridade á hora de ratificar en xuízo unhas conclusións imposibles” así como a súa “falta de rigor contable ao dar por acreditados desde o punto de vista contable uns presuntos ingresos obtidos” polo acusado “da explotación de bingos en Portugal sen o máis mínimo soporte documental para xustificar a procedencia do tráfico mercantil ilícito dos 5.830.000 euros” que a familia tiña nas súas contas.

Esa actuación de Mantilla no xuízo no que finalmente Culebras resultou condenado foi denunciada polo fiscal antidroga de Pontevedra ante o fiscal xefe provincial, que á súa vez a remitiu á fiscalía de área de Vigo que foi a que finalmente interpuxo a querela contra Mantilla. Segundo adiantou este mércores El País, foi admitida a trámite e a Fiscalía vai presentar escrito de acusación contra o político para que acabe sentado ante un tribunal. Segundo o fiscal, “existen serios indicios de que o señor Mantilla faltou conscientemente á verdade co ánimo de favorecer os intereses dos seus clientes”.

Outras polémicas de Mantilla

Mantilla preguntouse se tras o 11-M gobernaría "Bin Laden ou Zapatero" e asegurou que en todos os partidos se move "diñeiro negro"

Mantilla, concelleiro entre 1983 e 1991 en Vigo, onde presidiu o PP local, vicepresidente da Deputación de Pontevedra entre 1987 e 1991, e senador e deputado entre 1989 e 2008, viuse envolto en dúas grandes polémicas na súa traxectoria pública. Logo das eleccións xerais de 2004 asegurou que o PSOE gañara grazas aos atentados do 11-M e preguntouse se ía gobernar “Bin Laden ou Zapatero”. En 2013 tamén dixo nun programa radiofónico que en todos o partidos se move “diñeiro negro”, o que o acabou levando a declarar ante o xuíz do caso Bárcenas, onde dixo non saber nada da cuestión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.